Volver

Manuel Gallart

Cartelista do Teatro Colón durante medio século, Manuel Gallart estivo predestinado dende o seu nacemento a vivir entre o teatro e o cinema. O seu pai manexou durante anos o proxector do vello cine Doré da Coruña. Aos 19 anos conseguiu o seu carné de operario e, pouco a pouco, principiou no que sería o seu oficio. Neses principios cos pinceis xogou un papel fundamental o cartelista catalán, Benaiges, quen pouco tardou en fixarse nun mozo Gallart. Ensinoulle o oficio. Así comezou unha longa traxectoria no Teatro Colón, ilustrando todas as estreas cinematográficas e teatrais que pasaron polo escenario coruñés. Xamais asinou ningunha das súas obras. Non era modestia, nin falsa nin verdadeira. Simplemente consideraba que non lle pertencía a autoría. Dende o seu punto de vista, o seu traballo era reproducir, ampliar e reinterpretar o traballo creativo doutros.

Malia toda modestia, o labor de Gallart resultou inxente. Tamén imprescindible para promover e divulgar as obras teatrais e películas que chegaban á Coruña. Porque o seu traballo non se limitaba unicamente ao Teatro Colón. Os seus cartaces espalláronse durante décadas por todos os recintos da cidade e mesmo por toda Galicia. En teatros como o Rosalía de Castro, o cine Avenida, o Goya ou o Coruña empregaron os seus deseños. Mesmo a histórica Sala Fraga de Vigo recibiu os seus carteis, chegados no Castromil na maioría das ocasións.

A traxectoria de Gallart, ademais de incluír os retratos de mil e unha estrelas de Hollywood e da escena teatral, tamén inclúe o deseño e elaboración de numerosos decorados, principalmente, para o ballet Rey de Viana. E en máis dunha ocasión tamén exerceu de restaurador de escenografía das compañías que pasaban polo Colón. Como publicista tamén chegou a realizar algunhas encargas esporádicas ao longo das décadas.

No ano 2000 recibiu o Premio de Honra Marisa Soto durante a cerimonia de entrega dos Premios de Teatro María Casares. Con este recoñecemento, a profesión teatral recoñeceu o labor dun profesional entregado, dun profesional que -como tantos outros- resultou imprescindibles para as artes escénicas. Sen todos aqueles que traballan antes e despois de que suba o pano, non habería teatro.

IV Edición | 2000

Premio de honra