Volver

Celebración dos 25 anos de teatro profesional

O Premio de Honra Marisa Soto de 2003 converteuse nun recoñecemento colectivo para a oficio. Cumpríase o primeiro cuarto de século do teatro profesional galego. Durante a cerimonia dos Premios de Teatro María Casares, os intérpretes Olalla Salgado e Ramiro Neira -como representantes dunha nova xeración de actores- foron os encargados de presentar un premio que ninguén recolleu. Porque lles pertencía a moitos. Por ese motivo, esnaquizaron a xerra para que cadaquén puideran recibir o anaco que lle pertencía. Deste xeito, recoñecíase o esforzo conxunto dos pioneiros e pioneiras que puxeron os alicerces do gran edificio teatral naquel fundacional 1978. Aquel ano tómase como referencia, principalmente, por unha serie de compañías que deron un primeiro paso esencial: tomar o feito teatral como actividade teatral. A finais de 1977, Antonio Simón xunto a Gonzalo Uriarte, Manuel Manquiña e Francisco Taxes crearon a cooperativa Troula. No mes de decembro dese ano, principiaron a ensaiar a súa primeira montaxe: O velorio. O texto, do propio Taxes, chegaría a estrearse diante do público no mes de xuño de 1978 no Colexio La Salle de Santiago pola intervención da dirección da Aula de Teatro da Universidade de Compostela.

E naquel mesmo lugar, por aquelas mesmas datas, Antroido puña en escena por vez primeira outro texto emblemático da escena do país. A compañía de Vidal Bolaño e Laura Ponte estreaba o Laudamuco, señor de ningures, texto galardoado dous anos antes na Mostra de Ribadavia co Premio Abrente. A formación nacera catro anos atrás, mais até ese 1978 non se lanzaran á escena como dedicación exclusiva e profesional.

Con estas dúas montaxes, principiou a profesionalización do teatro galego e culminou un proceso protagonizado por un feixe de pioneiros e pioneiras que ao longo dos sesenta e, principalmente, dos setenta se afanaron por dignificar o sector. Nesta liña, cómpre lembrar, entre outros feitos, a creación do Grupo Teatral O Facho nos sesenta, o nacemento do Grupo Abrente e a posta en marcha das Mostras de Teatro de Ribadavia, o nacemento de compañías como Artello, tamén en 1978, pola que pasaron intérpretes como Rosa Álvarez, Ernesto Chao, Morris, Santiago Montenegro. Como lembranza a toda aquela época, imprescindible para a existencia dunha escena profesional do país, do aquí e mais do agora, o Premio de Honra Marisa Soto recoñeceu todo o albor dos compañeiros e compañeiras que puxeron a andar a profesión.

VII Edición | 2003

Premio de honra