Volver

Pilar Pereira

Pilar Pereira, nada en Compostela en 1937, posúe unha das carreiras máis amplas da escena galega. Durante máis de seis décadas, a actriz desenvolveu o seu traballo en Galicia, España, Francia, Bélxica ou América Latina.

Aos dez anos, estreou a súa primeira obra para adultos. Tratábase dunha adaptación de Contos de Nadal, de Charles Dickens. Cun comezo teatral precoz, Pereira principiou a súa traxectoria profesional tamén como recitadora. Entrou a traballar en 1953 en EAJ4-Radio Galicia (Cadena Ser de Santiago). Ao tempo, foi cultivando o exercicio escénico. Nos anos cincuenta participou en montaxes teatrais nas que se adaptaban textos contemporáneos de autores como Tennessee Williams, Samuel Beckett ou O'Neill. En 1958 formou parte do elenco de Antígona, a versión en galego traducida por Xosé Manuel Beiras, Franco Grande e Xosé Ramón Silva do texto de Jean Anouilh. A montaxe foi a primeira obra en galego do TEU de Santiago (Teatro Español Universitario) e tivo unha gran acollida.

Nos sesenta, a actriz trasládase a Madrid. Alá volve aos escenarios con Teatro Eslava, onde comeza a traballar co director Luís Escobar. Nestes anos, coincidiu con directores como Fernán-Gómez ou Edward Füller, esixente profesional que contou con Pereira na súa obra La sonata de los espectros, de August Strindberg. A súa etapa en Madrid pechouse coa súa entrada no grupo independente Los Goliardos. O grupo viaxou coa obra a Francia e Pereira decidiu quedar en París.

Na capital francesa entra a formar parte do proxecto La Carraca, cuxo obxectivo era cubrir as necesidades culturais dos emigrantes hispanofalantes. Tras o Maio do 68, trasládase a Bélxica. Alí remata os seus estudos de Psicoloxía e coñece a Jorge Bossa. Xunto con el mudarase a Colombia. En Bogotá abrirá unha gardería e traballará como directora e actriz da compañía La Teja. Xa en 1980 regresa a Madrid. Pouco despois recibe a chamada dende Galicia de Maximino Fernández Queizán, quen prepara Así é se vos parece, de Pirandello, para o Centro Dramático. En 1991 estréase a peza e Pereira regresa definitivamente a Galicia. Durante os anos noventa participa en diversas producións do CDG como O incerto Señor don Hamlet ou Electra. Ademais, traballa ás ordes de Vidal Bolaño, en pezas como Saxo Tenor, Doentes ou Días sen gloria.

Pereira tamén creou unha compañía que levaba o seu nome. Con ela, realizou diversos espectáculos escritos por ela mesma como son ¡Contrátenos, por favor! ou Un lunar vermello con pinguiñas azuis, que foi dirixido por Quico Cadaval. En 1995, escribiu e protagonizou un aplaudido monólogo titulado Ofelia, sen a virtude do pudorrr, dirixido primeiramente por Fernando Dacosta e, posteriormente, por Cadaval. Representou o texto ao longo de nove anos.

XVII Edición | 2013

Premio de honra