Volver

Dez cineastas e unha ducia de filmes multipremiados encherán Sarria do mellor cinema galego

Alberte Branco dirixe a 1ª Escolma de Cinema Galego en Sarria, que terá lugar os días 26, 27 e 28 e será de acceso libre e gratuíto

Unha ducia de proxeccións e varias conversas con dez cineastas recoñecidos con múltiples premios dentro e fóra da nosa xeografía achegarán as novas linguaxes do Cinema Galego á veciñanza do concello de Sarria e dos concellos limítrofes dentro da 1ª Escolma de Cinema Galego en Sarria que terá lugar na Casa da Cultura da vila luguesa os próximos días 26, 27 e 28 de febreiro. Todas as actividades da Escolma, que está organizada pola Concellaría de Cultura do Concello de Sarria e pola Area de Cultura da Deputación de Lugo, serán de acceso libre e gratuíto.

Varios Premios Mestre Mateo e Nuevas Olas do Festival de Sevilla; unha ducia de galardóns nos festivais de Cans, Tui, Noia ou Curtocircuito, entre outros moitos; presenza destacada, mencións e premios en ata 200 festivais internacionais de todos os continentes... a Casa da Cultura de Sarria acollerá a última fin de semana deste mes de febreiro unha mostra do cinema galego que está a seducir os públicos máis selectos do mercado audiovisual global. Películas que están conquistado os xurados dos principais certames internacionais e que, sen embargo, o público galego apenas coñece. Proxecións de acceso libre que se complementarán, ademais, con conversas dos seus directores ou directoras entre eles e co público asistente.

Cada xornada terá unha temática. O venres 26 será o día das curtametraxes: As Damas Negras e Conversa Cunha Muller Morta, de Sonia Méndez; Ser e Voltar e Eco, de Xacio Baño; e Proba de Axilidade e máis un traballo en proceso sorpresa de Jaione Camborda darán boa conta dos extraordinarios froitos que deu o sector das curtametraxes galegas nos últimos anos. Á ultima hora da tarde, unha vez rematadas as proxeccións, as directoras e o director analizarán, da man do crítico Grial Parga, as pezas proxectadas, nunha conversa aberta ao público.

O sábado 27 será a o día da non-ficción. Proxectaranse filmes de Oliver Laxe, Lois Patiño, Victor Hugo Seoane e Eloy Enciso, cineastas moi novos que contan co recoñecemento de festivais internacionais tan dificilmente accesibles como o de Cannes ou Locarno. Paris#1 narra a experiencia cinematográfica dun grupo de amigos en Galicia; o vento, a pedra, o mar, o lume, son personaxes de Costa da Morte, un filme que nos achega ao misterio que supón a paisaxe, entendida como unha unidade xunto ao home, a historia e o mito; en Arraianos, as vidas dos habitantes dun pequeno pobo perdido nos bosques entre Galicia e Portugal crean unha fábula sobre o mundo rural e a súa obstinada resistencia a desaparecer; mentres que Verengo trata o efecto do paso dos anos nun lugar no que o tempo parece detido, no mesmo corazón do verdor rural. Catro filmes imprescindibles para coñecer o que está pasando no cinema galego máis vangardista. E para coñecernos, a través deles, a nós mesmos. As proxeccións complementaranse cunha mesa redonda na que se dabeterá a importancia da non-ficción no Novo Cinema Galego e na que participarán os directores Eloy Domínguez e Victor Hugo Seoane e máis os produtores Felipe Lage e Beli Martínez.

Dúas longametraxes de ficción pecharán a Escolma domingo 28: Las Altas Presiones de Ángel Santos e Encallados de Alfonso Zarauza. Dúas historias do cine dentro do cine, de amizades e de viaxes arredor de nós que chegan a Sarria seguindo o seu propio camiño polas salas de exhibición do mundo. Ao rematar as proxeccións, os directores dos filmes, Alfonso Zarauza e Ángel Santos, falarán coa directora de arte Jaione Camborda e co director de fotografía -e coordinador da Escolma- Alberte Branco sobre cine de ficción periférico.

A programación completarase cun roteiro polos espazos da Vila de Sarria onde se programaba cine, o sábado pola mañá, cun concerto no local social Rúa da Música, o sábado pola noite, e coa proxección dun filme sorpresa por parte do Cineclube Leslie Nielsen, o domingo pola mañá, que contará coa participación de Manolo González.