Volver

Todo é teatro, por Camilo Franco.

Manifesto  Galego no Día Mundial do Teatro.

Agora que o mundo é tan teatral, o teatro debería ser obrigatorio. Tería que ser o lugar común no que coinciden  teoría e práctica, sabedoría e diversión, a razón e a emoción. Agora que todo o mundo, desde a policía aos xuíces, desde os banqueiros aos presidentes de goberno, están decididos a dar espectáculo en lugar de facer o traballo polo que cobran, é o momento de reivindicar o teatro como escola, como praza, como medida, como referencia. É o tempo de explicar que o teatro foi inventado para o ben, paradesfrutar, para divertirse. Para ser o espello imprescindible no que comprobar como somos do único xeito posible: mirando como nos comportamos.

O teatro di que somos malos. Capaces de querernos moi mal e de matarnos moi ben. Máis dispostos á crueldade que a razoar. Dispostos á violencia, incluso á dos sacrificios heroicos. O teatro leva explicado con insistencia que somos como chimpancés cunhametralladora. Sabemos usala pero non queremos asumir o mal que causará. O teatro explica, unha e outra vez, a nosa febleza e a nosa furia. E a súa sentenza coincide coa da estatística.

Agora todo é teatro, pero non todo é bo. Todo o mundo é un escenario no que os conflitos se van volvendo dramas e os dramas se van volvendo traxedias e a fame vólvese morte mentres moitos miran con impasible ademán. O teatro leva séculos aprendéndonos a condición humana, pero somos tan malos estudantes que os ricos seguen fuxindo silenciosamente sobre a moqueta e os demais seguen condenados a remexer entre os restos. Os restos somos nós.

Pero estamos aquí. E estamos armados. Temos entre as mans unha arma de organización masiva e podemos buscar con ela un final feliz no que os bos e xenerosos cobren e os malos paguen tentando cambiar os seus reinos por calquera cabalo.

Agora que todo é teatro os tempos son chegados. Chegou a hora de que o teatro poña o mundo a andar na dirección correcta. É tempo de mirar o espello coa definitiva decisión de transformar a imaxe que entrega. É tempo de mirar o teatro e aprender. Porque o teatro non é un rito, é unha celebración. Unhas veces desfrútase, outras sófrese, pero sempre se aprende. Só a vida pode ser máis humana que o teatro, pero os dous compórtanse igual. Non é posible levarlle a contraria a Roberto Vidal Bolaño: morre un de tantas cousas que é vivir o que estremece.

Por moi mala que sexa a vida non é inútil. Por moi malo que sexa o seu espello non é inútil. Non é imaxinable nada máis útil que o teatro, nin nada máis práctico para este ou para calquera tempo que precisen do combate a favor da razón ou favor da xustiza que son, como ensina o teatro, a mesma cousa. O teatro é útil porque non é manso. Nós non somos mansos. Esa é a nosa utilidade.

Agora que todo é teatro, o teatro é máis importante que nunca. Agora que todo imita aos escenarios tentando facer pasar por comedia os padecementos, que pode haber máis importante que o teatro? O teatro segue aquí, campando na resistencia. Interpretándonos. Advertindo que por moito que nos mintan non conseguirán enganarnos.

Porque todo é teatro, pero o teatro moito máis.

Camilo Franco

Este manifesto leuno o mesmo Camilo Franco na gala de entrega dos XVIII Premios de Teatro María Casares, o 27 de Marzo de 2014 no Teatro Rosalía Castro da Coruña. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia convida todolos anos a unha destacada figura da cultura do país a escribir o manifesto e facelo público na gala dos premios.