Volver

Os colectivos audiovisuais convocan unha concentración contra o desmantelamento do CGAI

O mércores 13 de xullo ás 20.00 horas na porta do CGAI (Rúa Duran Loriga, 10 Baixo. A Coruña)

A Asociación de Actores e Intérpretes (AISGE), a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI),a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, a Asociación Galega de Guionistas, a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, o Observatorio Audiovisual de Galicia e a Academia Galega do Audiovisual rexeitan, unha vez máis, o desmantelamento do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) e o despedimento do seu persoal fixo que, na práctica, fará imposible cumprir cos traballos propios da filmoteca de Galicia, tanto nos labores de arquivo como nos de conservación e difusión da historia audiovisual de Galicia.

Estes colectivos convocan para o vindeiro mércores unha concentración diante do Centro Galego das Artes da Imaxe, en A Coruña, a partir das 20.00.

Os mesmos colectivos publicaron hai un mes un comunicado sobre a situación de desmantelamento do CGAI.

Comunicado contra o

desmantelamento do CGAI

Desde hai 25 anos, en Galicia contamos cunha institución que naceu, entre outras cousas, para preservar e difundir o patrimonio audiovisual galego. Outros dos seus cometidos orixinais foron asumidos posteriormente por outros organismos. Pero da conservación do noso patrimonio audiovisual, que é un traballo dunha grande esixencia técnica, se non se ocupa o CGAI, quen se vai ocupar?

A posibilidade, formulada ultimamente, de que o CGAI vexa aínda máis reducido o seu persoal conforma unha seria advertencia. Corremos o risco de desatender a tarefa de restaurar, conservar, catalogar e manter como ben público a memoria visual -sempre fráxil- deste país. E iso é grave. Sen memoria, apenas somos nada.

De hai 25 anos para aquí, a produción audiovisual en Galicia multiplicouse notablemente. A irrupción da tecnoloxía dixital, máis que facilitar o traballo, significou un reto formidable para os arquivos audiovisuais. É dicir, o terreo sobre o que un organismo tan modesto coma o CGAI debe traballar expandiuse a eito nos últimos anos.

E, no entanto, son poucos e minguantes os recursos que se destinan a que cumpra co seu cometido. É coma se alguén con poder decisorio considerase menor ou superfluo o traballo dunha filmoteca. Un erro fatal, froito ou da ignorancia ou da falta de autoestima. Nada tan destrutivo -e enganosamente silencioso- como a indiferenza, o desleixo, o abandono.

Reverter esa tendencia, manter e facer medrar os recursos do CGAI deberan ser unha prioridade cultural deste país.

Esiximos que unha entidade con tanta importancia e peso na nosa cultura sexa xestionada adecuadamente, dotándoa do persoal e medios necesarios para o seu óptimo funcionamento.