Volver

Chévere conducirá a gala dos XX Premios de Teatro María Casares

A compañía proporá unha gala musical na que intervirán un total de 14 artistas no escenario. A cerimonia dos galardóns do teatro celebrarase o 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña

O grupo Chévere será a compañía encargada de conducir a gala dos XX Premios María Casares, que se celebrará o próximo 30 de marzo no Rosalía Castro da Coruña. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), entidade organizadora dos galardóns, confíalle deste xeito á formación, galardoada en 2014 co Premio Nacional de Teatro, a dirección artística e a presentación da gala deste 2016, ano moi especial para os galardóns ao celebrarse a súa vixésima edición e ao coincidir co vinte cabodano da propia María Casares. Chévere, que xa está a traballar nos detalles do espectáculo, proporá unha gala musical e de gran formato, ao contar sobre o escenario cun total de 15 artistas, entre intérpretes e músicos. Deste xeito, polo escenario do Rosalía subirán os actores e as actrices Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Mónica García, Arantza Villar, César Goldi, Borja Fernández, Marcos Ptt e Cris Iglesias. A música, que está creada especificamente para a ocasión, correrá a cargo de Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez, Manuel Cebrián, Xosé Miguélez e Javi GDJazz. A produción executiva recae en Marta Horjales e Suso Montero deseñará a escenografía.

O director da gala, Xesús Ron, adianta que a gala se pode definir como un musical e que significará unha gran celebración para a escena. “Será unha mostra dos motivos polos cales debemos sentirnos orgullosos do teatro que se fai en Galicia. Na gala buscarase reforzar a parte positiva do teatro feito nestes últimos anos”, sinala Ron, antes de concluír que “malia a crise non rematou, abandonamos o discurso de queixa para reivindicar a fortaleza do talento”.

Pola súa banda, Vicente Mohedano, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) destacou que Chévere é unha das compañías “con maior traxectoria e que máis pegada deixou no noso sistema cultural”. Mohedano, ademais, destaca a súa capacidade para “reinventarse constantemente” e de “actualizar o seu discurso para reflectir as necesidades, o respirar eo s entir da sociedade”. Para o presidente da AAAG, Chévere “conta cunha liña clara e cun estilo propio que queremos que nos acompañe nesta vixésima edición”. A gala, organizada pola AAAG, conta co patrocinio de institucións como a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña e o Concello da Coruña.

O GRUPO CHÉVERE

Chévere é unha compañía de axitación teatral con 28 anos de traballo ao lombo, que soubo manter con naturalidade unha proposta tan irreverente como xenuína e un sólido compromiso social, político e cultural. Chévere actuou en centos de vilas e cidades de toda Galicia, España, Portugal e outros países europeos, latinoamericanos e africanos.

Conservou un núcleo artístico estable (Miguel de Lira, Xron, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés) ao tempo que incorporaba a numerosos profesionais de distintas procedencias xeográficas, xeracionais e creativas. Fixo espectáculos de moi diferentes estilos e formatos e traballou en espazos pouco convencionais (na rúa, en barcos, aeroportos, carpas de circo, escaparates, etc.). Usando o humor como filosofía e a risa como expresión, as súas obras levan ao palco os debates do presente, documentándoos escenicamente cunha linguaxe contemporánea accesible a públicos moi diversos. Exemplos deste modus operandi foron recentemente obras como Testosterona (2009), a triloxía Citizen (2010-2011), Eurozone (2013), Ultranoite no País dos Ananos (2014) ou As Fillas Bravas (2015).

Chévere creou a Nave de Servizos Artísticos-Sala Nasa en 1992, un espazo cultural independente único pola súa singularidade, ocupándose da dirección artística ata o seu peche a finais de 2011. Alí mantivo o seu cuartel xeral durante 20 anos, servindo de base a gran parte da produción cultural galega e a infinidade de proxectos escénicos, grupos e autores doutras comunidades que representan o máis arriscado deste período.

Nos últimos anos Chévere diversificou o seu teatro de operacións, como resposta á complexidade actual dos procesos creativos e á crise de financiamento da cultura. Participou en proxectos audiovisuais como Pepe O Inglés (serie emitida en TVG), Crebinsky, o filme (longametraxe en cine) ou A Viaxe dos Chévere (documental). Executou innovadores proxectos de creación en internet como Amores Prohibidos 2.0, xunto a un grupo de adolescentes. E converteu o seu teatro nunha ferramenta de divulgación, sensibilización e comunicación transversal a moitos sectores da sociedade (divulgación científica, promoción do comercio retallista, sensibilización sobre temas de igualdade e violencia machista).

14 ESPECTÁCULOS FINALISTAS

En total de 14 espectáculos convertéronse en finalistas nos XX Premios de Teatro María Casares. O principio de Arquímedes, de Teatro do Atlántico, convértese neste 2016 na produción con maior número de finalistas, ao obter un total de 8 nomeacións. Pola súa banda, Ensaio sobre a cegueira, de Sarabela Teatro, aspira a 7 galardóns e Presidente, de Teatro do Morcego, acada 5 nomeacións. Ademais, estas tres montaxes disputaranse o premio ao mellor espectáculo.

Xardín suspenso, do Centro Dramático Galego, e Manawee, de Matrioshka Teatro, acadaron ambas as dúas 4 nomeacións, mentres que Noiteboa, de Redrum Teatro, e Panamericana, de A Panadería, optan a 3 galardóns.

Pola súa parte, Calypso, de Voadora; O Furancho, de Ibuprofeno Teatro, e Unha poucas picadelas, de Teatro de Ningures, acadaron 2 nomeacións cada unha delas. Finalmente, cunha nomeación atópanse 30 e tantos ósos (Aporía Escénica), Feo! (Caramuxo Teatro), O Crédito (Eme2 Producións) e Jim e Illa do Tesouro (Eme2 Producións).

Os premiados daranse a coñecer o próximo 30 de marzo durante a gala dos XX Premios de Teatro María Casares, que se celebrarán un ano máis no Teatro Rosalía Castro da Coruña, cidade na que naceu a actriz que lle dá nome aos galardóns.