Volver

Xulia Vicente ilustra o cartel dos Premios María Casares deste 2018

A AAAG busca fomentar as relacións creativas entre as artes escénicas e o mundo da ilustración. A partir desta edición, os María Casares pretenden contar coa colaboración de ilustradores e ilustradoras de recoñecido prestixio como Xulia Vicente, autora coa que iniciamos esta nova etapa.

Os XXII Premios de Teatro María Casares, organizados anualmente dende 1997 pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) celebraranse o vindeiro mércores 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña cunha gala conducida por Talía Teatro baixo a dirección de Artur Trillo, interpretada por Xurxo Barcala, Rubén Prieto, Marta Lado, Marta Ríos, Diego Rey, Dani Trillo, María Ordoñez e Toño Casais e o acompañamento musical do Coro Encaixe. Durante a gala, Rosa Álvarez recibirá o Premio de Honra, e Aldaolado lerán o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro. Ademais, este ano, os premios contan cunha novidade en referencia ao deseño gráfico, xa que o cartel desta edición leva a sinatura da ilustradora Xulia Vicente. Deste xeito, A AAAG busca fomentar as relacións creativas entre as artes escénicas e o mundo da ilustración. A partir desta edición, os María Casares pretenden contar coa colaboración de ilustradores e ilustradoras de recoñecido prestixio como Xulia Vicente, autora coa que iniciamos esta nova etapa. Podes velo en mellor calidade premendo aquí.

Xulia Vicente (1993, Cariño). Cursa o grao en Belas Artes en Valencia. O seu primeiro libro combina banda deseñada con relato escrito e publícase en 2016: Anna Dédalus: El misterio de la mansión quemada (Andana Editorial), con Miguel Ángel Giner Bou e Núria Tamarit. Máis adiante séguenlle Duerme pueblo (Ediciones La Cúpula), de novo xunto a Núria Tamarit, e Ari, cazador de dragones (Sallybooks) con guión de Manuel Gutiérrez. Participa noutras publicacións como Licor Café (Demo Editorial) ou Voltio (Ediciones La Cúpula), e en diversos fanzines (Sacoponcho ou Nimio entre eles).

Nesta edición, un total de 9 espectáculos son finalistas nos Premios de Teatro María Casares. Resaca, de ilMaquinario Teatro, é a montaxe con maior número finalistas ao optar a 10 galardóns. Pola súa banda, Martes de Carnaval, do Centro Dramático Galego (CDG), aspira a 9 galardóns; mentres que Soño dunha noite de verán, de Voadora, e A cabeza do dragón, de Producións Teatráis Excéntricas, compiten en 7 apartados. Elisa e Marcela, de A Panadaría, aspira a 6 galardóns e Outono, de Pista Catro, a 2 xerras. Cun finalista atópanse os espectáculos A galiña azul, de Tanxarina Teatro; Fillos do Sol, de Contraproducións, e Pum! Pum!, de Baobab Teatro. Pola súa banda, Rosa Álvarez recibirá o Premio de Honra Marisa Soto e Aldaolado, dúo artístico formado porLucía Aldao e María Lado, lerán o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro.

Os Premios María Casares son os galardóns do teatro galego organizados pola AAAG dende 1997 e con eles se premia a excelencia teatral en todas as vertentes do feito teatral. Estes galardóns son o gran escaparate da nosa escena, así como tamén dos seus profesionais. A súa relevancia social e cultural demóstrase cada ano coa implicación de diferentes institucións e entidades que colaboran e apoian os María Casares. Nesta edición, os Premios contan co patrocionio da Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento do Concello da Coruña, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Vicepresidencia da Deputación da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, da Fundación AISGE, da Fundación SGAE, Gadis e Producciones Emsac. A gala, que comezará ás 20.30 h. conta ademais coa colaboración da TVG, que retransmitirá a gala en diferido pola súa segunda gala a partir das 22.45 h. e pola súa páxina web en directo, a través de streaming