Volver

A MIT de Ribadavia celebra 35 anos de traxectoria cunha programación centrada no teatro documento, o teatro físico, o novo circo e a construción da identidade

A AAAG coorganiza coa Mostra Internacional de Ribadavia dous cursos de formación para profesionais impartidos por Ibuprofeno Teatro e Alicia Laguna

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia celebrará entre o 17 e o 28 de xullo a edición deste 2019, ano no que se celebra 35 anos de traxectoria e o medio século da Agrupación Abrente. Con estas conmemoracións no horizonte, a organización da Mostra preparara un programa "festivo, enérxico, diverso, galego, internacional, único e comprometido" que atopa as súas liñas fortes no teatro documento, o teatro físico, o novo circo e a construción da identidade. Durante a Mostra, estrearase a nova produción do Grupo Chévere, Curva España (que se poderá ver no Auditorio do Castelo o xoves 25 de xullo) e da primeira produción da compañía Acusmaser Opus, Nun cuarto da rotonda. A última cinta de Krapp+O montacargas. Esta obra, protagonizada por Evaristo Calvo, Federico Pérez e Santi Romay, estrearase o domingo 21. Pola súa banda, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, dentro do seu plan de formación anual, coorganiza coa Mit de Ribadavia dous cursos de formación para profesionais impartidos por Alicia Laguna e Santiago Cortegoso e Marián Bañobre (Ibuprofeno Teatro).

A inauguración da 35ª MIT correrá a cargo da compañía arxentina Un poyo Rojo, que presenta un espectáculo aclamado polo público e que se poderá ver este verán en Ribadavia, no festival de Edimburgo, na Bienal de Venecia ou no festival de Almada. Un proxecto creado dende a intimidade por Lucianno Rosso e Nicolás Poggi que naceu hai 10 anos, ao igual que Amarillo, de México e que agora o público galego terá a oportunidade de ver no seu festival internacional de teatro. Un poyo rojo trata dende as técnicas do teatro físico e da danza o tema das novas masculinidades, cuestión que tamén aborda o premiado espectáculo inTarsi, da compañía de circo “eia”. Outro tema importante que enfía a programación deste ano é a violencia exercida contra a muller.

A clausura do festival será o día 27 de xullo, cun espectáculo festivo de Voadora, compañía que acompañou en varias coproducións a este festival nos últimos anos e que viviu conxuntamente unha proxección e estímulos comúns. Será un espectáculo con música electrónica dentro da Igrexa da Madalena, todos os vatios precisos para celebrar o teatro que se sente. Será despois de Jauría, estrea en Galicia do gran espectáculo protagonizado pola actriz María Hervás. Dramaturxia a partir das transcricións do xuízo realizado a La Manada, construído con fragmentos das declaracións de acusados e denunciante publicadas en variosmedios de comunicación. Unha ficción documental a partir dun material moi real,demasiado real, que nos permite viaxar dentro da mente da vítima e do vitimarios. Un xuízo no que a denunciante é obrigada a dar máis detalles da súa intimidade persoal cós denunciados. Un caso que remove de novo o concepto de masculinidade e a súa relación co sexo da nosa sociedade.

Entre os espectáculos internacionais destaca tamén Olivier de Sagazan, artistas que naceu no Congo, aínda que agora vive en Francia. Leva anos investigando e creando, saltando da presentación das súas obras en museos a festivais, dende o London Mime Festival ata festivais de títeres e escenarios dende a India, China ou os Estados Unidos, e agora na MIT de Ribadavia, festival que comparte unha das liñas mestras deste creador: hibridar linguaxes e non recluílas nun ámbito exclusivo ou restrinxido a esa disciplina artísticas. Pezas permeables e imposibles de categorizar, dende o impactante momento e lugar diverso de encontro co público ata as fontes creativas, que van da fotografía, á escultura, a performance ou a pintura. Considerado como un referente da arte macabra, as súas insólitas creacións e a súa metodoloxía foron recollidas no documental Samsara (2011), de Ron Fricke. Transfiguracióné a historia do desexo incondicional do escultor de levar a súa creación á vida. Nun xesto de desesperación, entra no seu barro para darlle vida. Escolpe barro na cabeza, enterrándose no material, erradicando a súa identidade e convertíndose nunha obra de arte viva, nalgún lugar entre os títeres e o titiriteiro. Porén, cando o material o persegue, vese obrigado a mirar cara adentro, ata as profundidades do seu ser, nun exercicio fascinante, expresivo e total.

Ao lado de estreas, a MIT presenta espectáculos premiados e recoñecidos como A.K.A., que chega de Barcelona con 2 Premios Max, 4 Premios Butaca ou 3 Premios Teatro Barcelona. Peza íntima que se presenta na Igrexa da Madalena, pero na rúa tamén haberá espectáculos moi destacables como Mulïer, dos valencianos Maduixa (4 Premios das Artes Escénicas valencianas, 2 Premios Max ou o Deventer Award pola contribución ás artes de rúa, entre outros).

A venda de entradas da MIT estará dispoñible a partir do día 1 de xullo na oficina do Festival (Praza Maior, s/n) ou na web www.ataquilla.com Ata o 1 de xullo, poderán reservarse os Abonos para todos os espectáculos do Castelo, na Casa da Cultura de Ribadavia ou ben no teléfono 988471900 ou no correo info@mitribadavia.com

PROGRAMA COMPLETO: http://mitribadavia.gal/programa/