Volver

Trinta anos de asociacionismo no sector

Na primavera de 1985 nacía a Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Iniciaba con ela o asociacionismo no ámbito das Artes Escénicas no noso país, un fenómeno impulsado por un grupo de pioneiros e pioneiras que puxeron os alicerces para un grande edificio para o noso sector. Un edificio en permanente construción, de medra constante malia todo altibaixo

“Neses anos eramos conscientes de ter creado unha profesión. Tocaba completala”. A actriz Luma Gómez refírese así a uns tempos de agromar, de subir ás estadas e de construción. A inauguración do edificio, polo menos a inauguración oficial, celebrarase na primavera de 1978. Naquel ano, no teatro do Colexio La Salle, a compañía Antroido representaba Laudamuco, señor de ningures de Vidal Bolaño e Troula, pola súa banda, levaba á escena O velorio, de Francisco Taxes. As funcións, estreadas con poucos días de diferenza, enmarcábanse na programación da Aula de Cultura da Universidade de Santiago. As dúas compañías pegaban un chimpo. Estreaban as dúas obras con vontade xa de seren formacións profesionais. Eran as pioneiras. Continuaban, dalgún xeito, un camiño que se abrira anos atrás, da man do Grupo Abrente e as Mostras de Teatro de Ribadavia por unha banda e, pola outra, dun teatro independente que tivo no Grupo O Facho un dos seus máximos expoñentes. Alí prendera a mecha. Non tardaría en chegar todo o demais.

Con aquelas estreas, principiaba a transición cara ao ámbito profesional. A actividade privada antecedeu, polo tanto, á unha iniciativa pública que non despegaría até 1984. O 27 de marzo dese ano, coincidindo co Día do Teatro e con Luis Álvarez Pousa na Secretaría Xeral de Cultura, anúnciase a creación do Centro Dramático Galego (CDG). A súa dirección recaería en Eduardo Alonso, o Woyzeck dirixido por Xúlio Lago sería a montaxe fundacional e xurdiría -cun inusual pacto entre administración e profesión- a unidade de teatro público. O nacemento do CDG significaría un pulo esencial para a profesionalización. “Até que aparece o Centro, os actores formaban parte das súas compañías, traballaban nelas e non se relacionaban laboralmente coas demais. Todo iso mudou a partir de 1984. Até a aparición do CDG, non existía o concepto de contratación”, di Alonso.

O CDG significou unha mudanza, tanto nas relacións artísticas como laborais. Neste ámbito, abríronse unha serie de dúbidas que precisaban de respostas. Cumpría buscar uns marcos e unha serie de acordos no seo da profesión. “A fundación da Asociación respondía a unha necesidade que tiñamos os poucos que nos dedicabamos profesionalmente ao teatro. Precisabamos un espazo que nos representase, que nos acollese e que nos dese a coñecer como colectivo. E precisabamos un marco laboral, unhas normas”, sinala Gonzalo Uriarte, primeiro presidente dunha Asociación que botou a andar en 1985, fai agora tres décadas. Nese ano, no mes de abril, Mabel Rivera, Marisa Soto, Xabier Lourido, Ernesto Chao e Luma Gómez presentaban baixo notario a acta de constitución da que sería a actual Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), previamente coñecida como Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena. Principiaba así o asociacionismo na profesión en Galicia.

Durante as primeiras reunións que se celebraron entre a creación do CDG e a posta en marcha da Asociación, a resposta na profesión foi de menos a máis. Asistían os actores e actrices que xa traballan de xeito profesional, que participaran nas primeiras montaxes do CDG e que vían a necesidade do asociacionismo. Non obstante, esta visión non era a única corrente. “Nas primeiras votacións que tivemos participamos como unhas vinte persoas que si criamos na necesidade de constituírnos no asociacionismo, mais había tamén un grupo de compañeiros que non vían este proceso, que non o compartían, preferían a guerra pola súa banda”, reflexiona Uriarte sobre unha asociación que non parou de medrar. Deses “vinte persoas” que participaron nos primeiros compases pasouse aos máis de 300 membros que rexistra a AAAG dende o ano 2010.

A defensa no audiovisual

Á creación do CDG hai que unirlle en 1985 a aparición da Televisión de Galicia, cuxas primeiras emisións principiaron o 24 de xullo dese ano. Abríase un novo campo de traballo: o ámbito audiovisual. Malia que a canle pública tardaría en desenvolver proxectos de ficción, a necesidade de responder aos estatutos do ente –principalmente a divulgación da lingua propia– obrigaba a administración a contar cun corpo de intérpretes especializados na dobraxe. Así, seguindo os pasos da AAAG, formalizábase o 22 de outubro de 1985 a constitución de Apadega (Asociación Profesional de Actores de Dobraxe de Galicia) cuxo primeiro presidente foi Gonzalo Uriarte, precisamente o primeiro presidente que tivo a Asociación de Actores e Actrices de Galicia.O audiovisual estaba polo tanto agromando e AAAG adiantouse, por outra banda, a aparición das primeiras producións de ficcións da TVG. “Unha das primeiras accións da AAAG foi darse a coñecer. E para o audiovisual, abrimos unha serie de embaixadas, de misións diplomáticas, para lles dicir as produtoras e á TVG que comezaba a emitir que aquí había unha asociación, unha representación dos intérpretes. Coa televisión negociouse un tipo de acordo cara ao futuro”, lembra Gonzalo Uriarte.No caso das produtoras audiovisuais, aquelas que empregaban Galicia como escenario, houbo que realizar un traballo intenso á hora de establecer relacións. “Había películas que facían produtoras de fóra e nós considerabamos que había que ter unha parte de actores, tamén de técnicos, que fosen de aquí”, sinala Uriarte.Por outra banda, cómpre destacar un ano fundamental para o audiovisual galego. Referímonos a 1989. Ese ano estreábanse tres producións pioneiras: Sempre Xonxa, Urxa e Continental. As tres películas conformaban unha sorte de tríade fundacional para un campo que, dende aquela, non deixou de medrar até ser considerado polo Executivo autonómico como “un sector estratéxico”. Ao longo dos noventa e nos primeiros anos do novo século a produción e o traballo interpretativo representou un terreo fértil que, coa chegada da crise en 2008, acabou por se resentir de forma notoria.A produción de ficción na TVG non chegaría até finais dos oitenta e principios de noventa. Con proxectos máis ou menos illados e de pouca duración. Malia todo, a AAAG entendeu a necesidade de establecer marcos laborais xa dende comezos da década dos noventa. Un punto de inflexión chegou coa proposta de instaurar o Convenio Estatal do Audiovisual, vixente dende 1995. “Producíanse feitos non admisibles nas producións audiovisuais, pagábanse actuacións a 15.000 pesetas. Era ridículo, sobre todo tendo en conta que había un Convenio estatal no ámbito do audiovisual. Reunímonos coas produtoras para crear un plan progresivo de aplicación do convenio”, lembra Xavier Estévez, secretario da AAAG durante os anos 1997 e 1998. Esa planificación á que se refire Estévez, constaba dunha duración de tres anos co obxectivo de normalizar laboralmente o ámbito. “No fondo, este empeño da asociación foi un antecedente importante para que, posteriormente e durante moitos anos, impulsaramos dende a AAAG a creación do I Convenio colectivo de actores e actrices de teatro”, sinala Estévez, que non evita asegurar que tras esas primeiras reunións estivo “sen traballar cinco anos no audiovisual”.No ano 2013, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia levou a cabo unha das súas mobilizacións máis fortes na defensa dos dereitos laborais do sector. Ese ano, cinco produtoras puxeron en marcha unha serie televisiva, O Faro, que habería de emitirse á volta do verán a través dos diferentes canles da FORTA. Os problemas radicaban, principalmente, en dúas cuestións. Por unha banda, a produción obviaba o Convenio Estatal, prescindindo de cuestións salarias, aspectos de dietas e horarios. Pola outra, a preocupación centrábase na lingua en que se rodaría e se emitiría nas canles públicas dos territorios nos que se conta cunha lingua propia. Ante esta situación, a Asociación foi a primeira en dar a voz de alamar en todo o estado e conseguiu a implicación da Federación de Artistas do Estado Español (FAEE) e de OSAEE (Organización de Sindicatos de Artistas do Estado Español). Con esta frente común, conseguiuse finalmente que as produtoras deran marcha atrás e cumplirar o Convenio.

Visibilidade e dignificación

Os principais obxectivos polos que a Asociación se puxo en marcha resumíanse en tres aspectos . O primeiro deles centrábase na dignificación dun oficio profesional. O segundo, xiraba ao redor do marco laboral que cumpría acordar entre todos. O terceiro, a procura dunha visibilidade como colectivo. Esas eran as prioridades dunha entidade que, nos seus primeiros momentos, procurou ante todo dar a coñecer a existencia dun oficio incipiente. “O marco laboral era importante, as normas; pero eu destacaría unha meta inicial que, ao meu ver, era o máis importante de entrada: a visibilidade. Quero dicir, antes a visión era que para ser actor había que marchar a Madrid ou Barcelona. Nós queríamos dicir que non era así, que neste país había un grupo de persoas que queriamos ser profesionais aquí e exercer aquí esta fermosa profesión”, explica Uriarte.

Con esa mentalidade, a Asociación abriu unha serie de “embaixadas” para darse a coñecer en diferentes ámbitos. Deste xeito, producíronse cos medios de comunicación e tamén coas produtoras para comezar a achegarse a un mundo audiovisual a piques de nacer, xa cunha TVG emitindo por primeira vez no país, malia que aínda tardaría en producir ficción e a precisar con asiduidade a intérpretes. A Asociación, desde as súas orixes, quixo así centrarse tamén no audiovisual.

Afianzamento e o Libro Branco

Nos seus primeiros anos, a actividade da Asociación procurou influír na política cultural en Galicia. “Desde a AAAG, tentábase incidir na configuración da política teatral dos distintos gobernos, buscabamos ter voz e fomos quen de impulsar elementos claves, como era, por exemplo o afianzamento dos circuítos teatrais”, sinala Uriarte. Nesta mesma liña, a AAAG afanouse por ter voz na creación de organismo e preceptos capitais para a estruturación da política cultural. As principais reivindicacións e inquedanzas do sector recolléronse en 1991 no texto Necesidade dunha política teatral, o coñecido como Libro Branco. Aquel documento, de mínimos e centrados en aspectos de produción, distribución ou formación, reeditaríase cinco anos despois sen amplas modificacións. Dende a administración non se lle dera resposta ás necesidades, mais o libro branco serviría como folla de ruta sempre a emprender para a profesión.

Formación

Dentro da profesión, naquela época de agromar había un trazo característico aplicable á gran parte dos profesionais: o autodidactismo. A formación escénica era asumida por cadaquén, adquirida con experiencia e con traballo persoal a cada pouco. Non había centros, cando menos oficiais, para a formación. A Escola Superior de Arte Dramática, en cuxa creación se implicou a Asociación, non chegaría até 2005. Por ese motivo, a AAAG mantivo a convicción -dende aquela até hoxe- de ofrecerlle á profesión complementos para mellorar o seu oficio. Os primeiros obradoiros centráronse na expresión corporal e na voz. A partir dese momento, grazas á AAAG, profesionais coma os directores Ernesto Caballero ou Sanchís Sinisterra, directores de cásting como Eva Leira, Yolanda Serrano ou clowns como Jonnhy Melville recalaron en Galicia. E son só uns poucos exemplos, dos centros de cursos e obradoiros que se impulsaron dende a Asociación. “Para min un dos grandes logros da asociación nos primeiros anos foi a formación. Sendo conscientes de ser autodidactas, tiñamos todos por aprender.”, sentenza Ernesto Chao. “Foi fundamental para o noso autodidactismo”, sentencia Rosa Álvarez.

Durante vinte anos, a formación dos intérpretes recaeu case en exclusiva na AAAG até que en 2005 se creou a Escola Superior de Arte Dramático, unha vella aposta da propia Asociación e recollida xa, precisamente, no Libro Branco. “Foi unha reivindicación cardinal que existise unha unidade de formación pública, como xa existían os circuítos de produción ou a unidade de produción pública”, sinala Cándido Pazó, presidente da AAAG e representante da institución na Ponencia de Artes Escénicas no seo do Consello da Cultura Galega que se encargou de comezar a darlle forma á Escola que nacería en Vigo en 2005.

Os Premios María Casares

Un dos grandes fitos impulsados dende a AAAG chegou en 1997. Nese ano, no mes de marzo, celebrábase no Teatro Rosalía de Castro da Coruña a primeira edición dos Premios de Teatro María Casares. “Había unha necesidade, era importante crear un espazo de encontro e un recoñecemento a todo o sector. Os premios son un ámbito de prestixio e que teñen un valor, digamos ecuménico, na medida en que se recoñecen todas as profesións do aparello teatral”, apunta Evaristo Calvo, presidente naquela altura da AAAG.

Os Premios María Casares contaron, dalgún xeito, con dous antecedentes. O primeiro deles, eran os Premios Compostela, galardóns organizados por El Correo Gallego e polo tanto, alleos á profesión. O segundo deles, unha sorte de contrapremios humorísticos que se organizaban dende a AAAG: O Cigala de Ouro. Dende esa chanza, xurdiu talvez a vontade de impulsar uns premios profesionais, serios e para todo o sector teatral. “Houbo unha especie de comisión dentro da AAAG para organizar os premios, encargáronse Lino Braxe, Antonio Simón e Xavier Estévez”, puntualiza Calvo antes de lembrar que foi Braxe quen contactou con María Casares para poder bautizar os premios e que en gran medida a idea dos premios xurdiu na Coruña, con Braxe e Antonio Simón maquinando na idea antes de trasladarlla por unha banda a Asociación e pola outra, á propia María Casares. A actriz acabaría por aceptar o convite de ceder o seu nome aos premios, mais o seu pasamento repentino impediulle acudir como era a súa vontade á primeira gala de entrega duns premios que, o próximo 2016, acadará a súa vixésima edición.

Convenio teatral

A AAAG, en 2009, celebraba a publicación do Primeiro Convenio de Actores e Actrices de Galicia, recollido polo DOG o 30 de abril dese mesmo exercicio. Era a culminación dun longo proceso que significou un dos grandes momentos para a Asociación. “Do convenio comezouse a falar a finais do século anterior e pasamos dez anos de traballo até que conseguimos asinalo”, sinala Xavier Estévez, membro da comisión negociadora do Convenio en representación da AAAG, un traballo co que contou coa colaboración imprescindible de Rosa Álvarez e Artur Trillo.

O Convenio, para Xavier Estévez, non contentou a ninguén. Nin ás compañías nin aos traballadores. “Non saíu a gusto de ninguén. Iso é o mellor que se pode dicir dun convenio, porque debe ser un texto neutral que non se decante por ningunha das bandas”, sinala Estévez, quen subliña o importante papel que xogou o Consello Galego de Relacións Laborais e a implicación dos sindicatos, imprescindibles para a sinatura, mais “que cederon todo o protagonismo á Asociación”.

No texto convertíase nunha ferramenta imprescindible para o exercicio profesional cuxas principais virtudes pasaban por dotar a profesión dun marco laboral de mínimos. Representaba, por outra banda, a normalización do sector e estabelecía principios fundamentais para as categorías laborais, para as cotizacións e a xubilación. É, en definitiva, un espazo de encontro para a supervivencia da profesionalización.

Talvez o Convenio foi un dos últimos chanzos subidos por unha profesión en constante evolución e que atopou no seu texto algunhas resposta ás reclamacións primixenias dos actores e actrices que aló por 1985 deron en fundar unha Asociación que, no seu trinta aniversario, segue a afanarse na permanente construción dun edificio para todos e todas.