Volver

A AAAG únese ás críticas e a campaña de AAPV fronte a sentenza que rebaixa a condena a un agresor sexual porque a vítima tivo experiencia de teatro na escola

A AAAG, asociación sindical que aglutina a gran parte da profesión da interpretación e da dirección escénica de Galicia, únese a Actors i Actrius Profesionals Valencians (AAPV) nas súas críticas á sentenza emitida pola Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Valencia.

A AAAG, asociación sindical que aglutina a gran parte da profesión da interpretación e da dirección escénica de Galicia, únese a Actors i Actrius Profesionals Valencians (AAPV) nas súas críticas á sentenza emitida pola Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Valencia -e coñecida a través dos medios de comunicación- pola cal se rebaixa a condena a un agresor sexual porque a vítima “puido ter dramatizado o relato ao ter experiencia como actriz na escola”. Ao mesmo xeito, a AAAG apoia e difunde a campaña promovida polos nosos compañeiros e polas nosas compañeiras de Valencia que, baixo o título #JoEtCrec, amosan a súa repulsa fronte este sentenza.

Ao igual que a nosa asociación análoga en Valencia, dende a AAAG manifestamos a nosa estupefacción e indignación, só comparable en volume á nosa incredulidade, ante tal sentenza. Consideramos que esta decisión xudicial únese a unha cada vez maior lista de ditames que evidencian unha preocupante falta de formación en cuestións de xénero da xudicatura e unha aguda carencia de sensibilidade fronte ao grave problema social que é a violencia de xénero en todas as súas dimensións. Como asociación, que aglutina a profesionais que antes de profesionais son cidadanía, cremos firmemente na necesidade de someter ao pensamento crítico este tipo de sentenzas para fomentar un imprescindible cambio no seo dunha sociedade afeita ao cuestionamento e a desconfianza cara ás vítimas.

E como asociación de profesionais da escena, subliñamos a nosa total indignación fronte apreciacións subxectivas que lesionan tanto a imaxe como a realidade do noso oficio, reducindo a credibilidade daquelas persoas dedicadas á interpretación e fomentando o desprestixio de todo o colectivo laboral, chegando ao máximo do despropósito ao debilitar a palabra dunha cidadá polo simple feito de recibir formación en teatro durante a súa infancia.

Por todo o exposto, a AAAG únese á AAPV na súa campaña e repite "Soc actriu i no mentisc/Sóc Actor i no mentisc. #JoEtCrec" (Son acriz e non minto / Son actor e non minto. #Eucréote)