Volver

A AAAG amosa o seu apoio a Músicas ao Vivo tras as graves declaracións en sede parlamentaria do director da CRTVG

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, asociación sindical que reúne a gran parte da profesión da interpretación e da dirección de escena, amosa neste comunicado o seu total apoio a Músicas ao Vivo, asociación que aglutina os/as músicos/as do noso país, fronte as graves declaracións de Alfonso Sánchez Izquierdo na súa comparecencia na Comisión Permanente non Lexislativa de Control da Corporación da RVTG. Na súa intervención, o director da CRTVG chegou a afirmar que dúas traballadoras con postos de responsabilidade no organigrama do ente foron “nomeadas e humilladas en público dende un escenario na entrega duns premios de música” en referencia á gala dos Premios Martín Códax deste ano, cerimonia en que precisamente recolleron o galardón concedido ao Diario Cultural. Esta aseveración, ademais de amosar unha asombrosa forma de retorcer á realidade, deixa ás claras -tal e como sinala Músicas ao Vivo no seu comunicado- a súa confusión entre o que son agresións e o que é a liberdade de expresión, dereito fundamental que Sánchez Izquierdo parece desprezar cunha lixeireza preocupante.

Unha lixeireza que, ademais, o propio Sánchez Izquierdo trasladou tamén ao respecto da falta de cobertura informativa ao Premio José Couso, outorgado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e que neste 2019 recaeu no colectivo Defende A Galega. No referente a nula visibilidade outorgada nesta edición do José Couso no ente público fronte a cobertura destinada en edicións anteriores a este galardón, Sánchez Izquierdo indicou que evitaran informar sobre o Premio José Couso por mor dunha “decisión corporativa”, evidenciando así que “á protección da marca e da reputación do CRTVG” chegou a primar sobre “a protección do dereito de información”. Este recoñecemento expreso por parte de Sánchez Izquierdo amosa como a actual dirección do ente público aplica criterios de entidades privadas a unha canle de comunicación pública, feito que só podemos censurar e ante o que manifestamos a nosa máis fonda preocupación non só como unha asociación profesional, senón tamén como unha asociación integrada por cidadáns. Ademais, Sánchez Izquierdo tamén tivo tempo na súa comparecencia para acusar o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia de “dar carnés de xornalistas” a quen tan só “paga unha cota”, faltando así tanto á realidade coma ao respecto á entidade de aglutina unha parte importante da profesión xornalística.

Dende a AAAG lembramos, por outra banda, que no pasado mes de marzo, a TVG non emitiu a gala dos María Casares e o señor Sánchez Izquierdo, nunha das súas intervencións en sede parlamentaria, acusou a esta asociación de “decidir de forma unilateral” que a televisión pública non puidese emitir a gala cando a AAAG solicitou en reiteradas ocasións -todas elas ignoradas polos responsables do ente- unha xuntanza para abordar diferentes aspectos da emisión. Mesmo chegou a acusar a esta Asociación de querer imputar ao erario público gastos como os da iluminación da gala que, única e exclusivamente, era precisa para a retransmisión da TVG. Unha iluminación que a AAAG non necesitou contratar este ano, pero da que sempre se fixo cargo nos anos en que a TVG acudía ao Teatro Rosalía Castro para emitir en diferido, pola segunda canle e en horarios, na maioría das veces, intempestivos.

A AAAG remata este comunicado incidindo a súa perplexidade pola habitual conduta de Sánchez Izquierdo, que tende a confundir os termos e emprega as súas comparecencias parlamentarias para desprestixiar a diferentes asociacións profesionais que representan a profesionais do xornalismo que realizan os informativos, aos actores e actrices que interpretan as súas series de éxito ou aos músicos e músicas que actúan nos seus programas de referencia. E finalmente, a AAAG brinda o seu apoio tanto a Músicas ao Vivo coma ao conxunto de traballadores e traballadoras de Defende A Galega que, semana a semana, se manifestan a prol dos medios públicos.