Volver

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia convoca os XXIV Premios de Teatro María Casares

O prazo para a inscrición de espectáculos abre este luns 16 de decembro e pechará o próximo 7 de xaneirode 2020. Poderán concorrer todas as producións de actor en lingua galega estreadas ao longo do ano 2019

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) convoca os XXIV Premios de Teatro María Casares, cuxa gala de entrega se celebrará o vindeiro 26 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. O prazo de inscrición iníciase hoxe, luns 16 de decembro, e pecha o 7 de xaneiro ás 15.00 horas.

Este ano, a organización introduciu unha modificacións nas bases que regulan o funcionamento dos Premios de Teatro María Casares. Para esta vixésima cuarta edición dos galardóns, poden optar as producións de teatro de actor en galego estreadas en Galicia entre o 1 de Xaneiro e o 31 de decembro do año 2019, así como todas as persoas profesionais que participen nas montaxes comprendidos nese período. Como gran novidade nesta edición de 2020, os espectáculos que se estreen no último trimestre do ano (nomeadamente entre o 1 de outubro e o 31 de decembro), poderán escoller presentarse na edición de 2020 ou na edición de 2021. Esta modificación, solicitada en Asemblea Xeral da AAAG, ten como obxectivo permitirlles aos espectáculos contar co suficiente percorrido polos escenarios para garantir a súa visibilidade entre o censo de votantes que cada ano escollen os gañadores dos galardóns.

Un censo de votantes que está conformado por máis de 450 membros que teñen dereito a voto e que está conformado polo corpo asociativo da AAAG, por finalistas e persoas gañadoras en edicións anteriores, programadores e programadoras da Rede Galega de Teatros e Auditorios e membros da prensa e da crítica teatral.

Os Premios de Teatro María Casares entregáronse por vez primeira en 1997 e dende aquela son o gran escaparate do teatro, así como a gran festa para todos os profesionais do sector. En total, os galardóns contan con 14 categorías: espectáculo, espectáculo infantil, actriz protagonista, actor protagonista, actriz secundaria, actor secundario, dirección, adaptación-tradución, texto orixinal, música orixinal, iluminación, escenografía, maquillaxe e vestiario. Durante a gala, entregarase o Premio de Honra Marisa Soto e darase a coñecer o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.

CONSULTA AS BASES COMPLETAS