Volver

Entrevista con Aldo El-Jatib, director de El Rayo Misterioso

Etiquetas:

El Rayo Misterioso ofrecerá un seminario intensivo da man da Asociación os días 9 e 10 de outubro. Falamos das claves deste seminario con Aldo El-Jatib, director deste proxecto teatral arxentino que visitará ademais o FITO de Ourense

El Rayo Misterioso, proxecto arxentino teatral fundado en 1994, participará na programación do FITO de Ourense, que se celebra entre o 5 e o 15 de outubro. A formación, aproveitando a súa visita a Galicia, ofrecerá os días 9 e 10 de outubro en Santiago unha Conferencia-Demostración e un Seminario práctico intensivo, dirixido por Aldo El-Jatib e organizado pola AAAG. Nesta entrevista, conversamos co director para analizar as claves do seminario, cuxo prazo de inscrición está aberto até o luns 2 de outubro a través do formulario da nosa web, onde atoparedes toda a información ao respecto.

O seminario inclúe tanto unha parte práctica como unha conferencia de título singular: De la Acción de gracias al efecto fantasmal do encantamento. Que elementos das técnicas actorais se abordarán nesta conferencia? De onde procede o título?

Os elementos das técnicas actorais que se desenvolverán serán os principios enerxéticos empregados dende a antigüidade nos adestramentos do teatro oriental, que foron a base para o desenvolvemento do que sería chamado o Método das accións físicas. O título provén dun estudo sobre a mecánica cuántica, é dicir, unha das propiedades da partícula é o chamado “entrelazamento cuántico”. É unha propiedade cuántica enunciada por Einstein, Podolsky e Rosen e significa que dúas partículas que poden estar entrelazadas, funcionan como un sistema e non de forma individual. É dicir, se dividimos unha partícula e afastamos cada parte a millóns de quilómetros entre si e se a unha parte lle aplicamos unha perturbación, a outra reaccionará co seu oposto instantaneamente. Iso implica que a información dunha das partículas se transmite automaticamente á outra que está a millóns de quilómetros. Eu pretendo que o teatro teña ese mesmo efecto cuántico. Einstein chamou a isto Acción fantasmal a distancia.

Na conferencia terminará abordando a técnica de El Rayo Misterioso. Cales son as claves xerais que definen esta técnica?

A base da técnica é o adestramento para a creación dunha partitura espectacular actoral que conteña no seu devir un traballo orgánico de accións en estado de graza. Esta partitura constrúese mediante principios enerxéticos que teñen que ver coa negación da acción, a alteración do equilibrio ou a procura de oposicións, por exemplo.

Na presentación do seminario explícase que se realizará “un panorama sobre o adestramento psicofísico do método do traballo do grupo El Rayo Misterioso, dende o punto de vista técnico, ético e dinámico”. Que implica o punto de vista ético?

O punto de vista ético implica soster en todo o traballo os mesmos principios de loita polos cales o grupo se constituíu. Iso demóstrase na dinámica do funcionamento tanto polo espírito crítico como autocrítico e de superación persoal.

O seminario traballará o “Adestramento Bionerexético do Movemento” e o “Adestramento Bionerxético da Expresión”. Que son exactamente estes aspectos?

Ben, o Adestramento Bionerxético do Movemento ten como principais trazos traballar co corpo nos aspectos cognitivo, motor, rítmico, a flexibilidade, o equilibrio, a coordinación ou a resistencia. Pero fundamentalmente a disociación psicofísica, tan importante para o actor. E o outro traballo consiste en adestrar a parte sensorial e emotiva, a procura da concentración e a presencia escénica e a construción da Acción de Grazas como partitura espectacular actoral.

Como docente e como profesional da escena, ¿considera imprescindible para o traballo dos actores e das actrices recibir formación de modo continuado?

Por suposto, o actor debe adestrarse constantemente. Por que un bailarín ou un pianista debe manter o seu corpo ou o seu adestramento rítmico diariamente e o actor, cuxo instrumento é el mesmo e que ten máis perigo de estancarse polas propias resistencia ao cambio que naturalmente se ten, non debería facer o mesmo?

El Rayo Misterioso, fundado en 1994, é un proxecto cultural cunha ampla gama de actividades, que van dende a produción de espectáculos á formación. Cales son as súas principais actividades e campos de traballo?

O principal é a procura, investigación e experimentación sobre o traballo do intérprete. Co obxectivo de obter as máximas condicións para desenvolver este camiño, creamos outras actividades que son complementarias a esa meta: sala propia de teatro, produción de espectáculos, escola de teatro, revista de teatro (Teatro Truenos & Misterios) e un encontro internacional de grupos: o Experimenta Teatro.

El Rayo Misterioso participará no FITO de Ourense. Que significa participar neste festival? Que verá o público nesta visita?

El Rayo foi convidado ao FITO despois de gañar o Premio ao mellor espectáculo na MITEU do ano pasado. O público galego poderá apreciar o traballo dun grupo que dende fai moitos anos investiga na estética teatral. Aquí, en Galicia estaremos con dúas das nosas producións: Dionisos Aut e El fabuloso mundo de la tía Bettu. Estou seguro de que verá algo anovador no campo da experimentación.