Volver

A AAAG denuncia a deriva de esmorecemento dun CDG baixo mínimos e sumido na burocratización, na baixa produción propia e na escasa contratación de elencos

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que reúne a gran parte da profesión da interpretación e da dirección escénica en Galicia, vese na obriga unha vez máis de alertar sobre a situación que atravesa o Centro Dramático Galego (CDG). Tras o anuncio de onte por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ao respecto de Neorretranca e posmorriña -a vindeira produción que a entidade pública de teatro estreará en abril-, esta Asociación amosa novamente a súa preocupación pola baixa contratación de intérpretes e a escasa produción, liñas que definen a xestión deficitaria do CDG. A ollos desta Asociación, a dinámica marcada dende a Agadic dun único espectáculo propio por ano con elencos de dez intérpretes non responde ás necesidades do público nin as expectativas do sector e moito menos ás funcións da institución.

A AAAG, por outra banda, cuestiona novamente a convocatoria dun proceso de selección de elencos para a escolla de intérpretes de Neorretranca e posmorriña. Este tipo de procedementos, sometido ás normas da función pública xeral, non se adecúan á realidade do noso sector nin á dimensión creativa do feito artístico e pasa por alto as particularidades laborais e artísticas tanto de intérpretes coma de directores/as. Ademais, este tipo de procedemento non garante a necesaria transparencia nin a igualdade de oportunidades nas que se escuda a administración para levalos a cabo. Probas desa ineficacia achámolas no accidentado procedemento desenvolvido en 2017 de Martes de Carnaval ou na selección de 2018 para a obra de Divinas Palabras Revolution, na que se decidiu externalizar a contratación de dous protagonistas mentres que os outros sete papeis se decidiron en libre concorrencia. A AAAG sinalou publicamente en ambos casos presuntas irregularidades non co ánimo de defender este marco legal, senón precisamente coa vontade de evidenciar a imposibilidade da súa aplicación no noso ámbito e de solicitar unha solución que tampouco chega agora, no caso de Neorretranca e posmorriña.

Os atrancos vividos nos últimos anos no CDG a conta dos procesos de selección de elencos son unicamente unha mostra (probablemente, a máis visible) dunha burocratización que entorpece e asfixia o normal funcionamento da institución e que se manifesta noutros ámbitos de acción, comezando pola distribución e exhibición das producións propias, que nos últimos anos protagonizaron xiras de escaso percorrido polos escenarios galegos.

Todas estas preocupacións e urxentes necesidades veñen sendo denunciadas nos últimos anos pola AAAG, quen tamén as trasladou á Agadic en diferentes ocasión. A última oportunidade deuse no marco dunha mesa de negociación entre a administración e diferentes asociacións do sector desenvolvida a comezos deste 2018. Esta mesa fora solicitada por parte da AAAG co obxectivo de abordar a realidade do Centro Dramático Galego no seu conxunto. Non obstante, a Agadic obviou calquera debate que non se referise en exclusiva aos procedementos de selección de elencos e evidenciou que a súa suposta vontade de diálogo resulta, senón aparente, si limitada e mal enfocada ao non buscar unha solución consensuada de futuro para unha institución con máis de trinta anos de historia. Neste senso, cómpre destacar a necesaria refundación do Centro Dramático Galego para dotalo dunha entidade xurídica autónoma e cun orzamento propio.

A Xunta Directiva da AAAG considera a súa obriga denunciar novamente a situación de esmorecemento, de baixa contratación, de reducida produción, de escasa distribución e de burocratización do CDG, do mesmo xeito que é responsabilidade da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Agadic, procurar unha solución que garanta o futuro dun CDG que, hoxe por hoxe, non é o que unha vez foi nin se parece ao que un día deberá ser.