Volver

A AAAG amosa o seu pesar e admiración por Celso Parada, pioneiro da profesionalización teatral e gran referente para o conxunto do oficio escénico

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) amosa o seu profundo pesar polo falecemento de Celso Parada, destacado pioneiro da profesionalización da nosa escena, referente para varias xeracións de intérpretes do noso país, figura fundamental do teatro e membro desta asociación dende hai décadas. Para a Xunta Directiva da AAAG, Parada era “un home de escena en todas as súas dimensións, capaz de xerar gran admiración tanto entre os compañeiros de oficio coma no público”.

“A súa compañía Teatro do Morcego significou unha auténtica canteira para moitos actores e actrices que comezaron a dar os seus primeiros pasos no oficio da man de Celso Parada”, apúntase dende a Xunta Directiva da AAAG, que tamén destaca o traballo de base realizado ao longo dunha traxectoria profesional de máis de corenta anos. “A súa pegada artística queda na memoria e no corazón de moitísimos espectadores de toda Galicia, especialmente nas zonas do Morrazo e Narón, lugares nos que se afanou en crear tecido cultural, paixón polo teatro e proximidade entre a escena e a cidadanía”, explícase dende unha Xunta Directiva que remata salientando que Celso Parada era “un compañeiro entrañable, capaz de fixarse na memoria dos espectadores, de actuar sobre un escenario que facía seu”.

Nacido en Moaña en 1958, o actor e director iniciou a súa carreira profesional en 1976, cando aínda todo estaba por inventar no sector teatral galego. En 1989, fundou Teatro do Morcego, compañía coa que levou a escena montaxes como O burgués fidalgo, A gran ilusión, Os vellos non deben de namorarse, Presidente, A incrible vida de Héctor Loureiro ou O Lazariño de Tormes. No Centro Dramático Galego, Celso Parada tamén participou en montaxes como O regreso ao deserto, A cacatúa verde ou A comedia do gurgullo. E coa formación Vía Láctea, traballou en obras como Macbeth ou Ubú Rei.

No audiovisual, Celso Parada formou parte dos elencos de películas como O lapis do carpinteiro, A praia dos afogados, A lingua das bolboretas, Huidos ou O ano da carracha. Para a televisión, interpretou diferentes papeis en multitude de series: dende María Vivas a Pratos combinados, pasando por Gran Reserva, La que se avecina ou máis recentemente, Fariña.

Recibiu o Premio Compostela ao Mellor actor por Misterio cómico en 1992, o Premio María Casares ao texto adaptado por O lazariño de tormes en 1998 ou o Premio Xograr de Outono do Festival Internacional de Teatro de Outono de Carballo (FITO) no 2005.