Volver

O teatro como santuario

O dramaturgo paquistaní Shahid Nadeem asina a Mensaxe Internacional no Día Mundial de Teatro, do International Theatre Institute (ITI). Dende a AAAG, traemos ao galego un extracto do seu texto. Pódese consultar na web do ITI a versión orixinal e diferentes traducións a outros idiomas.

O teatro como santuario

Ao final dunha representación da obra de Teatro Ajoka (1) sobre o poeta sufí (2) Bulleh Shah (3), un ancián na compaña dun cativo achegouse ao actor que interpretara o poeta e dixo: “O meu neto non está ben, podería por favor darlle a súa beizón?” O actor, sorprendido, respondeulle: “Eu non son Bulleh Sahah, son só o actor que interpreta”, ao que o vello retrucou: “Fillo, ti non es actor, ti es a reencarnación de Bulleh, o seu avatar(4)”.

De súpeto, descubrimos un concepto completamente novo do teatro, onde o actor se converte nunha reencarnación do personaxe que está interpretando.

Explorar historias coma a de Bulleh Shah, das que hai en abundancia en todas as culturas, pódese converter nunha ponte entre nós, os teatreiros, e unha inconsciente -mais entusiasta- audiencia. Mentres actuamos en escena, ás veces somos arrastrados pola nosa filosofía do teatro, o noso papel como heraldos do cambio social, e deixamos un gran sector das masas atrás. No noso compromiso cos retos do presente, privámonos da posibilidade da fonda experiencia espiritual que o teatro pode proporcionar. No mundo de hoxe, onde o fanatismo, o odio e a violencia están a medrar, e o planeta é empurrado á catástrofe climática, precisamos repoñer a nosa forza espiritual.

Precisamos combater a abulia, o letargo, o pesimismo, a cobiza e a indiferenza cara ao mundo no que vivimos, cara ao planeta no que vivimos. O teatro ten un papel, un nobre papel, de fornecer e mobilizar a humanidade para que abandone o seu descenso ao abismo. Isto pode converter o escenario, o espazo de actuación, en algo sagrado.

No sur de Asia, os artistas tocan con reverencia o chan do escenario antes de pisalo, unha antiga tradición de cando o espiritual e o cultural estaban ligados. É o tempo de recuperar esta simbiótica relación entre o artista e a audiencia, entre o pasado e o futuro. Facer teatro pode ser un acto sagrado e os intérpretes deben converterse no avatar dos personaxes que encarnan. O teatro ten o potencial de se transformar nun santuario. E o santuario, nun espazo de actuación.

_____

(1) Teatro Ajoka, fundado en 1984. Ajoka significa Contemporáneo en Punxabí. O seu repertorio inclúe obras sobre temas coma a tolerancia relixiosa, a paz, a violencia de xénero, os dereitos humanos. (2) Sufismo. A tradición mística islámica, poesía sufí, principalmente reflectida en cancións, expresa a unión mística mediante metáforas de amor profano. (3) Bulleh Shaha (1680-1757) foi un influínte poeta sufí, que escribiu sobre complexos temas filosóficos cunha linguaxe simple cunha forte crítica á ortodoxia relixiosa. Foi acusado de herexía e o seu enterro, denegado no cemiterio local. (4)Avatar. Reencarnación ou manifestación na terra dun mestre divino segundo a cultura hindú.

Este texto é un extracto da versión longa da mensaje do Día Mundial del Teatro 2020, dispoñible na súa versión orixinal en inglés e noutras linguas en www.world-theatre-day.org

_____

Shahid Nadeem é o principal dramaturgo de Paquistán e director do famoso Teatro Ajoka. Naceu en 1947 en Sopore, Caxemira. Converteuse en refuxiado con tan só un ano de vida, cando a súa familia tivo que emigrar ao recentemente creado Paquistán despois da guerra de 1948 entre India e Paquistán polo disputado estado de Caxemira. Viviu en Lahore, Paquistán, onde realizou a súa Mestría en Psicoloxía da Universidade de Punxab. Escribiu a súa primeira obra como estudante universitario, pero converteuse nun dramaturgo dedicado cando comezou a contribuír desde o seu exilio político en Londres, creando obras para o grupo disidente de teatro de Paquistán, Ajoka, creado por Madeeha Gauhar, unha activista pioneira do teatro, con quen logo casou. Shahid Nadeem escribiu máis de 50 obras orixinais en punjabi e urdu e varias adaptacións das obras de Brecht.