Volver

Escaramuzas Artísticas debaterá o vindeiro mércores 28 de novembro sobre a creación de discursos e a transmisión de ideoloxías a través do audiovisual

A última cita deste ciclo de debates deste 2018 celebrarase o vindeiro mércores ás 20.00 horas na Lasso-Cafetería do Auditorio de Galicia de Santiago. O encontro estará moderado polo xornalista Ángel Suanzes e contará coa participación de María Yáñez, Marta Pérez Pereiro e Eloy Domínguez Serén

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) celebra o vindeiro mércores 28 de setembro ás 20.00 horas a última sesión de 2018 das súas Escaramuzas artísticas, unha serie de encontros de debate de periodicidade mensual en que reputadas voces especializadas nos sectores do audiovisual e da escena intercambiarán os seus puntos de vista ao respecto de diferentes temas que atinxan as profesións destas disciplinas. As Escaramuzas artísticas, que contan co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), buscan ir máis aló dos tradicionais coloquios, rompendo as habituais distancias das mesas redondas e achegando un ambiente distendido e participativo. Estes encontros están destinados tanto aos/ás profesionais do sector coma ao público xeral.

Esta nova sesión, celebrarase ás 20.00 horas na Lasso-Cafetería do Auditorio de Galicia de Santiago (Avenida Burgo das Nación, s/n) e centrarase no audiovisual como ferramenta de creación de discursos e de transmisión de ideoloxías. Baixo o título de Eisenstein vs Disney, o encontro partirá dos temas universais até centrarse en aspectos do audiovisual galego. Deste xeito, analizarase o cine a a produción televisiva como instrumentos de creacións de relatos, sen perder de vista os efectos do discurso fragmentando de internet neste ámbito. Con estas liñas principais, no debate participarán a xornalista e guionista María Yáñez, a investigadora e profesora da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago Marta Pérez Pereiro e o director Eloy Domínguez Serén, autor de fitas como No cow on the ice ou Hamada, o seu último proxecto que terá a súa preestrea no marco do festival Cineuropa este domingo 25 de novembro ás 20.30 horas no Teatro Principal de Santiago.