Volver

A AAAG lembrará a María Casares cun coloquio na Casa Museo Casares Quiroga e a proxección da película ‘Orfeo’ no CGAI

Etiquetas:

Este xoves 23 de marzo, a Casa Museo Casares Quiroga acollerá ás 19.30 horas a proxección da entrevista de 1981 a María Casares do histórico programa ‘A fondo’ de TVE e un coloquio no que participarán Manuel Lourenzo, Mabel Rivera e María Lopo

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) lembrará a actriz María Casares con diferentes actos e iniciativas dentro da programación de actividades paralelas organizadas por motivo da Gala dos XXI Premios de Teatro María Casares. Deste xeito, a primeira das actividades paralelas celebrarase este xoves 23 de marzo ás 19.30 horas na Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panaderas, 12), na Coruña. Ese día proxectarase na Biblioteca da Casa Museo a entrevista que o xornalista Joaquín Soler Serrano lle fixo a María Casares no histórico programa A fondo de Televisión Española. Tras a proxección, desenvolverase un coloquio ao redor da figura da intérprete no que participarán a investigadora María Lopo, o dramaturgo Manuel Lourenzo e a actriz Mabel Rivera, vicepresidenta da AAAG. O encontro estará moderado polo xornalista Alberto Ramos. Este acto conta coa colaboración de RTVE, que cede a copia deste histórico programa para un acto cuxa entrada será gratuíta.

A segunda das actividades paralelas que se celebrará ao redor da gala dos Premios María Casares terá lugar o xoves 30 de marzo no Centro Galego das Artes da Imaxes (CGAI), Rúa Durán Loriga nº10. Ese día, a filmoteca galega proxectará ás 20.30 horas a película Orfeo, de Jean Cocteau. Esta fita de 1950, considerada unha das grandes obras do afamado director galo e un dos grandes títulos do cinema francés, está intepretada por María Casares xunto a actores como Jean Marais, François Pèrier e Marie Déa.

MARÍA CASARES NA RADIO

As actividades paralelas deste 2017 inclúen, ademais, unha colaboración especial coa Radio Galega a través do Diario Cultural. Entre os días 27 e 30 de marzo, o programa dirixido por Ana Romaní dedicaralle unha especial cobertura á gala dos Premios María Casares, que incluirá a emisión de diferentes fragmentos das memorias de María Casares, Residente privilexiada, interpretados polas actrices asociadas da AAAG Sabela Gago, Diana González, María Mera e Isabel Naveira.

Con estas actividades, a AAAG continúa co compromiso asumido en 2016, ano no que se cumpría o vixésimo aniversario do falecemento de María Casares, de reivindicar e difundir a figura da actriz coruñesa, cuxa carreira a converteu nun referente no mundo cultural francés e internacional. Ademais, a AAAG pretende así a contribuír á recuperación dunha figura de gran importancia nos ámbitos das artes escénicas, a memoria histórica e o feminismo.

Os XXI Premios María Casares contan co patrocinio de institucións como a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic-Xunta de Galicia), Concello da Coruña, Deputación da Coruña, Padroado da Cultura de Narón, Fundación AISGE e Fundación SGAE. Nesta edición dos galardóns, un total de 13 espectáculos compiten polos 14 galardóns nos que se dividen os premios, sendo os espectáculos con maior número de finalistas O tolleito de Inishmaan, de Contraproducións e FIOT Carballo, que aspira a 11 premios; Eroski Paraíso, de Chévere, que opta a 8 María Casares; Raclette, de Ibuprofeno Teatro, e Voaxa e Carmín, de ButacaZero e Eme2, que competirán en 5 categorías. A gala, que se celebrará o mércores 29 de marzo, estará dirixida e presentada por Pepo Suevos e Eduardo Alonso recibirá o Premio de Honra Marisa Soto.