Volver

Padroado da Cultura do Concello de Narón

O Concello de Narón, en 1981, decidiu poñer en marcha o Padroado da Cultura, un ente autónomo, coa finalidade de darlle vía á participación dos sectores implicados no fenómeno cultural. Dende aquel ano, toda a actividade cultural municipal, agás a institucional e a de concesións de subvencións, está canalizada a través do Padroado. Trátase dun anovador sistema de xestión e planificación cultural que, dende fai máis de trinta anos, permite a Narón contar cun singular xeito de entender o feito cultural e de organizar a política cultural e artística do municipio.

Dende a súa fundación, o seu órgano de xestión é a Xunta do Padroado, que está presidida polo alcalde e na que participan diferentes entidades, asociacións e colectivos implicados no fenómeno cultural. Así, os partidos políticos, as asociacións de veciños, os consellos escolares e as agrupacións culturais forman parte da ena través dos seus representantes.

O Padroado conta con diversos asesores, cun director técnico, un secretario e un administrador. O financiamento das súas actividades vén dada polo Concello, ademais do que achegan as matrículas que se cobran para participar nas escolas do Padroado e polo que se ingresa da venda de billetes dos actos nos que se cobra entrada. Tamén recibe subvencións doutros organismos.

A finalidade do Padroado, á parte de dar participación na súa xestión, é a de suplir as deficiencias do ensino respecto da cultura galega e no Concello de Narón, dando a coñecer esta por todo o municipio mediante ciclos de charlas, a creación de escolas artísticas e realizando estudos de investigación sobre a nosa arte e a nosa cultura. O Padroado, polo tanto, mantén dende a súa fundación unha teima pola defensa, salvagarda e difusión da nosa cultura tradicional. Con ese obxectivo, creou oito escolas culturais de corte tradicional, no que se imparten disciplinas básicas na cultura musicalmente galega. Tratando sempre de valorizar a nosa cultura por medio do ensino estruturado e de calidade.

VIII Edición | 2004

Premio de honra