Volver

Obradoiro de Máscara Neutra con Mar Navarro e Andrés Hernández en Monforte

Etiquetas:

O curso está enmarcado no proxecto Buxiganga, unha aposta da delegación de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo pola promoción do teatro afeccionado na provincia de Lugo que cumpre xa 7 anos e que conseguiu que se crearan moitas novas agrupacións teatrais. E agora ten esta vertente formativa para profesionais.

Impartido por Mar Navarro e Andrés Hernández, terá lugar o 28, 29 e 30 de Novembro, cun total de 17 horas lectivas, na Casa da Cultura de Monforte de Lemos.http://goo.gl/220gk8

Desta volta encetamos unha nova andaina de colaboración coa Área de Cultura da Deputación de Lugo que, sen dúbida, estamos seguros que será moi fructífera.

O traballo da máscara neutra levará ao actor a tomar conciencia do seu propio corpo. A máscara atópase en estado de calma, desposuída de toda psicoloxía, obrigando ao actor a despoxarse de todo estado dramático co fin de esixirlle buscar no seu corpo un estado de calma igual ao da máscara. Ao non poder expresar co rostro nin coas palabras, o corpo aparece como o único medio para soster o silenzo. Resulta semellante a unha páxina en branco. A partir de aquí, o actor poderá ir escribindo no seu corpo os trazos que correspondan aos personaxes aos que el queira dar vida. As sesións constan de tres partes, movemento, voz, e improvisación. Desenvolverase un traballo paralelo coa voz, de maneira que o xesto físico e o xesto vocal non estean disociados, senón que os dous estean dispoñibles para o actor no momento da creación. A través da máscara neutra traballaremos a presenza escénica, a economía do movemento e a proxección do xesto no espazo.

O prezo deste obradoiro é de 50 euros para asociad@s da AAAG e profesionais nados ou residentes na provincia de Lugo e de 80 euros para outros profesionais. Tedes todos os detalles da convocatoria aquí.

Para inscribirvos podedes encher o formulario a continuación ou descargar esta ficha de inscrición e enviala xunto ao voso curriculo e fotografía recente á caixa de correo info@aaag.es antes do xoves, 20 de novembro, ás 23:59h. No caso de utilizar o formulario recibiredes un correo automático no mail inserido confirmando a recepción da vosa solicitude. No caso de non recibilo, comprobade a carpeta spam do voso correo, a solicitude non será correcta.