Volver

MANIFESTO GALEGO DO DÍA MUNDIAL DO TEATRO 2000

Lino Braxe e Antonio Simón encargáronse de redactar e ler a dúo o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro no ano 2000

Manifesto Galego do Teatro 2000

LINO BRAXE E ANTONIO SIMÓN

Lino: Ai...

– Antonio: ¿Que che pasa?

– L: Dóeme unha perna

– A: Pois vai ao médico, que para iso está a Sanidade.

– L: A pública e a privada

– A: Ai…

– L: E agora que pasa?

– A: Dóeme a alma.

– L: A alma? Daquela vai ao teatro que para iso esta.

– A: O público e o privado?

LINO: Non teremos un teatro digno até que os que facemos teatro teñamos claro que somos os médicos do ocio e da espiritualidade, e mentres as institucións non asuman que somos un servizo público tan importante como a Sanidade ou a Educación.

– L: Por certo, viches o outro día pola tele Cyrano de Bergerac?

– A: Quixen vela pero quedei durmido.

– L: Tan mala che pareceu?

– A: Non, home, non, é que a puxeron á súa hora habitual das tres da madrugada, para vampiros e insomnes crónicos... pero eu traballo.

– L: Despois din que o teatro ten unha audiencia do 0’4%, menuda militancia.

ANTONIO: Será imposible acadar unha implicación dos espectadores cos nosos espectáculos se estes non se coñecen. Esiximos que cos nosos cartos, cos cartos dos nosos impostos, os medios de comunicación públicos, tanto estatais como autonómicos ou locais, dediquen programas periódicos ou espectáculos, emitindo gravacións das nosas montaxes. Noutros países, o teatro está a volver ás pantallas de televisión e ás ondas de radio; non sexamos outra vez os últimos da fila, por favor.

– L: E xa sabes que obra vas montar o ano que vén?

– A: Non. Estou mirando varios textos dun autor...

– L: Galego?

– A: non. Aquí en Galicia non hai autores interesantes. Merquei un dicionario internacional de autores, editados polo PEN CLUB, e estou consultando a letra I

– L: E que tal?

– A: Demasiado! Hai unha morea de autores xaponeses que empezan por i. Que guai, non?

LINO: O que non hai aquí é imaxinación. Porque autores hai. Vivos e mortos. E dentro dos vivos hainos vellos, maduros, novos e novísimos. O que temos é que mirar máis na nosa contorna. Aprender a ler con outra perspectiva os autores máis novos. Procurando que a mirada dos directores sexa cada vez máis imaxinativa, integrando outros sectores artísticos, no proceso creativo: artistas plásticos, músicos, arquitectos, coreógrafos... Apartar de nós o ombliguismo abrindo as portas ás xeracións máis novas de directores, de actores e de público. Apostar decididamente polo risco e non por iso renunciar á creación de público. Non hai avangardas aburridas. Hai espectáculos sen pulso. Ou simplemete, malos espectáculos.

– A: De onde ves coa casa ao lombo?

– L: De actuar en Moaña.

– A: A onde vas coa casa ao lombo?

– L: A actuar a Coristanco

– A: Sempre de mudanza.

– L: De mudanza sempre para unha función dun día.

ANTONIO: Despois de vintecinco anos de empresas profesionais afincadas no noso país, o teatro galego precisa dun xiro estratéxico para acadar maiores logros artísticos e maiores bolsas de público asiduo e potencial. É urxente combinar o teatro itinerante co teatro residente. Todo está preparado para esta mutación, os traballadores do teatro e o público, tan só falta que as administracións, tanto locais como autonómicas, cumpran coa súa obriga de atender as necesidades dunha profesión que precisa desenvolverse axeitadamente para non quedar marxinada do equilibrio teatral con outros pobos de Europa.

– A: Que fas con esa fotocopiadora vella?

– L: Estouna a amañando para editar uns textos teatrais.

– A: Na época das comunicacións dixitais aínda andamos con estas?

– L: Pois xa ves.

– A: Veña, imos facrnos executivos de telefónica.

– L: Pero é que aínda non falamos da edición de libros de teatro, das convocatorias de subvencións diferenciadas para o teatro afeizoado e teatro profesional, do convenio laboral para a nosa profesión.

– A: Ui... Iso hai que deixalo para o próximo manifesto do teatro galego. Que vendo o resultado de este ano tamén nolo van a encargar a nós. Agora imos facer honor a nosa sona de ser dous individuos breves e concisos, animosos e amenos.

– L: Si ti o dis, así será. Daquela desexámoslle a todos vostedes un Feliz Nadal.

– A: Iso un feliz Nadal e próspero teatro a todos.

– L: E a todas

LINO: Gracias e boas noites

ANTONIO: Gracias e boas noites.