Volver

Galicia Escena Pro exhibe vinte espectáculos e reúne a máis de 150 profesionais do sector

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Escena Galega coorganizan a sétima edición do encontro en Santiago, que se desenvolverá entre o luns e o xoves da vindeira semana

A sétima edición de Galicia Escena Pro comezará o vindeiro luns, 10 de xuño, coa gran novidade de que a organización recae de forma conxunta entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Escena Galega. Durante catro días, o encontro de artes escénicas reunirá a máis de 150 profesionais do sector e exhibirá un total de vinte espectáculos, tres deles de compañías procedentes de Madrid, Cantabria e País Vasco. Ademais, dez proxectos presentaranse na sesión de pitching, na que cada compañía participante pode resumir nun feixe de minutos o seu futuro traballo ante os programadores. Como é habitual, o edificio SGAE, o Salón Teatro, o Teatro Principal ou o Auditorio Abanca serán os escenarios principais de Galicia Escena Pro, que tamén contará con mesas redondas no Hotel Costa Vella ou actuacións de rúa en varias prazas da zona vella compostelá.

LUNS 10

A programación de espectáculos abrirá o luns ás 11.00 h. no Salón Teatro, cuxo escenario acollerá a representación de Mai Mai, espectáculo familiar de Baobab Teatro. Pola súa banda, o edificio SGAE abrirá ás 13.00 h. con Ummm, un musical de Avento Producións protagonizado por Martín Máez e Rocío Salgado. No mesmo recinto, ás 16.30 horas será a quenda de Marelas Producións, que dará a coñecer a súa montaxe Liberto, protagonizado por Cris Iglesias, Rocío González e Lucía Aldao. Coa dirección Tamara Canosa.

A praza da Quintana será o escenario do primeiro espectáculo de rúa desta edición: OhLimpiadas!, da Cía. Sincronacidas. Terá lugar ás 18.30 h. Xa ás oito da tarde, o Teatro Principal recibirá a ButacaZero, que representará Despois das ondas, dirixida por Xavier Castiñeira cun texto de Ernesto Is, premiado co Rafael Dieste, que se centra na figura dunha María Casares que interpretan actrices Belén Constenla, Sonsoles Cordón ou Nerea Brey. A xornada remata no Salón Teatro ás 22.30 h con 'A gala', montaxe de danza-teatro de Licenciada Sotelo que pon o foco na traxectoria de Maruxa Mallo.

MARTES 11

A Fundación SGAE abrirá o día ás 11.00 h coa obra El inolvidable viaje de Nana, espectáculo familiar a cargo de Café de las Artes Teatro. Ás 12.30 h, Avelina Pérez & Velpister presentarán no mesmo edificio Deixa de tocala, Sam. Xa pola tarde, ás 17.30 h., á Praza de Cervantes chegará a compañía vasca Hortzmuga Teatroa, coa súa proposta de rúa Femmes, un canto reivindicativo de tres octoxenarias,

No Teatro Principal, ás 19.30 h., Teatro do Atlántico presentará Dúas donas que bailan, de Benet i Jornet dirixida por Xúlio Lago e protagonizado María Barcala e María Ángeles Iglesias. Para rematar o día, a danza regresará ao Salón Teatro, que terá en escena a partir das 22.30 h. As vacacións máis longas, de Diego M. Buceta.

MÉRCORES 12

O mércores, na Fundación SGAE, poderemos ver unha das estreas absolutas desta sétima edición de Galicia Escena Pro da man de Odaiko, que dará a coñecer ás 11.00 h. o espectáculo musical, teatral e circense Circopeta, na que a compañía de percusionistas bota man dun personaxe de Neira Vilas: Ruliño. Ás 12.30 h. tamén na SGAE, a compañía madrileña Rotura Producións chegará coa súa peza Réquiem.

No Auditorio Abanca, ás 17.30 h., a Compañía N+1 representa Evolution, unha montaxe a medio camiño entre a danza e o circo que percorre con Alfredo Muíño a historia da humanidade. A danza atopará no Teatro Principal outro escenario na terceira xornada de Galicia Escena Pro. Ás 19.30 h., La Macana representa Pink Unicorns.

Pola súa banda, no Salón Teatro poderemos ver ás 22.30 h. O empapelado amarelo, obra de A Quinta do Cuadrante. Esta montaxe unipersoal, dirixida por Tito Asorey e interpretada por Melania Cruz, está baseada no relato autobiográfico homónimo da escritora Charlotte Perkins Gilman, un referente feminista na literatura universal que pon en cuestión as estruturas heteropatriarcais.

XOVES 13

A SGAE despedirase coa obra A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza, de A xenala do Maxín, ás 11.00 h. e co pitching, ás 12.15 h. Na sesión deste ano, presentarán os seus proxectos as compañías Ibuprofeno Teatro, Cámara Negra, Galeatro, Sempre Arriba, Elefante Elegante, ArtesaCía, O baúl da tío tola, Pérez&Fernández, Acusmaser Opus e Producións Dispersas.

Ás 17.30 h., no Auditorio Abanca poderemos ver Idiota, obra de Redrum Teatro dirixida por Álex Sampayo a partir dun texto de Jordi Casanovas. O elenco está formado por Susana Sampedro e Machi Salgado. Xa ás 19.30 horas, o Teatro Principal recibe a Bernarda, de Malasombra. A montaxe, protagonizada por Luisa Merelas, Esther Aja e Celia González, está dirixida por Jose Prieto, quen aborda o texto de Lorca La Casa de Bernarda Alba para trasladar a súa acción a Galicia dos anos setenta. Contraproducións será a compañía encargada de poñerlle o ramo este ano a Galicia Escena Pro, con A compañeira de piso -coprodución co CDG- que dirixe Belén Pichel xunto a Cándido Pazó. A obra, interpretada por Patricia Vázquez e Rebeca Montero, poderase ver no Salón Teatro ás 22.30 h. do xoves.

A programación de Galicia Escena Pro, ademais, inclúe encontros profesionais, mesas redondas no Hotel Costa Vella e as Noitescena PRO, que se celebrarán ás 00.00 h. do luns, martes e mércores como punto de encontro musical para as persoas acreditadas.