Volver

A AAAG lembrará mañá mércores cun recital poético a figura de María Casares na Casa Museo Casares Quiroga

As actrices Sabela Hermida, Manuela Varela, Amalia Gómez e Rebeca Montero, dirixidas por Lino Braxe, serán as encargadas de recitar unha escolma das poesías que máis marcaron e influíron a actriz María Casares. O acto celébrase na Biblioteca da Casa Museo Casares Quiroga da Coruña ás 20.00

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) continúa mañá mércores co programa de actividades para homenaxear a actriz María Casares neste 2016, ano no que se celebrou a vixésima gala dos Premios de Teatro que levan o seu nome e no que se conmemora o vixésimo aniversario do falecemento da propia actriz. Con esta programación ao redor da súa figura, a AAAG quere homenaxear a unha intérprete universal e asumir a súa parte nunha tarefa social colectiva: lembrar e difundir a traxectoria vital e profesional de María Casares na súa terra. Deste modo, a AAAG celebrará mañá mércores 13 de abril, véspera do 85º aniversario da proclamación da II República, un recital poético interpretado polas actrices Sabela Hermida, Rebeca Montero, Amalia Gómez e Manuela Varela no que recitarán unha serie de poemas que, dun xeito ou doutro, influíron na actriz María Casares. Lino Braxe encargase da dirección do recital e realizou a escolma de poemas que se poiderá escoitar mañá ás 20.00 horas na Biblioteca da Casa Museo. O acto incluirá unha breve presentación de Mabel Rivera e o acompañamento musical de Dinorah Valdés.

Baixo o título A poesía de María, o recital percorre un conxunto de poetas galegos, españois e franceses que a actriz María Casares admiraba e que nalgunha ocasión recitou en público en diversos momentos da súa vida. Así, as catro actrices poñeranlles voces aos versos de autores como Luís Seoane, Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Lorca, Rafael Alberti, Rimbaud ou Yeats. Precisamente, María Casares recitaba algún deste poemas na radio francesa cada 25 de Xullo para lembrar a súa terra e, durante a ocupación nazi de Francia, participaba como recitadora en diversos actos de apoio aos exiliados españois e da Resistencia francesa.

Este recital únese así ás actividades xa levadas a cabo neste 2016 por parte da AAAG para lembrar a María Casares. En semanas anteriores celebrouse unha sesión homenaxe no CGAI coa colaboración do historiador José Luis Castro de Paz e a investigadora Sabela Hermida e un coloquio ao redor da traxectoria vital da actriz na Casa Museo Casares Quiroga coa participación do historiador Emilio Grandío, a investigadora María Lopo e Arancha Estévez, autora da primeira biografía en galego de María Casares. Ademais, durante a semana do Día da Muller Traballadora, realizáronse lecturas dramatizadas de fragmentos das memorias de María Casares, Residente Privilexiada, no programa Diario Cultural. Este conxunto de actividades conta coa colaboración do Concello da Coruña, da Deputación da Coruña e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Perfil María Casares

O 21 de novembro de 1922. Aquel día, na Coruña, naceu a que sería a actriz galega con maior proxección internacional, María Victoria Casares Pérez, filla de Santiago Casares Quiroga, ministro e xefe de Goberno da II República. O éxito da actriz chegaría lonxe da casa, en Francia, nun exilio do que só volveu en contadísimas ocasións.

En Francia, a onde chegou con trece anos e tan só tres meses despois do inicio da Guerra Civil, Casares principiou a súa formación teatral até estrearse como actriz no afamado teatro Les Mathurins en 1942. Nese escenario iniciou unha frutífera e recoñecida carreira teatral na que traballou con actores como Jean Marchat, Jean Anouilh ou Georges Vitaly. Foi naquela época, nos anos corenta, cando iniciou tamén a súa selecta traxectoria no cine, debutando na clásica Les Enfants du paradis, de Marcel Carné. E foi tamén naqueles anos corenta, cando María Casares coñeceu a Albert Camus, iniciando unha longa carreira artística e persoal.

Deste xeito, María Casares acabaría por consagrarse como actriz de referencia e de enorme recoñecemento ante o público. Ao final da súa vida recibiu grandes premios da súa carreira: o Premio Nacional de Teatro e a Lexión de Honor. Dende España chegoulle a Medalla de Belas Artes e dende Galicia, o título de filla predilecta da Coruña e a medalla Castelao.

En 1997, a AAAG bautizou os seus premios de teatro co nome da actriz para recoñecer a súa longa traxectoria e a súa pegada na interpretación internacional. María Casares quixo acudir á primeira gala destes premios, mais o seu falecemento impediullo.