Volver

‘Carabela’, ‘O candil’, 'Poeta en Nova York' e ‘O mel non caduca’ estréanse neste mes de xaneiro

>> 'Carabela', de Galeatro, estréase este domingo, 19 de xaneiro, en Carballo.

>> 'O candil', de Escola Galega de Teatro Musical, estréase o vindeiro 24 de xaneiro na Coruña.

>> 'Poeta en Nova York, de Producións Paloma Lugilde, a través da súa liña de produción Teatro baixo a Area, en coprodución co CDG., estréase en Lugo o 29 de xaneiro.

>> 'O mel non caduca', de Ibuprofeno Teatro, estréase o 31 de xaneiro en Santiago.

Nas próximas semanas, catro espectáculos con compañeiros e compañeiras da Asociación de Actores e Actrices de Galicia estrearanse nos escenarios do Pazo da Cultura de Carballo, no Fórum Metropolitano na Coruña e no Teatro Principal de Santiago.

‘Carabela’

A primeira estrea será a de Carabela, espectáculo para o público familiar de Galeatro. Protagonizada por Alba Bermúdez, Tone Martínez e Davide González, quen tamén se encarga da dirección, a obra está escrita por Paula Carballeira e preséntanos a Carabela, cociñeira dun barco que naufraga na Illa Pequena de Plástico. Está soa, rodeada de peixes mutantes que lle advirten que son tóxicos e de paxaros que non paran de queixarse por ter comido substancias sintéticas. Para aliviar a tristeza, Carabela constrúe unha nena de plástico á que lle conta historias de como é o mundo fóra da Illa Pequena. O corazón a pilas da Nena de Plástico comeza a latexar con forza para coñecer o que hai máis alá dos peixes mutantes e dos paxaros choromicas e, sobre todo, para axudar a Carabela a saír da illa antes de que morra de fame.

A estrea terá lugar este domingo, 19 de xaneiro, ás 18.00 h. no Pazo da Cultura de Carballo.

‘O candil’

Escola Galega de Teatro Musical estrea O candil, un espectáculo cómico musical que xira arredor do cancioneiro galego. A peza está dirixida por Rosa Puga Davila e protagonizada por Sara Fandiño, Lucía Sá, Iria Lamas e Lucas López. O Candil, como espectáculo de cuplé, é unha comedia musical interactiva sobre tres mulleres moi distintas, que buscan o propio ser ante un momento de confusión e cambio da mentalidade global.

Estamos en 1918, o final da Gran Guerra deixa Europa en ruínas. O mundo cambia, a reflexión sobre os erros do pasado revoluciona o mundo laboral, o artístico, o feminino... A Coruña pasa a ser un dos núcleos políticos, artísticos e sociais que máis brillan. Chega o momento de falar desa cidade moderna e atrevida, obreira, culta e innovadora, que non tiña medo ao futuro e daba a mellor acollida ás máis diversas personalidades.

A estrea terá lugar o próximo 24 de xaneiro no Fórum Metropolitano da Coruña ás 21.00 h.

'Poeta en Nova York'

Producións Paloma Lugilde, a través da súa rama de produción Teatro baixo a area e en coprodución co Centro Dramátigo Galego, estreará no Auditorio Gustavo Freire de Lugo Poeta en Nova York, adaptación do título poético de Federico García Lorca, unha obra permanentemente moderna e de irremediable actualidade, abordada desde conceptos pouco habituais: o dó como forza motriz a través do trato coa morte (tema ritual do poemario) ou a crise do desexo. A experimentación ten un grande peso, materializándose nun espazo escénico contemporáneo no que a honestidade estea presente, creado pola directora e dramaturga Paloma Lugilde. O elenco está conformado por Sergio Zearreta, María Roja e Sabela Eiriz.

A estrea terá lugar o vindeiro mércores 29 de xaneiro ás 20.30 h. no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo.

‘O mel non caduca’

Ibuprofeno Teatro estreará O mel non caduca, un espectáculo biodegradable e ecosostible xestado a partir dun proceso de creación colectiva, arredor da obsolescencia programada, da relación do ser humano cos obxectos e da degradación ecolóxica do planeta por mor da perversidade da lóxica capitalista en relación co consumo masivo de produtos. A obra, protagonizada por Marián Bañobre e Avelino González, está escrita e dirixida por Santiago Cortegoso.

A estrea será o venres 31 de xaneiro no Teatro Principal de Santiago, que acollerá ademais unha segunda función o sábado 1 de febreiro. Ambas as dúas funcións serán ás 20.30 h.