Volver

A Mostra de Cangas celebra a súa 38ª edición entre o 1 e o 10 de xullo con máis dunha vintena de espectáculos

A Mostra homenaxeará este ano a Xosé Manuel Pazos, entregaralle o Premio Xiria a Camilo Franco e Mulleres en Acción distinguirá co seu galardón a Margatira Ledo

A Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas presentou hoxe a súa 38ª edición, que se celebrará entre o 1 e o 10 de xullo cun programa que inclúe máis dunha vintena de espectáculos, entre producións galegas e do exterior. Este ano, a Mostra homenaxeará a Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas e un dos fundadores da mostra, falecido a comezos de ano, e entregará o Premio Xiria ao Labor Teatral a Camilo Franco. Entre os espectáculos galegos que compoñen a carteleira figuran Mocos, de Contraproducións; Semente. O home que plantaba árbores, de Eme2; O Monte das Aras, de Teatro de Ningures; Ghop!, de Teatro ao Cubo, ou Vencerse é cousa de se tratar, de Fernando Abreu. Tamén se amosarán tres montaxes en coprodución coa propia MITCFC: Castingjo, de Se Rial & Anabel Budiño; Isolada, de Cía. Pajarito e Abracadaver, de Assircopatas. Ademais, o Centro Dramático Galego levará a Cangas a súa coprodución coa Companhia de Teatro de Braga A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño, escrita de Gabriel Feixoo de Araúxo en 1671, considerada a primeira peza teatral en lingua galega conservada. A obra, dirixida por Fran Núñez, quen tamén formará parte do elenco, verase o 10 de xullo en Cangas, tras a súa estrea no Festival de Almagro.

De fóra de Galicia chegarán La señorita Doña Margarita, de Petra Martínez e Juan Margallo; El viento es salvaje, a cargo de Las niñas de Cádiz; Espécies Lázaro, da compañía portuguesa Teatro Art’Imagen; Ritos de Amor y Guerra, por Comando Señoras; Secretos de alcoba, de Miss Beige; El Gran Braulio, de Adrián Conde; Al otro lado, de Zanguango Teatro, ou La Xirgu, de Teatro del Norte.

No contexto da Mostra, celebrarase ademais unha nova edición do premio e das xornadas Mulleres en Acción, cunha programación para darlle visibilidade ao traballo das mulleres no eido cultural e, en concreto das artes escénicas, a través de exposicións, obradoiros e charlas. Margarita Ledo Andión recibirá este ano o galardón, en recoñecemento ao seu labor como cineasta, escritora, xornalista e docente.

Pódese consultar o conxunto da programación na web da Mostra: www.mostrateatrocangas.gal