Volver

O sector audiovisual galego amosa a súa desconformidade co Plan de reactivación da Consellería de Cultura e Turismo

As Asociacións representativas do tecido profesional e empresarial que forman a base do sector audiovisual galego, nomeadamente: Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG,) Academia Galega do Audiovisual (AGA), Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA), Coordinadora Galega de Festivais de Cinema (PROXECTA) e Clúster Audiovisual Galego, consideran que o Plan de reactivación dos sectores turístico e cultural, presentado o pasado 7 de maio por parte da Xunta de Galicia, non responde ás necesidades reais do sector. Entenden que este plan e o conxunto das medidas que o conforman non reflicte unha estratexia cultural definida e non soluciona os problemas derivados da Covid-19.

Estas entidades sinalan que este programa de reactivación pon o foco no turismo e relega a un plano secundario ao sector cultural. As oportunidades de negocio que marca o contexto só recollen o turismo mentres que os datos de relevancia cultural están incompletos e as importantes cifras do sector audiovisual nin se contemplan. A meirande parte do Plan está articulado ao redor da marca Xacobeo 21 cando debera estar configurado en torno ás urxencias do sector.

O Plan presentado non contén ningún tipo de medida asistencial ou específica para as necesidades derivadas da crise sanitaria. O paquete de medidas recollidas no eido audiovisual non son máis ca compromisos pendentes previos á situación da Covid-19, publicación de liñas de subvención xa consolidadas como desenvolvemento ou foros e mercados. Cuestións como a ampliación nos tempos e a flexibilización nas diferentes liñas de axudas ordinarias non deberan recollerse como medidas de apoio, son máis ben trámites administrativos que nada teñen de excepcional nesta situación. En definitiva, as medidas de reactivación das que fala o título do Plan son inexistentes.

Segue sendo imprescindible traballar nun fondo de continxencia ou rescate que poida paliar os efectos da Covid-19 sobre as rodaxes en marcha que se viron interrompidas ou adiadas; ou sobre as rodaxes futuras que sufrirán un incremento de custes asociado aos protocolos de seguridade necesarios para garantir un espazo de traballo seguro. Ao mesmo tempo, cómpre atender aqueles filmes afectados pola parálise na súa distribución que deixa en suspenso o seu camiño comercial e retorno financeiro.

A súa vez, resulta fundamental poñer a disposición unha liña de I+D vencellada a facilitar e posibilitar a difusión en liña dos festivais de cinema galego.

Recordar tamén que seguimos necesitando unha Film Commision Galega que poida atraer rodaxes e que consolide o noso territorio como un plató de referencia.

Son tamén necesarias medidas asistenciais directas para as persoas que traballan no sector, tanto por conta propia como allea, para asegurar a súa supervivencia.

Igualmente precisa é unha liña de crédito específica dirixida ás empresas para dar cobertura ás necesidades do sector en Galicia neste momento tan complexo.

Dada a falta de análise e diálogo por parte da Xunta de Galicia na elaboración do Plan de Reactivación da Cultura, o conxunto das asociacións e entidades sectoriais do audiovisual galego vense obrigadas a traballar nun paquete de medidas que lle serán propostas á Xunta nas próximas semanas.

En definitiva, o sector audiovisual no seu conxunto reclama unhas medidas proporcionais ao seu impacto socioeconómico, ao seu crecemento nos últimos anos, á súa proxección internacional e ao seu labor como garante da lingua e do patrimonio cultural galego.