Volver

A AAAG lembra a Lino Braxe, referente e figura poliédrica cuxo compromiso creativo e persoal deixan unha fonda pegada

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) lamenta fondamente o falecemento de Lino Braxe, artista total cuxa creatividade abarcou os campos de interpretación, da dirección, da dobraxe, a radio, a dramaturxia, a narrativa e, por suposto, a poesía. A Xunta Directiva da AAAG quere lembrar nestes momentos a súa figura poliédrica, o seu amplo traballo en todas as vertentes do noso oficio e o gran cariño que se lle profesa no conxunto do noso sector. Ademais, dende a AAAG lembramos tamén que foi unha das persoas clave que impulsou a creación dos Premios María Casares, contactando coa propia actriz para que cedese o seu nome aos galardóns. O seu entusiasmo, o seu compromiso, a súa enerxía e a súa implicación deixan unha pegada enorme en todos e todas nós, a xente do teatro e da cultura.

Lino Braxe (Mugardos, 1962) iniciou a súa carreira escénica profesional na Compañía Luís Seoane. Ao longo da súa traxectoria, traballou con compañías como Malbarate, Ancora Producións Teatro Maltés, Librescena ou Sarabela, entre outras. No Centro Dramático Galego, participou en montaxes como Un refaixo para Celestina, Viaxe e fin de Don Frontán, Hostia, Lísistrata ou Como en Irlanda. Na televisión, participou en series como Pratos combinados, Galicia Express, A vida por diante ou Rías Baixas.

Braxe, quen tamén estivo vinculado a Radio Nacional como locutor durante moitos anos, cultivou unha ampla produción literaria, publicou obras narrativas como A memória perdida (Vía Lactea, 1990) ou A cor do ceo (Xerais, 1990). Como dramaturgo, publicou títulos como A actriz (Cadernos da Escola Dramática Galega, 1991) ou A promesa (Ediciós do Castro, 1993). Como poeta asinou poemarios como Banquete (Sotelo Blanco, 1990), Entre Ruínas (Espiral Maior, 1996), O sangue dos árabes (Xerais, 1999) ou Alaridos (Deputación da Coruña, 2006). Xeracionalmente, Braxe estaba vinculado a De Amor e Desamor, colectivo agromado na Coruña a mediados dos anos oitenta no que se enmarcaban os poetas Lois Pereiro, Fernán Vello, Pilar Pallarés, Manuel Rivas ou Xulio Valcárcel. No apartado musical, Braxe implicouse en proxectos como A Caricia da Serpe, xunto a Miguel Ladrón de Guevara, Xosé Luis Saqués e Rómulo Sanjurjo.

FOTO: Eduardo Castro Bal (Ollo de Vidro-ACA) / FOTOTECA AELG