Volver

A AAAG lamenta o falecemento de Xosé Manuel Pazos Varela

Etiquetas:

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que reúne a gran parte da profesión da interpretación e da dirección de escena, amosa o seu pesar polo falecemento de Xosé Manuel Pazos Varela, cuxa vinculación ao mundo do teatro o converteu nun referente para a familia teatreira no Morrazo. O seu periplo escénico estivo vencellado fondamente a Teatro de Ningures ou a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Ademais, participou na creación de formacións afeccionadas como Matamoura e Múa. O seu traballo como tradutor e autor teatral levouno a recibir o Premio Max ao Mellor autor teatral en galego, xunto a Cándido Pazó, Suso De Toro, Anxos Sumai e Sonia Torre, polo seu texto Emigrados. Ao longo dos anos, colaborou tamén co Centro Dramático Galego e con compañías como Teatro do Atlántico. O seu primeiro texto escribiuno en 1979 e titulábase Laídos para despois dunha guerra. Outras obras escritas por el foron o Derradeiro berro de Randulfo (1980) O cazador Burlado (1987), Crónica da peste (2003) ou Ida e volta (2009).

Acaparou seis nominacións aos Premios María Casares no apartado de tradución-adaptación por O cerco de Leningrado (Teatro do Atlántico, 2000), Troainas (Teatro de Ningures, 2005), Tartufo (Teatro de Ningures, 2006), E.R.(Algún día Traballaremos xuntas) (Teatro do Atlántico, 2012), A Charca Inútil (Teatro do Atlántico, 2014) e Unhas poucas picadelas (Teatro de Ningures, 2016). Acadou o galardón en 2014 grazas a súa tradución de A charca inútil.

FOTO: Alcaldía de Cangas