Volver

Andrea López asina o cartel dos XXV Premios de Teatro María Casares

A gala celebrarase o 9 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña e coñeceremos a relación de finalistas o mércores 30 de xuño nun acto de presentación que terá lugar na Terraza do Edificio SGAE de Santiago

Andrea López encárgase da creación do cartel dos XXV Premios de Teatro María Casares. A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, entidade organizadora dos galardóns, confiou este ano na ilustradora coruñesa para crear a imaxe dos María Casares, dando así continuidade á iniciativa emprendida pola AAAG nas edicións anteriores de encargar a creación dos carteis a diferentes artistas co obxectivo de estreitar relacións entre o sector escénico e o ámbito da ilustración, a banda deseñada e o deseño gráfico. Deste xeito, en convocatorias anteriores asinaron o cartel dos María Casares autores como David Rubín, Aldara Prado, Manuel Silva ou Xulia Vicente.

Nesta ocasión, a AAAG recorre a Andrea López para crear un cartel no que o protagonismo recae na figura de María Casares e na máscara, creando un xogo de mimetización recíproca. Ao tempo, a actriz prolóngase como parte do escenario mentres que, no segundo plano, atopamos unha alegoría tanto do público coma dos profesionais da escena reunidos. A combinación de todos estes elementos representan, a ollos da propia autora, a celebración dos 25º Premios María Casares.

Os finalistas dos XXV Premios de Teatro María Casares daranse a coñecer o vindeiro mércores, 30 de xuño, na Presentación de Finalistas que se celebrará na Terraza do Edificio SGAE en Santiago. A gala de entrega dos galardóns terá lugar o 9 de setembro no Teatro Rosalía Castro. Os Premios de Teatro María Casares están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia e contan co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo, a Deputación da Coruña, o Concello de Coruña, a Fundación AISGE ou a Fundación SGAE.

Andrea López

Nada na Coruña en 1976, Andrea López estudou Belas Artes en Pontevedra e Barcelona. Tras completar a súa formación, exerceu diferentes oficios relacionados coas artes gráficas. Asi traballou como deseñadora nunha empresa de rotulación ou de maquetadora nunha revista. Pouco a pouco abriuse camiño na ilustración en libros de literatura infantil de editoras como Galaxia, Tambre ou Ir Indo. Ademais, colaborou no lembrado fanzine Barsowia. Nos últimos anos, a súa traxectoria centrouse máis na ilustración editorial, dirixida para un público máis adulto. Colabora con asiduidade coa revista Tempos Novos, coa editorial Através Editora, Los Libros de Catarata e realiza traballos puntuais para institucións como a Universidade de Santiago ou Turismo de Santiago.