Volver

Teatro do Noroeste, Avento, Pérez&Fernández e Teatro do Atlántico estrean neste mes os seus novos espectáculos

>> Teatro do Noroeste estrea este venres, na Casa da Cultura de Bertamiráns, o seu novo espectáculo 'As virxes suicidas'

>> Avento presenta o vindeiro domingo, 16 de febreiro, no Auditorio Municipal de Vigo.

>> Pérez&Fernández, en coprodución co CDG, estrea o 28 de febreiro no Salón Teatro 'Os nenos da varíola'

>> 'A conquista da escola Madhubai', de Teatro do Atlántico, estréase en Narón o vindeiro 28 de febreiro

Nas vindeiras semanas, catro espectáculos con compañeiros e compañeiras da Asociación de Actores e Actrices de Galicia estrearanse nos escenarios da Casa da Cultura de Bertamiráns (Ames), no Auditorio Muncipal de Vigo, no Salón Teatro de Santiago e no Pazo da Cultura de Narón.

‘As virxes salvaxes’

Teatro do Noroeste será a primeira das compañías que presente o seu novo espectáculo neste mes. ‘As virxes salvaxes’, escrita e dirixida por Eduardo Alonso, está protagonizada por Rosa Álvarez, Manuela Varela, Fernando González, Luma Gómez, Ana Santos, Elina Luaces, Miguel Pernas e Imma António. As virxes salvaxes é unha comedia sobre a absurda pero necesaria situación de recluír aos nosos maiores en institucións que os atendan e coiden. Nunha destas institucións, varias internas realizan, mesmo sen sabelo nin pretendelo, a súa propia revolución. Aproveitando a entrada dunha nova interna que é levada alí pola súa filla que non pode atendela, varias internas comezan a cuestionar a institución non deixando nada en pé.

A estrea será este venres, 14 de febreiro, na Casa da Cultura de Bertamiráns, Ames e o sábado, 15 de febreiro, chegará ao Auditorio de Vilagarcía (Para a función de Ames xa non quedan entradas)

‘O libro da selva’

Avento estrea este domingo, 16 de febreiro, no Auditorio Municipal de Vigo o seu novo espectáculo ‘O libro da selva’. No elenco, atópase o noso asociado Martín Máez. . Esta nova adaptación do texto de Rudyard Kipling revive as aventuras do neno abandoado no mais profundo da selva india. Adoptado polo oso Baloo e a pantera Bagheera acabará por chamar á perigosa selva fogar.

A estrea será este domingo, 16 de febreiro, ás 18.00 h. no Auditorio Municipal de Vigo.

‘Os nenos da varíola’

Pérez&Fernández, en coprodución co Centro Dramático Galego presenta a adaptación á escena da novela de ​María Solar "​Os Nenos da Varíola​". As actrices Victoria Pérez e Isabel Risco e os actores Manu Fernández e Xose Leis interpretarán á ducia de personaxes que protagonizan esta historia:

30 de Novembro de 1803: "​A Real Expedición Filantrópica da Vacina​" parte dende o porto da Coruña. ​Vinte e dous nenos procedentes de orfanatos de Madrid, Santiago e A Coruña conforman unha cadea humana "brazo a brazo" para facer chegar a vacina contra a varíola aos territorios de ultramar nunha das maiores xestas médicas levadas a cabo na historia da humanidade.

A estrea será o 28 de febreiro no Salón Teatro e a obra permanecerá na sede do CDG os días 29 de febreiro e o 1 de marzo.

‘A conquista da Escola Madhubai’

Teatro do Atlántico estreará no Pazo da Cultura de Narón ‘A conquista da Escola Madhubai’, o seu novo espectáculo o venres, 28 de febreiro, ás 20.30 h. A obra, dirixida por Xúlio Lago, está protagonizada polos asociados María Barcala, Sheyla Fariña e César Goldi.

A obra fálanos de Sakundeba, bandida, perseguida pola policía e polo exército, acusada do asasinato de máis de trinta homes que a violaran tempo atrás e de numerosos asaltos a man armada, preséntase na humilde morada de Pandala, unha sabia anciá que a criou cando era nena e que é a única persoa no mundo na que confía.

A obra poderemos vela en Narón o venres 28, ás 20.30 h., e o sábado 29 de febreiro, ás 20.00 h.