Volver

Evaristo Calvo reivindica o teatro como “unha arte inmortal” e as/os intérpretes como “órgano vital” do sector escénico no Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro

>> A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) fai público o ‘Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro’, que cada ano lle encarga a unha persoa de recoñecido prestixio dentro da nosa cultura e da escena do noso país.

>> Evaristo Calvo únese á longa lista de redactores/as do Manifesto Galego no Día Mundial, que inclúe as sinaturas de Aldao &Lado, Montse Dopico, Camilo Franco, Imma António, Carlos Santiago, María Xosé Queizán ou Méndez Ferrín

O intérprete Evaristo Calvo asina neste 2021 o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, no que reivindica a escena “como unha arte inmortal” e os/as intérpretes que soben ás táboas en cada función como “órgano vital” do sector escénico. “As intérpretes somos un órgano vital no corpo desta arte inmortal. O teatro non vai morrer, pero hoxe sofre cando este órgano adoece de fame e medo”, advirte Calvo, ao respecto da situación que atravesan os/as profesionais deste oficio por mor da pandemia, nun texto que tamén pon o horizonte no futuro. “Posiblemente, este será outro ano cunha realidade semellante a un mal soño, pero cando acordemos, o Teatro seguirá aí”, sentencia un Evaristo Calvo que non dubida en sinalar que “volveremos celebrar que o teatro existe e con el, existimos nós”.

No Manifesto, que cada ano promove a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, faise referencia aos efectos da pandemia sobre o teatro, un sector fortemente golpeado pola situación actual. “Celebramos o Día Mundial do Teatro cun contexto presuntamente provisorio no que está restrinxida a razón de existencia do teatro, que é a congregación, o encontro en lugar e tempo das persoas que toman parte do fenómeno artístico teatral”, reflexiona Calvo antes de engadir que “esta peste imprevista vén a sumarse a outras pestes que parecen formar parte indisociable do noso oficio: o desemprego e a baixa consideración social dos/das artistas”. O autor do Manifesto inclúe, ademais, a súa propia experiencia ao sinalar que “este intérprete, dun tempo a esta parte, sofre pesadelos ao soñar cunha sala case baleira, con contadísimos espectadores” con “rostros illados, distantes, inexpresivos”.

Evaristo Calvo súmase co seu texto á longa lista de persoas de recoñecido prestixio do sector cultural e das artes escénicas que cada ano, a petición da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, asinan o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro. Esta listaxe inclúe, entre outros moitos, os nomes de María Xosé Queizán, Xurxo Borrazás, Montse Dopico, Camilo Franco, Aldao&Lado, Carlos Santiago ou Imma António. A Xunta Directiva escolleu a Evaristo Calvo neste 2021 pola súa longa traxectoria na escena, pero tamén por ser o presidente da AAAG durante a preparación e a celebración dos primeiros Premios María Casares que, neste anómalo 2021, chegarán á súa 25ª edición. A AAAG, organizadora dos galardóns, anunciará en vindeiras semanas a convocatoria dos María Casares 2021 e a data para a súa entrega, que tradicionalmente se celebra en coincidencia co 27 de marzo, Día Mundial do Teatro, pero que neste ano se decidiu adiar por mor da situación sanitaria.

MANIFESTO GALEGO NO DIA MUNDIAL DO TEATRO 2021

por Evaristo Calvo

Hoxe vimos de rematar outra volta ao redor do Sol e, outra vez, celebramos o Día Mundial do Teatro. E outra vez, neste lugar do mundo, alguén escribe un Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro. O que escribe, nesta ocasión, é un actor que prefire chamarse intérprete. Así, sen máis explicacións. E este intérprete, dun tempo a esta parte, sofre pesadelos ao soñar cunha sala case baleira, con contadísimos espectadores cos ollos abertos pero sen boca e sen a musculatura facial que a circunda. Rostros illados, distantes e inexpresivos. Ao saír a escena, o intérprete comeza a falar e moverse polo escenario e ao reparar na platea paralízase e enmudece, o tempo pásalle lento, pesado, espeso e esquece que é o que fai nese lugar, e fáltalle aire e sóbralle cobertor e acorda angustiado e vai tomar café para non volver ao soño desacougante. Celebramos o Día Mundial do Teatro nun contexto presuntamente provisorio, no que está restrinxida a razón da existencia do teatro, que é a congregación, o encontro en lugar e tempo das persoas que toman parte no fenómeno artístico da función teatral.

E aínda que este restrinximento non viñese dar na precariedade das intérpretes do teatro, aínda que non significase o empobrecemento material das protagonistas da función teatral, así e todo podería dicirse que supón un golpe mortal infrinxido na parte máis sensible desta arte. Mortal pola dor que provoca na xente da escena e mortal polas ocasións perdidas de comuñón da obra coas espectadoras. O que perdemos, as intérpretes do teatro é o sentido da nosa esencia como tales. Esta peste imprevista vén a sumarse a outras pestes que parecen formar parte indisociable do noso oficio; o desemprego e a baixa consideración social dos/das artistas.

O Teatro é unha arte inmortal, mais esta arte inmortal ten a sua cara viva no agora, no tempo dos vivos que non somos inmortais. Esta xente de agora, está a soster ferida a arte que a humanidade se deu a si mesma para se recoñecer. As intérpretes somos un órgano vital no corpo desta arte inmortal. O teatro non vai morrer, pero hoxe sofre cando este órgano adoece de fame e medo.

As intérpretes do teatro vense impotentes para dar unha vida de calidade a esta arte inmortal no medio desta peste. Choramos na casa e cando nos deixan pisar o escenario, impostamos o que cómpre impostar coa determinación de sempre pero inmersas no pesadelo das butacas deshabitadas e as espectadoras sen rostros. Todo ollos que parecen ollar desde outro mundo.

Hoxe celebramos o Día Mundial do Teatro tras dun ano que quixeramos esquecer pero que nunca se borrará das nosas memorias. Agora comezamos unha volta máis deste planeta doente ao redor do Sol, e cando remate esta volta volveremos celebrar que o teatro existe, e con el existimos nós. Será, posiblemente outro ano cunha realidade semellante a un mal soño, pero cando acordemos, o Teatro seguirá aí.