Volver

Obradoiro de Escrita con Santiago Cortegoso: O curioso xogo de ordenar un mundo caótico

Etiquetas:

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia e a XXIX Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas colaboran na organización deste obradoiro.

Non hai un método para ensinar a escribir. Igual que non hai un método para escribir. Ou o que é o mesmo: “Hai tantos métodos como escritores”. O xeito de desenvolverse na escrita vén determinado pola sensibilidade persoal para seleccionar e tratar os temas, o estilo, o xénero … Pódese dicir que as únicas claves fundamentais e imprescindibles son o traballo en soidade (ou non) e a perseveranza.

Con todo, hai esquemas que nos poden axudar a ordenarnos e que nos poden afastar do pánico ao folio en branco, así como facilitar a comprensión do proceso no que estamos inmersos/as; existen recursos que nos poden enriquecer o labor: como construír personaxes, como compoñer historias, como xestionar a información, o espazo e o tempo no discurso... Hai moitas ferramentas que podemos ter en conta á hora de afrontar a escrita, para chegar a construír unha identidade propia e unha liberdade para expresarnos a través da escrita. Transmitir e compartir este material a partir do traballo práctico serán os obxectivos deste obradoiro.

A proposta é xogar: xogar a que somos creadores sen límites, nin de presuposto, nin de tempo, nin de conciencia. Só temos ante nós moitos folios, un mundo do que falar e unha percepción da vida que nos individualiza. Os seres humanos somos un gran espectáculo cotiá. Somos unha especie complexa no medio de interrelacións complexas, de estruturas sociais creadas por nós mesmos que logo non controlamos, senón que nos controlan. Como individuo, observo e constrúo unha visión particular, unha sensibilidade, porque necesito ordenar o caos que me rodea. Non será a escrita unha maneira de expresar esta visión singular a través dun xogo creativo?

Dinámicas:

-Análise de textos xurdidos nas sesións a partir de exercicios enfocados a abordar a escrita desde diferentes frontes. -Análise de textos, proxectos e ideas aportados polos participantes. -Análise de exemplos de escrita dramática clásica (Shakespeare, Valle-Inclán, Beckett…) e contemporánea (Thomas Bernhard, Rodrigo García, Sarah Kane…)

Algunhas claves:

-Procesos dramatúrxicos: da planificación á escrita automática. -Especificidades da literatura dramática con respecto a outros xéneros: novela, poesía, guión cinematográfico, etc ... -A linguaxe dramática: acotacións, monólogos, diálogos e escenas colectivas. -Escrita e posta en escena. Textos abertos e pechados. -Construción de personaxes (unidireccionais, poliédricos, etc.) e conflitos (horizontais, verticais, tranversais, etc.). -A espacialidade dramática. A intraescena e a extraescena. O espazo como xerador de significado. -A temporalidade dramática. Tempo escénico e tempo referencial. Discurso lineal vs. discurso fragmentado. -Xéneros dramáticos: comedia, drama, traxedia, etc..

Na última xornada haberá unha exposición dos traballos realizados no obradoiro en forma de lectura dramatizada aberta ao público.

O Docente:

Santiago Cortegoso compaxina unha intensa carreira como actor e director de escena coa escrita de textos teatrais, varios deles publicados, estreados ou premiados tanto en idioma galego como en castelán. Os seus últimos traballos como autor son: Intercom-Baby (Premio da audiencia do Concurso do Diario Cultural da RG de Teatro Radiofónico), El charco de Ulises (becado en Iberescena 2010), 0'7% MOLOTOV (premio Rafael Dieste 2009, publicado pola Deputación da Coruña en 2010, estreado por Teatro de Ningures en marzo de 2011 e finalista nos Premios MAX e nos María Casares 2012 como Mellor autor galego), Homes... Mulleres: O Paraíso terreal (para Teatro de Ningures, 2010),Des-memoria-2 (para Disque Danza, 2009), Os Comicos dell’Auto (para Teatro de Ningures, nominado a mellor texto orixinal nos premios María Casares 2009), Hámster (seleccionado en Magalia 2008, publicado no nº 60 da Revista Galega de Teatro e estreado na Sala Triángulo de Madrid en 2009), Casa O’Rei. Traxicomedia gastronómica (publicado en Ed. Morgante, 2010) e Visión Nocturna (2007). En 2010, promove o seu propio selo de produción para emprender proxectos teatrais dun xeito persoal e independente, nos que poida integrar a escrita dramática no mesmo proceso de creación e posta en escena dos espectáculos. Esta aventura comeza con A filla de Woody Allen,estreada en marzo de 2010 e nominada a mellor texto orixinal en galego nos Premios Max 2011.

Datas e duración:

15 horas lectivas co seguinte calendario:

Do 2 ao 6 de Xullo: Tarde: 18.00-21.00 horas.

Día 6: Lectura dramatizada aberta ao público coa exposición dos traballos realizados no obradoiro.

Lugar:

Auditorio Municipal de Cangas

Avda de Lugo nº 25-27 36940 Cangas

Prazas:15 prazas

Prezo: 50 Euros para socios de AAAG , A.C. Xiria e alumnos da Escola Municipal de Teatro de Cangas. No caso de non socios o importe será de 75 Euros.

Inscrición:

Do 5 ao 26 de Xuño, enviando o formulario de inscrición anexo debidamente cuberto e adxuntando currículum vitae ao buzón de correo info@aaag.es ou a través do formulario ao pé.

A organización comunicará a selección de candidatos o día 27 de Xuño, tendo que facer a reserva de praza ingresando o importe do curso antes do día 29 de Xuño. No caso de anulación da reserva por parte do alumno a organización non se compromete á devolución do importe da mesma se a praza non se cubre

Forma de pago: Consulta a convocatoria adxunta