Volver

Aberta até o 19 de febreiro a primeira rolda de votacións dos XXI Premios de Teatro María Casares

Un total de 44 espectáculos e máis de 400 profesionais concorren aos XXI Premios María Casares. O censo de votantes confórmanse por máis de 450 profesionais do sector escénico. O proceso de votación rematará o 19 de febreiro e del sairán os nomeados/as

Un total de 44 espectáculos e máis de 400 profesionais concorren aos XXI Premios María Casares, galardóns de teatro organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) dende a súa creación en 1997. O proceso de inscrición, realizado integramente a través da web da AAAG, finalizou o pasado 11 de xaneiro rexistrando o maior número de espectáculos concorrentes na historia dos galardóns, así como unha das cifra máis altas de profesionais participantes. En total, 44 espectáculos postúlanse nas catorce categorías que se dividen os premios: maquillaxe, vestiario, iluminación, escenografía, música orixinal, texto orixinal, adaptación-tradución, actor secundario, actriz secundaria, actor protagonista, actriz protagonista, dirección, espectáculo e espectáculo infantil. Para coñecer a listaxe completa de espectáculos que se inscribiron, preme na seguinte ligazón.

Tras esta primeira fase de inscrición, a AAAG inicia a primeira rolda, aberto dende xa a un censo formado por máis de 450 profesionais do sector das artes escénicas. Dese xeito, ademais do colectivo de membros da AAAG, poderán votar responsables da xestión e programación cultural, xornalistas, críticos e as personas nomeadas en edicións anteriores. Esta primeira rolda de votacións rematará o domingo 19 febreiro. Das súas votacións, sairán os espectáculos e profesionais finalistas en cada unha das catorce categorías, que se darán a coñecer a finais do mes de febreiro na tradicional Festa dos Nomeados dos María Casares. Os votantes poden acceder a través desta ligazón.