Volver

Concha Abad

Nacida en Dormeá (Boimorto), Concha Abad foi durante máis de vinte anos xastra do Centro Dramático Galego. O primeiro vestido que confeccionou na unidade de teatro público foi para Laura Ponte na montaxe Follas novas, dirixida por Dorotea Bárcena e estreada en 1988. Dende aquela, a agulla de Abad vestiu a un lote de personaxes do CDG. Deste xeito, desenvolveu o vestiario para obras tan lembradas como A fiestra valdeira, adaptación de Xúlio Lago do histórico texto de Rafael Dieste; Valdemuller, a adaptación da novela de Neira Cruz, Así é, se vos parece, de Pirandello, Ricardo III, de William Shakespeare; A piragua, obra de Cándido Pazó, ou A burla do galo, texto de Vidal Bolaño dirixido por Xan Cejudo.

Concha Abad xubilouse no ano 2008, despois de vestir a centos de actores e actrices no Centro Dramático Galego. Coa súa marcha, a institución perdeu dalgún xeito a súa memoria viva e o inventario real do arquivo do seu vestiario. Tamén a unha persoa clave nos desprazamentos da compañía pública, xa que Concha Abad responsabilizouse durante as xiras da supervisión e coidado do vestiario. Tras a derradeira representación do espectáculo Noite de Reis, o actor Xosé Manuel Olveira Pico pedira o aplauso do público como un recoñecemento para unha Concha Abad ás portas da xubilación e que subiu ao escenario con gran emoción. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) concedeulle no 2007 o Premio de Honra Marisa Soto en recoñecemento o seu amplo labor e o seu esforzo artístico ao longo de toda unha carreira.

XI Edición | 2007

Premio de honra