Volver

Dezaseis espectáculos compiten por uns XXIV Premios de Teatro María Casares que darán a coñecer os seus gañadores e gañadoras o luns 9 de novembro

O espectáculo ‘Liberto’, de Rebordelos, aspira a sete galardóns, mentres que ‘Bernarda, de Malasombra, e ‘Fariña’, de Ainé Producións, Undodez e Oqueteño Media, optan a cinco galardóns. Estes tres espectáculos, que acaparan o maior número de finalistas, disputaranse ademais o premio ao mellor espectáculo

O vindeiro luns entre as 20.00 h. e as 21.00 h. daranse a coñecer os gañadores e gañadoras a través da canle de youtube dos Premios María Casares e as redes sociais da propia AAAG

Os XXIV Premios de Teatro María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia co inestimable patrocinio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e a Fundación AISGE, darán a coñecer os seus gañadores e gañadoras o vindeiro luns 9 de novembro entre as 20.00 e as 21.00 h. ao publicar vídeos de entrega a cada gañador/a das catorce categorías a través da canle dos Premios María Casares en youtube e das redes sociais da propia AAAG. Coñeceranse publicamente así os/as premiados/as sen a emoción das galas de cada ano, pero con todo o agarimo sectorial e co prestixio profesional intacto que supoñen estes galardón dende a súa creación en 1997.

Deste xeito, a tradicional gala dos Premios -prevista neste 2020 para o 26 de marzo baixo a dirección de Cristina Moreira e cun elenco formado por Déborah Vukusic, Rocío Romero, Arantxa Treus e Antía Costas coa dirección de arte de Laura Iturralde e a música de Nacho Muñoz- será substituída finalmente por unha entrega audiovisual diferente e insólita. A Xunta Directiva da AAAG tomou esta decisión de optar por esta vía para desenvolver os premios debido ás cambiantes e difíciles circunstancias sanitarias e ao seu constante empeño como asociación sindical de minimizar sempre e en todo momento co preciso rigor os riscos de contaxios dos e das traballadoras da escena

16 espectáculos finalistas

Como recordatorio, cómpre lembrar que en total de 16 espectáculos son os finalistas por facerse con algún dos catorce galardóns A obra Liberto, de Rebordelos, acadou un total de 7 finalistas nas categorías de espectáculo, dirección, adaptación-tradución, actriz protagonista, actriz secundaria iluminación e música orixinal. Pola súa banda, a montaxe Bernarda, de Malasombra Producións, rexistra a 5 finalistas nas categorías de espectáculo, dirección, texto orixinal, actriz protagonista e actriz secundaria.

Fariña, Ainé producións, Undodez e Oqueteño Media, acapara tamén 5 finalistas nas categorías de espectáculo, actor protagonista, música orixinal, iluminación e escenografía.

Con 3 finalistas, atópanse seis espectáculos: O empapelado amarelo, da compañía A quinta do Cuadrante, que aspira aos premios de dirección, iluminación e adaptación/tradución; Despois das Ondas, da compañía ButacaZero, que optará os premios de texto orixinal, maquillaxe e vestiario; Hemos venido a darlo todo, de Voadora, que conta con finalistas para os apartados de maquillaxe, vestiario e música orixinal; Vida de Cans, de Talía Teatro; que competirá nas categorías de texto orixinal, escenografía e maquillaxe; MedidaxMedida, de Producións Teatráis Excéntricas, que acapara os tres finalistas do apartado de actor secundario, e Neorretranca e Posmorriña, do Centro Dramático Galego, que fica con tres finalistas para os premios de vestiario, escenografía e actriz secundaria.

O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia, competirá na gala dos María Casares por 2 galardóns (dirección e adaptación/tradución).

Finalmente, outros seis espectáculos rexistran 1 finalista: Idiota, de Redrum Teatro, que opta a actor protagonista; A compañeira de Piso, de Contraproducións e o Centro Dramático Galego, que competirá no apartado de actriz protagonista; e Karelu, de Os Náufragos, tamén finalista no apartado de actor protagonista. Cartoóns, de Producións Teatráis Excéntricas; Lambetadas, de Talía Teatro, e Ummm! Unha comedia musical… para chupar os dedos, de Teatro Avento Producións son os tres espectáculos que unicamente competirán polo galardón ao mellor espectáculo infantil.