Volver

Lecturas dramatizadas en colaboración coa Fundación SGAE

Por iniciativa do Consello Territorial da SGAE en Galicia, a AAAG en colaboración coa Fundación SGAE organiza dúas lecturas dramatizadas en Santiago de Compostela.

Os eventos terán lugar na sede da entidade na capital galega, con acceso gratuíto, e contarán coa participación de recoñecidos profesionais da interpretación e da dirección teatral. O aniversario, de Diego Ameixeiras, será representada o 10 de decembro* con dirección de Artur Trillo e interpretación de Antonio Durán “Morris”, Nacho Castaño e Monti Castiñeiras. Pola súa banda, Pequeno canon dramático, de Iván Caloto, será dramatizada o 15 de decembro e conta con dirección de Pepa Barreiro e interpretación de Rebeca Montero, Rosa Álvarez, Uxía Vázquez, Ernesto Chao e Toño Casais.

As lecturas dramatizadas ofrecen a oportunidade de coñecer novos textos a través dunha presentación realizada por profesionais da escena, aínda que sen a produción habitual dun espectáculo comercial. Estas propostas reúnen dramaturxia, interpretación, dirección, produción e público arredor dunha experiencia única: a estrea dunha obra nunca antes representada. A Fundación SGAE contribúe á difusión dos novos textos teatrais a través do seu Ciclo de Lecturas Dramatizadas, que celebra puntualmente en diversas Comunidades españolas dende 1995.

10 de decembro*. ‘O aniversario’

O aniversario é unha peza policial centrada nun intenso interrogatorio ao sospeitoso de dous crimes. O seu autor, o xornalista, escritor e guionista Diego Ameixeiras (Lausanne, Suíza, 1976), é un especialista no xénero negro que atesoura diversos premios literarios. A posta en escena do seu texto será dirixida por Artur Trillo, reputado autor, actor e responsábel da compañía Talía Teatro. A terna actoral está conformada por Antonio Durán “Morris” (A esmorga, Padre Casares), Monti Castiñeiras (Serramoura, Matalobos) e Nacho Castaño (Os Atlánticos)

15 de decembro. ‘Pequeno canon dramático’

Pequeno canon dramático é un texto técnico que estimula o traballo máis emocional de actores e actrices propoñendo diferentes combinacións de rabia, tristura, tenrura, ledicia, medo e erotismo. O autor, Iván Caloto (Lugo, 1976), despuntou con diversos premios de teatro na Universidade de Vigo. Durante os últimos 15 anos veu desenvolvendo unha traxectoria orientada agora ao teatro terapéutico. Dirixe Pepa Barreiro (Teatro de Ningures). Entre o elenco de intérpretes están Rebeca Montero (Matalobos), Rosa Álvarez (Libro de familia) ou Ernesto Chao (Pratos combinados).

(*) A presentación de O Aniversario foi adiada até novo aviso.