Os premios
Toda a información sobre os María Casares
Premio de Honra Marisa Soto
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia decidiu en 1997 - ano no que se celebrou a primeira edición dos Premios de Teatro María Casares - crear un premio honorífico que homenaxease e celebrase tanto a traxectoria artística de persoas que co seu traballo impulsasen a profesionalización do sector, como tamén a institucións que apoiasen o desenvolvemento das artes escénicas. A Asociación escolleu o nome de Marisa Soto para bautizar tal distinción pola súa carreira interpretativa, polo seu amplo papel na construción do tecido teatral no país e polos afectos que esperta no seo do mundo escénico.
Desde aquel 1997, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia distinguiu co Premio de Honra Marisa Soto as seguintes persoas e entidades:
Fundación Teatro Principal de Tui
Celebración dos 25 anos de Teatro Profesional
Padroado da Cultura do Concello de Narón
Aulas de teatro universitario de Ourense e Santiago
Mostra Internacional de Teatro cómico e Festivo de Cangas
BIOGRAFÍA MARISA SOTO
Nada en Silleda en 1955, Marisa Soto licenciouse en Farmacia ainda que xamais chegou a exercer. O seu espazo non eran as reboticas, mais os escenarios. Así, a súa carreira profesional desenvolveuse por completo sobre as táboas ou diante das cámaras. Estreouse no mundo das artes escénicas con Teatro Antroido, a compañía de Vidal Bolaño e Laura Ponte. A primeira montaxe na que traballou foi deste xeito Amor e Crimes de Xan Panteira, de Blanco Amor (1975), e As falcatrúas do marqués de Patacón, de Euloxio Ruibal (1976). Tras estes primeiros traballos, a intérprete formou parte dos elencos en montaxes como Lenta raigame, de Francisco Taxes e levada á escena por Teatro Andrómena; As criadas, de Jean Gentet e adaptada pola Compañía Luis Seoane, ou Ensaio festivo para unha marcha fúnebre, texto de Griselda Gambaro dirixido por Xúlio Lago,
En 1984, nace o Centro Dramático Galego. Soto forma parte do corpo actoral da montaxe fundacional: o Woyzeck dirixido por Xúlio Lago. A partir dese momento, participará na institución de teatro público noutra serie de producións, entre as que destacan O enfermo imaxinario (1986), As alegres casadas (1989) e O incerto señor don Hamlet (1991). Posteriormente, implícase no proxecto Teatro Malbarate e traballa en obras como Xogo de damas, texto de Rei Ballesteros con dirección de Eduardo Alonso; Galicia SL, compendio de textos de autores galegos, ou Xogos á hora da sesta, dirixida por Cándido Pazó.
No mundo audiovisual, Marisa Soto participou nunha longa serie de producións, destacando o seu traballo na histórica Divinas palabras, de García Sánchez (1987) ou na fita Continental, unha película de Xavier Villaverde que forma, xunto a Urxa e Sempre Xonxa, a tríade fundacional do audiovisual galego.
Marisa Soto finou en 1998 e o seu legado foi entregado ao Concello de Silleda. Este consistorio extraviou antes de 2011 todo o material cedido. Os documentos, a día de hoxe, seguen sen aparecer.