Volver

A AAAG critica a decisión do Concello de Ourense de retirarlle o seu apoio ao FITO e amosa a súa solidariedade con Sarabela Teatro

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), entidade sindical que representa a máis de 330 profesionais da interpretación e da dirección escénica, lamenta a decisión do Concello de Ourense de retirarlle o seu apoio ao Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), impulsado polos integrantes da histórica compañía Sarabela Teatro dende a súa posta en marcha hai máis dunha década. Unha decisión que, dende a AAAG, só podemos cualificar de irresponsable, ao minar un festival que achega anualmente ao público ourensán a posibilidade de ter acceso a unha programación escénica internacional; de lesiva por poñer en risco a continuidade dun proxecto cunha traxectoria consolidada despois de once edicións, e de fondamente preocupante, xa que amosa ás claras a dirección cultural que toma o novo goberno municipal, encabezado por Gonzalo Pérez Jácome, e a súa escasa sensibilidade co tecido cultural da terceira cidade galega.

Cómpre lembrar que o FITO, dende a súa creación, contou ao longo dos anos co apoio, o patrocinio e a colaboración de diferentes institucións públicas como a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense ou o consistorio ourensán, independentemente da cor política de cada momento. Non obstante, o actual Goberno municipal decide darlle as costas ao festival, desvinculando a administración local -e, polo tanto, a máis próxima á cidadanía- dun encontro de prestixio para o noso sector e de interese para o público.

Por último, a Xunta Directiva da AAAG quere amosar todo o seu apoio a Sarabela Teatro e aos seus integrantes. A compañía, con máis de trinta anos de traxectoria e recoñecida por multitude de premios e distincións, é un puntal do tecido cultural tanto en Galicia coma en Ourense, cidade na que desenvolve dende os anos oitenta un inxente labor á hora de achegar programación teatral a cidadanía ourensá, fomentar o traballo de bases, de creación públicos e de desenvolver diversos festivais e iniciativas que xeran unha importante riqueza cultural que a actual alcaldía pretende obviar dende a máis impulsiva ignorancia.