Volver

O Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas crean o Premio Laudamuco

O galardón cos seus 7.000 euros convértese no certame con maior dotación económica para a dramaturxia no ámbito galego. O prazo de admisión de orixinais rematará o 15 de febreiro de 2019

O Concello de Brión, en colaboración coa Academia Galega de Teatro (AGT) e Edicións Positivas, pon en marcha a primeira edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, galardón que cos seus 7.000 euros se converte no certame con maior dotación económica para a dramaturxia no ámbito galego. “Este premio ten un dobre obxectivo: apoiar a creación dramática en galego e contribuír ao recoñecemento da figura de Roberto Vidal Bolaño, un mestre de palabras, a figura máis importante do teatro galego e un benquerido veciño de Brión”, explicou José Luís García, alcalde de Brión, esta mañá na presentación á prensa do certame no Consello da Cultura Galega. O rexedor brionés estivo acompañado por Imma António, presidenta da Academia Galega de Teatro; Francisco Macías, responsable da editorial Positivas, selo que editará a obra premiada, e Dolores Vilavedra, secretaria do Consello da Cultura Galega.

Imma António, pola súa banda, destacou que con este galardón -que toma o nome da obra Laudamuco, señor de ningures, de Vidal Bolaño-, “non se pretende unicamente homenaxear a figura e obra de Roberto Vidal Bolaño, senón de todas as persoas que se implicaron para conseguir a profesionalización do noso teatro”. A presidenta da AGT subliñou que co certame búscase apoiar a dramaturxia de hoxe e de mañá.

Bases do premio

O galardón bautízase co nome da obra de Vidal Bolaño por ser a peza considerada como fundacional do teatro profesional galego. Tal e como lembrou Francisco Macías, Laudamuco, señor de ningures “estreouse o 16 de maio de 1978 da man da compañía Antroido no Teatro La Salle”. Con ese espírito fundacional, convócase este I Premio Laudamuco, destinado a todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten obra dramática e inédita e nunca antes premiada, sempre que estea escrita en lingua galega. Tanto a extensión como a temática serán libres e a dotación económica do premio ascenderá aos 7.000 euros. Ademais, Edicións Positivas encargarase da publicación da peza gañadora.

O prazo de admisión de orixinais rematará o 15 de febreiro de 2019. De cada obra, presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite, dirixido á Casa da Cultura de Brión (Carballeira de Santa Minia, nº5, CP 15865, Brión. A Coruña). Nun sobre anexo pechado, deberá figurar: o lema (no exterior) e os datos persoais da autora ou autor (no interior): nome, apelidos, DNI, enderezo postal, número de teléfono e currículo persoal.

O xurado do premio estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte teatral. A entrega do Premio Laudamuco terá lugar o 16 de maio de 2019 no transcurso dun acto organizado polo Concello de Brión co gallo do 41 aniversario da posta en escena de Laudamuco, señor de ningures.