Volver

"En Francia, María Casares é unha das máis aclamadas tráxicas contemporáneas; en Galicia, pola contra, é unha silenciada máis”

A actriz e investigadora Sabela Hermida realizou unha ampla tese de doutoramento no ano 2013 sobre a figura de María Casares. Baixo o título Desenvolvemento artístico de María Casares dentro do marco existencialista francés, Hermida afonda na pegada artística e intelectual da actriz coruñesa nunha das correntes intelectuais máis destacadas do século XX.

Como definiría en poucas palabras a María Casares?

Para min María Casares é a grande actriz filósofa galega, española e mundial. É unha actriz intelectual.

Por que?

Por moitas razóns. Primeiro e fundamentalmente, porque ela desenvolveu unha teoría dramática moi potente. Non se recolleu nun libro, mais podería facerse perfectamente. Ela, en orixe, tiña a idea de recoller a súa visión do mundo dramático nun volume, nun libro que sería unha especie de xemelgo das súas memorias Residente privilexiada. Nese título retrataba a súa biografía dende un punto de vista máis emocional-vital e quedou fóra, en grande medida, a súa visión teatral. Se chegase a escribir ese libro pendente, serviría de testemuña do legado da súa teoría dramática. Mais finou antes.

Despois, por outra banda, os directores que traballaron con ela sempre a tiveron moi presente. Utilizábana en positivo como asesora na lectura do texto, na posta en escena ou na propia dirección. E debemos ter claro, como é ben sabido, que María Casares entrou en Francia como exiliada nun momento en que as vangardas estaban en auxe. Primeiro pola súa condición de ser filla de Casares e despois polo seu compromiso ético coa vida e a política, tivo a posibilidade de relacionarse co mundo cultural do momento. Entón, aproximouse da man de Camus ao existencialismo e pasou a ser moi activa no plano intelectual. María Casares convértese en colaboradora esencial de Camus en moitas montaxes e axudoulle a escribir obras tan importantes como O home rebelde. O escritor baseouse moito na experiencia existencial de ambos os dous para escribir ese título.

E como resumo, eu convidaría a todo o mundo a ler as súas memorias. Unha pódese decatar con ese libro da súa sensibilidade, da súa capacidade intelectual e da súa formación. Por iso digo que era unha actriz de primeira e tamén unha intelectual de primeira.

Nas memorias das que fala, Residente Privilexiada, hai dúas ausencias que sorprenden: o teatro e Albert Camus. Como xa dixo vostede, pasa moi por riba de ambos os dous asuntos...

Esta autobiografía chega cando pecha o seu principal ciclo vital como exiliada despois de corenta anos de desterro. Tras a morte do ditador, ela regresa a España para representar El Adefesio de Rafael Alberti. Esa é unha experiencia non moi positiva por circunstancias, mais si moi importante. Por que? Porque a asalta unha necesidade de procurar as súas raíces, ordenar os seus pensamentos e definir a súa identidade. Por iso, o libro que lanza está escrito a impulsos emocionais e fundaméntase principalmente na afectividade. Ademais, hai moito nas súas páxinas de legado a seu pai. Pódese dicir que, dalgún xeito, quería honrar a seu pai e tamén a súa nai. Cando fala de Camus, por outra banda, só se refire ao plano afectivo. E sobre o teatro... Ela era consciente de que só se refería ao teatro dende a emoción. Por iso, cando a entrevistaban, ela aseguraba que tamén tiña intención de dedicarlle outro libro á súa vida teatral noutro volume. Aí estaba o xemelgo que quería escribir, mais morreu antes.

Do teatro si que fala dende a emoción pura. Mesmo compara o que sente ao subir a un escenario coa éxtase de Santa Tareixa. Fala dunha sorte de “transo” coma se dunha experiencia espiritual se tratase.

María Casares dicía que a poesía lle chegara moito antes que o teatro. Dende pequeniña, na Casa da Rúa Panadeiras da Coruña, o seu pai iniciouna na súa educación primordial e descubriulle os poetas galegos, Rosalía e Curros, cuxas obras foron esenciais ao longo da súa vida. Dende moi pequena recitaba, dicía “la voz en un grito”, nun alto que lle mandou construír o pai na casa. O gusto artístico da actriz principiou coa poesía, non co teatro.

Xa no Instituto Escola, un lugar no que se fomentaba o interese por todo tipo de artes, ela recitaba e aseguraba que entraba en “transo”. En Francia, os Alcover [un matrimonio amigo da familia que acolleu a María e a súa nai no inicio do seu exilio] presenciaron un día a María recitando e observaron o nivel de emoción que acadaba. Quedaron abraiados polo sentimento e só puideron dicir unha frase: “Se esta nena non fixer teatro, afoga”. Esa frase marca o inicio de María Casares como actriz. Así pasa de recitar poesía ao escenario e entra no conservatorio. Finalmente Marcel Herrand contrátaa para facer o seu primeiro protagonista no teatro Les Mathurins na obra Deirdre des douleurs . E só tiña 19 anos. Comezaba así a súa traxectoria.

No libro, María Casares amosa un grande apego cara aos seus pais, mais quizais céntrase máis en falar da figura de Santiago Casares Quiroga que da súa nai, Gloria. Ela parece eclipsada.

Eu vexo bastante claro que en todas as entrevistas nomea a seu pai e a súa nai. E creo que lle quere dar un lugar importante a súa nai, porque sente grande admiración por ela. Gloria era unha muller impresionante, cunha grande intelixencia. Interesáballe todo o que tivese que ver coa arte e foi un grande apoio que tivo María para dedicarse o teatro. Agora ben, é certo que menta moito o pai, xa que no fondo había unha clara intención de homenaxealo. Hai que ter en conta que nunca se restaurou a memoria do pai como se merecía. É dicir, non é que un fose máis importante ca outra. A cuestión pasaba por lle facer xustiza a Casares Quiroga porque fora maltratado e sufriu varias atrocidades: queimáronlle a biblioteca, espoliáronlle a casa, quixéronlle retirar a partida de nacemento, tratárono como unha rata... Había moito de homenaxe ao pai nese libro. Xa que xamais se restaurou a súa figura de forma institucional, quixo facelo ela. Pero para María Casares, os dous tiveron un impacto enorme, aínda que de forma diferente. E a nai está presente e admirábaa moito.

Por que desa admiración?

Era unha muller cunha liberdade incuestionable. María admiraba moito as persoas que, como a súa nai, tivesen intelixencia natural e ganas de descubrir, de formarse. Gloria procedía dun mundo totalmente afastado, moi distinto ao da familia de Casares Quiroga e da burguesía da época. Adaptouse con naturalidade. E logo María dicía da súa nai que era moi meiga e moi intuitiva. Se cadra por iso sempre a apoiou para ser actriz. Gloria foi a primeira admiradora da María Casares actriz.

María Casares e Albert Camus mantiveron unha longa relación afectiva e intelectual. Como se influíron artisticamente?

A influencia que se estableceu foi brutal e en ambos os dous sentidos. Iso non o digo eu, afírmano os biógrafos de Camus. Todos recoñecen e destacan as interrelacións intelectuais entre os dous. Casares é unha figura fundamental para a obra e a vida de Camus, pero non só na vida de Camus. Tanto el como as correntes de vangarda e existencialista vían na actriz unha persoa idónea para transmitir a mensaxe que querían trasladar ao mundo. E se a vían dese xeito, era por dous motivos: o primeiro, o seu talento e a súa capacidade intelectual. O segundo? Todo o que representaba a nivel ético e político. Sempre estivo apoiando a democracia e a República dun xeito decidido. Por estas cuestións, autores como Sartre ou como o propio Camus, entre outros moitos, vían nela unha vía posibilitadora para que a súa mensaxe chegase da mellor forma e forza posible. Para María Casares, por outra banda, a mensaxe do autor era o fundamental. Para ela, o máis importante era que o teatro tivese mensaxe, tivese poética. Os actores e as actrices eran vehículos e cómplices para a mensaxe, o obxectivo final do texto e do feito poético.

Entenderíase o existencialismo, na súa vertente teatral, sen a implicación de María Casares?

Esta pregunta é entrar no ámbito das hipóteses. Dito isto, coido que sen ela si creo que sería ben diferente. Explícome. A súa experiencia no exilio resultou fundamental para que transcendese a mensaxe existencialista nos escenarios. Ela levaba na súa mochila vital sentimentos profundos e esencias: a angustia vital, o desterro, a desesperación. Que mellor actriz podía haber que aquela que viviu todas estas situacións para plasmalas nun escenario? A verdade, non sería o mesmo. E non sería o mesmo por outra cuestión: ela tiña un contacto directo, de ti a ti, cos intelectuais da época. Influíu e retroalimentábase de forma capital das amizades dende o punto de vista artístico e intelectual.

Se falamos do exilio, María Casares distinguiu dous diferentes na súa vida. O primeiro, cando deixou Galicia para ir vivir a Madrid cando o seu pai se converteu en ministro da República. O segundo, cando estoupou a Guerra Civil. Tres meses despois do golpe de estado, exíliase xa en Francia coa nai. En que medida influíron estes dous exilios na súa vida?

Hai unha cousa importante no exilio sentimental. Primeiro, como dis, o desterro por mor dos compromisos políticos de seu pai. Iso viviuno como un exilio emocional, xa que ela nunca chegou a afacerse a Madrid. Nunca esqueceu Galicia.

Despois, ela viviu pouco tempo a Guerra Civil, mais si de forma intensa. Durante varios meses traballou como enfermeira adolescente e viviu situacións moi impactantes para unha rapaza da súa idade. Só tiña trece anos. Daquilo María segura que aprendeu a naturalizar a dor e comprender o ser humano en toda a súa complexidade. Estivo pouco nese posto no hospital, xa que chegou un punto en que María Casares sufría desmaios e problemas de saúde. Entón, o pai preparoulles o exilio á nai e mais a ela. Esta experiencia, xunto á educación de seus pais e o Estudio Escola, foron as tres ferramentas que lle trazaron o seu camiño ético. Logo chegou o exilio e marcou o resto da súa vida.

María Casares mantivo certa relación coa Resistencia francesa nos anos da ocupación nazi e do Réxime de Vichy. Mesmo chegou a refuxiar na súa casa a unha amiga xudía, Nina, que por desgraza desapareceu un día e nunca máis se soubo. Como poderiamos definir a súa relación coa Resistencia?

María Casares, dende un principio, estivo ligada á defensa dos refuxiados españois republicanos, deulles presenza e voz en todos os actos nos que participaba. De feito, aínda que non entrou en política activa, formou parte das asociacións de exiliados, de amigos dos refuxiados ou de mulleres exiliadas. No 52 concédeselle unha medalla que lle impuxo o presidente da República no exilio. E coa resistencia pasou algo parecido, fixo funcións para recadar cartos para a Resistencia, estivo a piques de entrar na propia estrutura e de participar en accións concretas. Un día intentou facer de correo, mais o contacto que tiña que aparecer nunca chegou. Esa acción, que implicaría unha participación directa, quedou en nada. Oficialmente non entrou na resistencia, mais si fixo algo esencial: foi valente ao dicir todo o que dicía sobre un escenario, co que xa se xogaba bastante e, ademais, sendo filla de quen era. Tamén hai que lembrar que, ela e súa nai, converteron a súa casa nun lugar de acollida e tránsito dos refuxiados españois, tanto para os que querían quedar en Francia coma os que querían exiliarse ao outro lado do Atlántico. E despois, estivo esa protección que lle ofreceron a aquela rapaza amiga súa, Nina, unha xudía perseguida polo Réxime de Vichy. Escondérona na casa, pero un día Nina marchou porque xa non aguantaba máis sen ver a súa familia. Collérona e nunca máis souberon dela. Foi un erro moi absurdo e creo que as dúas, María Casares e a súa nai, quedaron coa culpa de non poder facer nada máis.

Tras a morte de Franco, María Casares regresou a España para realizar a xira de El Adefesio, unha obra de Rafael Alberti. A experiencia non lle foi grata e marchou cunha gran decepción. Que aconteceu durante esa xira?

Ela non quixo deixar de ser exiliada até que a ditadura franquista rematase. Quería ser igual que todos os compatriotas refuxiados. Nesa mesma liña, tamén tiña un compromiso de non volver a España até Franco morrer. Cando Alberti a buscou para que interpretase esta obra, para ela foi unha bendición. Quería regresar a España sobre un escenario. Estreou a obra sen Alberti presente -seguía no exilio- e coa policía ás portas do camerino. Estaba ameazada de morte e corría perigo. Iso non foi agradable, pero houbo cousas peores. Por un lado, sufriu unha gran decepción. Viu un país que non lle gustaba, frustrado e ao que se lle notaba demasiado corenta anos de represión. E por outra banda, tivo problemas con parte do equipo. Había compañeiros e compañeiras que se mofaban do acento galego que aínda conservaba. Parecíalle asombroso que tal cousa fose posible, sobre todo tendo en conta que en Francia aquel acento era un reclamo. María Casares volveu a Francia alegando unha enfermidade hepática. Non poño en dúbida a enfermidade, pero está claro que a doenza máis forte era a emotiva.

Como se lembra en Francia a María Casares vinte anos despois da súa morte?

María Casares é unha icona. É un referente e vaino ser sempre. Está considerada unha das máis aclamadas tráxicas do país. Tamén no exterior, na intelectualidade galega exiliada, Blanco Amor, Seoane, Laxeiro ou Tacholas convertérona nun símbolo da dignidade do exilio e un referente artístico. Un orgullo, o máis grande orgullo no exilio. Puideron comprobar o seu talento cando comezaron a xira do teatro Nacional Popular por Sudamérica. Seoane dedícalle varios escritos en Galicia Emigrante e no homónimo programa.

E aquí en Galicia? Como a lembramos? Se é que a lembramos, claro.

Estamos a anos luz. Por que hai tanto silenciado e, sobre todo, tanta silenciada? Será que non interesa, como non interesa que haxa unha visión crítica. Estamos nunha sociedade teledirixida e moi superficial. O que está claro, para que chegue á xente, a nivel institucional estas figuras tan importantes hai que fomentalas e trasladarllas á xente. Fai falla que se lle faga xustiza e sempre o digo: tristemente hai moito silenciado, pero hai moitísima máis silenciada. Parece que as mulleres quedamos reducidas só a musas, a compañeiras, a nais de... Pero é que hai moitísimas e grandísimas intelectuais neste país.

Precisamente, o termo musa aparece directamente no seu artigo da Wikipedia: “Musa do existencialismo”.

Musa activa sempre e musa implicada. E icona. María Casares estaba considerada polos autores un axente activo na súa produción... Entón, quen son os demais para reducila? Non é un obxecto a contemplar, é un axente activo e intelectual.