Volver

A AAAG reitera a necesidade garantir a seguridade dos actores e actrices nos escenarios tras as reivindicacións de Josep María Flotats

O pasado 29 de xuño a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) lanzou un comunicado no que se advertía que o regreso á actividade dos actores e das actrices se estaba a desenvolver sen unhas garantías rigorosas no referente á seguridade e á saúde laboral e que, en definitiva, estabamos ante un conflito laboral con trazos sanitarios que cumpría abordar. Sinalabamos así a nosa preocupación como asociación sindical ante a complexa situación á que nos enfrontamos como colectivo laboral: as medidas xerais e básicas de protección fronte aos riscos de contaxio, nomeadamente a chamada distancia social ou o uso de máscaras, non son facilmente asumibles, xa que o contacto físico entre integrantes dun elenco artístico resulta inherente á actividade.

Nese senso, a AAAG consideraba imprescindible velar pola seguridade dos elencos artísticos, conformados por traballadores e traballadoras que, polas particularidades do seu oficio están expostos a un risco para a súa saúde, para a saúde da súa contorna e mesmo para a saúde do conxunto da sociedade nun contexto de pandemia. Precisábase, polo tanto, unha alternativa que dese garantías e seguranzas, sendo conscientes en calquera caso de que o risco cero non existía. Malia todo, entre ese risco cero e o risco total, debiamos encontrar un punto intermedio que cubrise o conxunto da xornada laboral dos actores e actrices.

Esta Asociación estivo a traballar nesa liña dende comezos de maio mantendo conversas e reunións, tal e como informamos por correo e na asemblea ordinaria do 30 de setembro, con Escena Galega, con técnicos do Instituto Galego de Saúde e Seguridade Laboral (ISSGA) ou co persoal de epidemioloxía do Sergas. Dende o mes de outubro, a Asociación impulsou a convocatoria da Mesa Paritaria do Convenio de Actores e Actrices de Teatro para constituír o Comité de Saúde Laboral, seguindo o indicado no artigo 20º do convenio referente á Saúde laboral e perigosidade.

No amentado Comité, coa participación dos sindicatos CC.OO., UXT e CIG, a AAAG, Escena Galega e a Agadic, traballouse nun documento de recomendacións no que se incluirá a da realización de probas da Covid-19. Este aspecto xa figura, por exemplo, na guía de recomendacións do audiovisual a nivel estatal promovida polo ICAA. Non obstante, no caso da guía equivalente do INAEM obviáronse por completo os test, unha cuestión que esta Asociación xa abordou a comezos de xuño ao enviarlle a Escena Galega esta carta, da que extraemos o seguinte parágrafo:

“Ante a imposibilidade de aplicar estas medidas no transcurso dunha función teatral, a forma de garantir seguridade e reducir os riscos de contaxio pasarían por asegurar que ningún membro do elenco que suba o escenario estea infectado. Cómpre estudar, polo tanto, a inclusión no protocolo hixiénico-sanitario a realización de test coa pertinente periodicidade para comprobar que o equipo artístico exposto dea negativo en Covid-19. A necesidade aumenta no caso de actores e actrices de idades máis avanzadas, con enfermidades consideradas de risco e/ou conviventes con persoas que forman parte de grupos de risco.”

Precisamente este punto sobre as probas saltou agora á primeira liña da actualidade a semana pasada, cando o director escénico Josep María Flotats expuxo, na rolda de prensa de presentación do espectáculo El enfermo imaginario, a súa enorme preocupación fronte a ausencia de probas periódicas nos elencos artístico, que son traballadores e traballadoras que para exercer o seu oficio deben desprotexerse. Consideramos que esta reflexión e este debate -no que xa nos embarcamos hai meses como asociación sindical- era non só necesario, senón tamén inevitable.

Como consecuencia da reacción dun profesional con sesenta anos de oficio nas costas, o Inaem convocou unha nova reunión da mesa sectorial, na que estaremos presente a través dos nosos representantes de ConArte. Nesta mesma liña e tras as palabras de Flotats, a Unión de Actores y Actrices tamén manifestou a súa preocupación e a necesidade de realizar test periódicos no actual contexto. O seu presidente tamén falou a este respecto nunha entrevista en Radio Nacional.

Ao respecto do debate aberto por Flotats, días despois coñecemos a evolución da situación no espectáculo El enfermo imaginario. O elenco, finalmente, decidiu pagarse as probas da Covid-19 para realizar o espectáculo sen máscara. A colación desta decisión, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) lembra que na Lei 31/1995 de 8 de novembro de Prevención de Riscos Laborais estipúlase o seguinte:

Artigo 14:

14.1 . Los trabajadores tienen derecho a una protección eficaz en materia de seguridad y salud en el trabajo.

El citado derecho supone la existencia de un correlativo deber del empresario de protección de los trabajadores frente a los riesgos laborales

14.2. En cumplimiento del deber de protección, el empresario deberá garantizar la seguridad y la salud de los trabajadores a su servicio en todos los aspectos relacionados con el trabajo.

O artigo 15, isto:

1. El empresario aplicará las medidas que integran el deber general de prevención previsto en el artículo anterior, con arreglo a los siguientes principios generales:

a) Evitar los riesgos.

b) Evaluar los riesgos que no se puedan evitar.

c) Combatir los riesgos en su origen.

d) Adaptar el trabajo a la persona, en particular en lo que respecta a la concepción de los puestos de trabajo, así como a la elección de los equipos y los métodos de trabajo y de producción, con miras, en particular, a atenuar el trabajo monótono y repetitivo y a reducir los efectos del mismo en la salud.

e) Tener en cuenta la evolución de la técnica.

f) Sustituir lo peligroso por lo que entrañe poco o ningún peligro.

Continuaremos informando do resultado do Comité de Saúde Laboral e do documento que sairá finalmente aprobado -que estará en permanente revisión debido ao cambiante da situación pandémica-, así como das próximas informacións que teñamos ao respecto da situación xeral no marco do estado.