Volver

María Casares, vida dunha actriz universal

Este ano celebramos a vixésima edición dos Premios de Teatro María Casares. E neste 2016, ademais, celébrase o vinte aniversario do seu falecemento. Percorremos a continuación -e brevemente- a súa intensa vida e longa traxectoria. A vida dunha actriz universal, dunha muller libre.

O 21 de novembro de 1922. Aquel día, na Coruña, naceu a que sería a actriz galega con maior proxección internacional: María Victoria Casares Pérez. O seu éxito chegoulle lonxe da casa, en Francia, nun exilio do que só volvería brevemente nos anos setenta para representar El Adefesio, de Rafael Alberti. Dende a súa marcha, non volveu pisar nin Galicia nin A Coruña. Non quería. E non só polas lembranzas do maltrato que acabaría por sufrir o seu pai, Santiago Casares Quiroga, ministro e presidente da República, no seu propio fogar. Referímonos ao desprezo, ao expolio da súa casa, a eliminación da súa partida de nacemento. Mais había outro motivo, unha cuestión de memoria: non quería embazar as imaxes que retiña dunha infancia, a súa, que transcorreu entre a Rúa Panaderas e Montrove e que finalizou aos oito anos, cando principiou o primeiro dos exilios. O seu pai era escollido ministro da nova República e toda a familia debía partir a Madrid.

Alí, en Madrid, cinco anos despois, principiaría o seu segundo e definitivo exilio. Tras o golpe de estado de Franco, María Casares traballou durante meses como enfermeira nun hospital para feridos de guerra. Até que en novembro do 1936, a súa nai e mais ela emprenden o desterro cara ao país galo. O seu pai uniríase contra o final da guerra e a súa media irmá, Esther, non tería tanta sorte. Durante anos sufriría persecución na Coruña, onde estivo presa e viviu un longo arresto domiciliario antes de partir do exilio.

En París, María Casares continuou cos seus estudos e principiou a súa formación teatral. Fíxoo dende cero, dende o cero absoluto que chega co silencio da fala. Houbo de superar a fronteira idiomática e afacerse a unha lingua que non era a súa. A ascensión foi progresiva e imparable, até converterse nunha das grandes actrices da escena gala e formar, xunto a Madeleine Renaud ou Edwige Feuillère, o grupo de tráxicas francesas máis notables da súa xeración.

Tras o seu paso polo conservatorio, comezou a traballar no teatro Les Mathurins. Nese mítico escenario, principiou a súa traxectoria escénica coa obra Deidre des douleurs, dirixida por Marcel Herrand. Era 1942 e durante as seguintes décadas converteríase nun referente en Francia grazas a traballar con directores e autores como Jean Marchat, Jean Anouilh, Geroges Vitaly ou Jean Vitaly. Precisamente, naquela época de estrea no oficio, foi cando María Casares iniciou unha intensa relación artística e persoal con Albert Camus. E se ben nunca formou parte da resistencia francesa, si que colaborou de forma puntual a través de Camus e axudou a gorecerse a unha amiga xudía, Nina, que finalmente non puido salvar.

O seu traballo na escena e a súa influencia converteuna nunha peza clave para o desenvolvemento do existencialismo francés, principalmente na súa vertente. A súa presenza e o seu traballo artístico converteuna nun suxeito activo na configuración da corrente. A influencia intelectual e artística sobre Camus e as súas amizades con persoeiros como Sartre ou Simon de Beauvoir, deixou unha forte pegada no movemento. Non era unha musa do existencialismo como en moitas biografías se sinala, era parte activa e necesaria para o existencialismo.

En paralelo á súa imparable fama no teatro, María Casares inicou unha selecta carreira no cine. O seu primeiro papel chegou co clásico Les Enfants du paradis, de Marcel Carné, e pouco despois daquela fita, en 1944, protagonizaría As damas do bosque de Boloña, de Robert Bresson. Co seu traballo no Orpheo (1950), de Jean Cocteu, consagraríase como actriz de referencia e de enorme recoñecemento diante do público. Un recoñecemento que non decaería até o treito final da súa vida, nuns anos nos que recibiría os grandes premios da súa carreira: o Premio Molière de tetro á mellor actriz, a nominación aos premios César, o Premio Nacional de Teatro e a Lexión de Honor. Dende España chegoulle a Medalla do Mérito de Belas Artes e O premio Sexismundo da Asociación de Directores de España. En Galicia, concedéronselle o título de filla predilecta da Coruña e a medalla Castelao.

Anos antes, en 1980, María Casares lanzou as súas memorias Residente Privilexiada, título que respondía ao seu estatus na tarxeta de residencia orixinal emitida por Francia. Coa súa propia voz, a actriz máis internacional de Galicia repasaba unha vida e uns éxitos que na súa terra son pouco coñecidos ou, directamente, esquecidos.