Volver

O PP tomba no Parlamento unha moción para abordar a refundación do CDG dende o diálogo co sector

>> O PSdeG presentou unha moción para instar a Xunta a convocar unha mesa de diálogo coa profesión escénica para tratar, entre outros asuntos, unha necesaria estrutura xurídica do CDG. O PP votou en contra e xa é un segundo "non" parlamentario do grupo popular nun mes a analizar o futuro da institución de teatro público.

>> Repasamos a actividade parlamentaria sobre o CDG que impulsaron os grupos da oposición tras as xuntanzas mantidas coa directiva da AAAG.

O Partido Popular votou onte en contra, durante o último pleno do Parlamento antes do verán, dunha moción presentada polo PSdeG para instar a Xunta de Galicia para “poñer en marcha unha mesa de diálogo con representantes das artes escénicas” coa meta de buscar solucións aos problemas do Centro Dramático. Na proposta do grupo parlamentario socialista, rexistrada polo deputada Concepción Burgo, destacábanse como temas fundamentais a tratar nese diálogo entre a administración e a profesión a estrutura xurídica do CDG, os seus orzamentos, a consolidación do Consello Asesor, a distribución dos espectáculos, o aumento de producións propias, o incremento da contratación de intérpretes ou os procesos de seleccións de elencos. E malia que a moción contou co apoio do conxunto das formacións da oposición (PSdeG, En Marea, PSdeG e o Grupo Mixto), a maioría absoluta do PPdeG tombou a proposta. Deste xeito, os populares volveron dicir “non” á refundación do CDG, unha demanda reiterada nos últimos anos dende o sector escénico.

A deputada popular Maribel Novo encargouse de xustificar a negativa do Grupo Parlamentario do PPdeG, aducindo, entre outras cuestións, que “xa se convocou en 2017 unha mesa de traballo co sector” da que as asociacións profesionais acabaron por erguerse, que a dirección do CDG actual xa conta coa independencia necesaria e que atopa na proposta do grupo socialista unha forte contradición entre “as peticións de independencia” coa creación dun ente xurídico propio e “unha petición de maior control”. Ademais, Novo lembrou que o CDG naceu en 1984 e que nestes 35 anos as artes escénicas galegas evolucionaron, habendo agora “compañías privadas que poden facer calquera tipo de espectáculo”. Deste xeito, a deputada popular repetiu o argumentario habitual da Consellería de Cultura e Turismo para negar calquera problema no CDG. Finalmente, a deputada popular presentou unha emenda do seu grupo para que se instase a Xunta a retomar a mesa de diálogo do ano 2017 para abordar a situación do CDG, pero sempre no contexto do “cumprimento da legalidade vixente e na asignación dos recursos económicos dispoñibles”.

Durante o debate da moción, todos os grupos da oposición quixeron lembrarlle a Novo que a Lei de Creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) do ano 2008, na súa disposición transitoria segunda, especifica que as unidades de produción escénica [CDG e Centro Coreográfico] dependerían provisionalmente da Agadic até a creación dun ente autónomo que se fixese cargo da súa xestión, unha petición repetida no sector e que se recollía na moción como un dos temas a tratar nunha futura mesa de negociación. “ A moción, polo tanto, pide a creación dun diálogo co sector para analizar a creación dun ente xurídico independente que xestione o CDG, posibilidade que se recolle na Lei de creación da Agadic de 2008”, expuxo Concepción Burgo sobre a necesidade de desenvolver a amentada lei.

Nesa mesma liña manifestouse o grupo parlamentario do BNG, cuxa deputada Olalla Rodil sinalou que estamos no momento propicio para “abrir a reflexión sobre a necesaria refundación do CDG” aproveitando a futura saída de Fefa Noia da dirección da institución. Ademais, o BNG presentou unha emenda para que os futuros estatutos do ente independente que xestione o centro inclúan o seu carácter de “teatro nacional”. Pola súa banda, Ánxeles Cuña, do grupo En Marea e ex directora do CDG, repasou a historia da entidade de teatro público antes de sinalar “a precariedade, a inestabilidade e a desestruturación” como grandes males do teatro público e negar que as compañías privadas estean en condicións de facer calquera tipo de espectáculos.

Finalmente, a voceira do Grupo Mixto, Paula Vázquez Verao, denunciou o “maltrato” que sofre o CDG dende que o Partido Popular chegou ao poder en 2009 e destacou que a petición do sector é completamente pertinente, xa que “está a pedir que se cumpra a lei”. “É dicir, que se desenvolva a Lei de Creación da Agadic para dotar dun ente xurídico independente ao CDG”, concluíu Vázquez Verao.

Finalmente, o PSdeG aceptou a emenda do BNG, mais rexeitou a presentada polo PPdeG, grupo que na votación final tombou a moción grazas á súa maioría absoluta no Parlamento.

Xabier Deive e Xose Barato, membros da Directiva da AAAG, xunto a Roberto Pascual nunha xuntanza coas deputadas popular Maribel Novo e Terese Egerequi

Segundo “non” en dous meses

A moción presentada polo PSdeG forma parte dunha batería de iniciativas parlamentarias presentadas pola oposición nos últimos dous meses tras manter diferentes reunións coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), que levou o pasado mes de abril aos representantes dos diferentes grupos as súas inquedanzas ao respecto da situación do CDG. Un CDG que, a ollos da AAAG, está a sufrir nos últimos anos un proceso de abandono caracterizado polo paulatino esmorecemento, polo adelgazamento da súa produción propia, pola redución da contratación e por unha forte anomalía no seu funcionamento debido a unha excesiva burocratización. En definitiva, un conxunto de problemas que o Partido Popular negou onte no pleno do Parlamento como tamén negou na Comisión 4ª de Educación e Cultura o pasado 7 de xuño. Ese día o PSdeG presentou unha proposición non dei lei para que a Consellería de Cultura e Turismo iniciase, en colaboración cos representantes do sector, un “proceso de elaboración dun novo marco legal” que dotase dunha “autonomía real o CDG para o cumprimento do seu papel”.

Á hora de abordar a proposición non de lei, Burgo citou como grandes problemas do CDG a baixa produción, os elencos reducidos dos espectáculos, a escasa distribución, a desconexión co público e as presuntas irregularidades, -denunciadas publicamente en diferentes ocasións pola AAAG- nos procesos públicos de seleccións de intérpretes. A deputada socialista recollía, finalmente, unha demanda do sector, que nos últimos anos esixiu en multitude de ocasións que se abra un proceso para “romper os desaxustes entre o marco legal e o funcionamento do CDG”. Un desaxuste que ficou ás claras nos concursos públicos para a escolla dos elencos. Mais ese só é o síntoma máis polémico dunha doenza xeral, cuxa orixe está nunha burocratización que non encaixa coas necesidades nin da creación artística nin do marco laboral da profesión escénica.

Igual que aconteceu onte no Pleno do Parlamento, os diferentes grupos da oposición apoiaron daquela a proposición non de lei. O BNG engadiu dúas emendas, tal e como explicou a súa deputada Olalla Rodil. A primeira centrouse na necesidade de establecer sinerxías con outras autonomías e entidades públicas de produción que atravesan problemas semellantes coa meta de solucionar a situación do CDG, mais tamén do Centro Coreográfico Galego que, dende o punto de vista de Rodil, leva unha década durmindo “o soño dos xustos”. A segunda, que se actualice a proposición pola marcha de Fefa Noia [quen anunciara no mes de maio a súa futura saída] para que a escolla da nova dirección non se demore no tempo e o CDG non caia nunha nova fase de parálise.

Pola súa banda, En Marea apoiou a proposición. A súa voceira, Ánxeles Cuña, sinalou como grandes males do CDG “a distribución, a precariedade e a desestruturación” e lembrou que o CDG non ten nin estrutura nin estatutos, pero a Axencia Galega das Industrias Culturais, si. “ E a Agadic falla nos seus estatutos, xa que a baixa distribución e a escasa produción son lesivas para os dereitos de acceso á cultura por parte da cidadanía”, concluíu Cuña.

O PPdeG, finalmente, votou en contra aducindo que a proposición non de lei resultaba “contraditoria”, xa que se pedía maior autonomía para ao CDG e, ao mesmo tempo -dende o punto de vista popular- “maior control político”. Ademais, escudouse en que xa houbo “unha mesa de diálogo sectorial” coa participación de dramaturgos, actores, actrices e compañías privadas. Deste xeito, a deputada popular Teresa Egerequi referíase así á mesa de negociación convocada por Fefa Noia (tras as reiteradas peticións da AAAG) para abordar a contratación de intérpretes. Non obstante, a AAAG solicitou reconducir os temas a tratar para abranguer a situación do centro no seu conxunto. Ante a negativa da administración, a nosa Asociación ergueuse da mesa, tal e como fixera previamente Escena Galega.

Unha cuestión de cariño

Ese mesmo 7 de xuño, a Comisión 4ª de Educación e Cultura recibiu o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, quen acudiu á sede parlamentaria a responder unha pregunta de Olalla Rodil, deputada do BNG, sobre a situación no que se atopa o CDG. Rodil, na súa intervención, achegou dúas cuestións fundamentais. Por unha banda, que se asuma o reto da refundación do CDG. Pola outra, que se desenvolva a Lei de creación da Agadic de 2008.

Sutil iniciou a súa intervención gabando a xestión de Fefa Noia, destacando o seu “extraordinario traballo” antes de se remontar ás orixes do CDG, fundado en 1984. “En 35 anos, a sociedade mudou moito”, salientou Sutil, antes de engadir que naquela altura non existían compañías privadas e que a administración tampouco traballa agora como traballaba nesa época. Ademais, o director da Agadic destacou que o sector abandonou a mesa ao constatarse “a contrariedade entre o feito artístico, a escolla unilateral de persoal laboral por parte da administración e a realidade legal”.

Na súa resposta, Sutil asegurou que nin a AAAG nin os grupos políticos lle dan máis motivos para a refundación do CDG que os procesos de selección de elencos. Así, o director da Agadic apostou por negar calquera outro problema que afecte á institución e manifestou, ao tempo, as súas dúbidas ao respecto do que procura tanto o sector coma a oposición: “Que independencia queren? Que se quere? Que o director do CDG escolla as obras, as coproducións, que se encargue da distribución? Todo iso xa pasa. Ou queren que o CDG estea á marxe da lei? Entendo que non, pero se fose así, non estamos de acordo”, reflexionou Sutil, antes de manifestar a causa de todos os males dende o seu punto de vista: un problema de falta de cariño. Así de sinxelo. “Hai que querer máis o CDG, non se pode usar como o ariete contra a administración”, sentenciou Sutil.

Problemas de axenda

Xa antes, o pasado 25 de abril, Jacobo Sutil acudira tamén á mesma Comisión para responder unha pregunta da deputada Ánxeles Cuña ao respecto do Consello Estatal de Artes Escénicas e da Musica, creado en 2010 co cometido de crear un espazo de colaboración, información, debate e canalización de propostas das políticas culturais e necesidades do sector. Está conformado por representantes das administracións locais, das administracións autonómicas e da administración estatal, así como vogais expertos nomeados polo Ministerio de Cultura, como Roberto Pascual, director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, quen acompañou a representación da AAAG nas súas visitas aos grupos parlamentarios.

Ese citado Consello Estatal reuniuse o pasado mes de decembro, en Madrid. Naquel encontro, presentouse un informe que instaba o Ministerio a crear un novo marco legal para o Instituto Nacional de Artes Escénicas y Musicales (INAEM), xa que está a acusar dificultades burocráticas no seu funcionamento, situación semellante á que sofren as diferentes unidades de produción de todo o estado, incluído o CDG.

Desa reunión ausentouse a Xunta de Galicia, o único goberno autonómico que faltou. Cuña preguntoulle ao director de Agadic os motivos desa ausencia, ao que o director da Agadic aduciu que “tiña axenda en Galicia” e que xulgou máis importante “o que tiña que facer aquí”. Non obstante, asegurou que estaría pendente de calquera avance na modificación do funcionamento do INAEM.

Pero, a liña seguida, recoñeceu que a Agadic ten independencia e que hai “cousas que se solucionan en Madrid e outras que temos que solucionar nós”. Iso si, demorou toda esta resposta, xa que previamente preferiu destacar as diferentes liñas de acción que a Agadic leva a cabo no ámbito das artes escénicas, que dan moito colorido nunha comparecencia parlamentaria, pero que nada teñen que ver co Centro Dramático: as funcións nas redes de distribución da Agadic, as liñas de axudas á distribución e a produción privada, os convenios e as subvencións cos festivais de artes escénicas...

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, nunha comparecencia na cámara. FOTO: Xunta de Galicia

Mellor en Madrid

No Pleno do Parlamento do pasado 26 de xuño, dúas semanas antes de que o PPdeG votase en contra da moción do PSdeG, o CDG estivo tamén presente durante o debate cunha interpelación ao Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, realizada pola propia Concepción Burgo, quen lembrou entre outras cuestións “o proceso de abandono” que sofre o CDG dende que o PP de Feijóo chegou ao poder en 2009. “Hai que buscar fórmulas xurídicas que faciliten a creación artística”, insistiu na súa intervención Burgo, quen lembrou unha vez máis a xa citada disposición transitoria segunda da Lei de Creación da Agadic.

Román Rodríguez, ao tomar a palabra, recuperou con gran exactitude o argumentario xa amosado en Comisión por Jacobo Sutil. Obviando a xestión do CDG, o conselleiro recitou o número de funcións das redes de distribución da Agadic e repetiu a visión ao respecto da historia do CDG. Alegou que en 35 anos de historia do CDG pasaron moitas cousas, pero que o Centro segue a ser “referencia para unha escena galega que mudou moito”. “Agora calquera compañía privada pode facer calquera tipo de espectáculo, ese é o gran éxito do teatro galego”, asegurou Román Rodríguez, antes de engadir que o CDG debe producir, pero que debe fomentar unha parte fundamental da súa actividade:“coproducir coas compañías privadas”.

Ao respecto da refundación do CDG, o conselleiro demostrou que, ademais dunha falta de cariño, hai outro atranco: un problema de comunicación, xa que o sector e a actual administración parecen falar idiomas diferentes. Rodríguez viu “contradicións nas peticións da oposición”. “Pídese máis autonomía, pero ao tempo un control maior”, expresou o titular de Cultura e Turismo antes de chegar a afirmar que “da esquerda xa se sabe que quere sempre un control das artes, pero este goberno aposta por un CDG libre”. E de feito, dende os seus ollos, xa o é, porque a súa dirección conta cun orzamento propio e con competencias para producir e distribuír sen inxerencias políticas. “A dirección ten independencia e competencias plenas”, celebrou o conselleiro.

Para despedirse, Román Rodríguez gabou a Fefa Noia e felicitouna polo seu ascenso, xa que para o conselleiro “vai ter un posto de maiores responsabilidades dentro da escena española”. En definitiva, un posto mellor que a dirección dun CDG esmorecido. Así, o conselleiro amosou a súa verdadeira visión: Mellor marchar fóra. Sobre todo, se unha deixa a capitanía do buque insignia do teatro galego cun novo destino que ben podería radicar en Madrid.