Volver

Xan Cejudo

Nado na Coruña en 1947, a carreira de Xan Cejudo comezou a mediados dos anos sesenta no histórico grupo de teatro O Facho. A súa actividade principiou así a despegar até converterse nun referente para a oficio. Profesional polifacético, ao longo da súa dilatada traxectoria cultivou tanto a dirección teatral coma a interpretación, sen esquecer a súa faceta como autor. A súa carreira está vencellada a compañías como O Moucho Clerc e tamén ao Centro Dramático Galego (CDG). A súa actividade tamén inclúe un amplo traballo no ámbito audiovisual.

No ano 1984, Xan Cejudo participou como actor na montaxe fundacional do CDG. Dende aquel Woyzeck dirixido por Xúlio Lago, Cejudo participou en máis dunha vintena de producións da institución de teatro público. Como director, responsabilizouse da dirección de obras como A Pousadeira (1987) ou A burla do galo (2000).

Como director tamén traballou para diversas compañías e levou a escena textos como O Códice clandestino, da compañía O Moucho Clerc en 1989, obra pola que recibiu o Premio Compostela. Tamén se encargou de Da Vinci levaba razón, con o Moucho Clerc en coprodución co Centro Dramático Galego, ou de Morte accidental dun anarquista, de Teatro do Morcego.

Como intérprete tamén exerceu para formacións como Teatro Circo, Teatro Tranco, Malbarate ou Matarile Teatro. Polo seu labor como actor recibiu diversos recoñecementos. En 2005, polo seu papel en Tío Vanía (Factoría Teatro) alzouse co Premio María Casares ao mellor actor principal. Tres anos despois, faríase coa xerra ao mellor secundario pola súa participación na lembrada Noite de Reis ou o que queirades, dirixida por Quico Cadaval para o Centro Dramático Galergo.

No audiovisual, Xan Cejudo tamén amosou o seu talento en diversas longametraxes e series de televisión. Participou como actor e guionista en filmes como Morrer no mar, de Alfredo Rabuñal; Coxo, de Xosé Zapata; El Matachín, de Jorge Coira, ou El Pianista, de Mario Gas.

XV Edición | 2011

Premio de honra