Volver

Os XV Premios de Teatro María Casares foron a gran festa da escena galega

O Teatro Rosalía de Castro acolleu está noite a gran festa da escena galega, coa cerimonia de entrega dos XV Premios de Teatro María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). A gala, un ano máis, celebrouse na Coruña, o lugar de nacemento da que foi filla predilecta da cidade, María Casares. Máis de 550 persoas, entre actores, actrices, autores, produtores, músicos, bailaríns, directores e demais profesionais de todas as ramas deste sector, non se perderon a cita co teatro galego. O espectáculo sorprendeu pola súa estética e ritmo terroríficos.Estivo dirixido por Carlos Sante e Juanillo Esteban, con dirección musical de Gastón Rodríguez e idea orixinal e guión, de Willy Éter. A cerimonia mobilizou a máis de 70 profesionais. Presentaron Gonçalo Guerreiro e Pedro Brandraiz, adecuadamente caracterizados como o Doutor Crisè e o seu axudante Casemorro, acompañados de artistas como o escocés Johnny Melville. Un dos momentos máis emocionantes da cerimonia foi a entrega a Xan Cejudo do Premio de Honra Marisa Soto. O coruñés, premiado na súa cidade, amosouse moi agradecido e emocionado por este galardón co que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) quixo recoñecer a longa traxectoria deste “mestre de mestres” e máis a súa singular contribución á profesionalización do teatro en Galicia. Durante a cerimonia, o historiador e presidente do Consello da Cultura Galega Ramón Villares leu o Manifesto Galego do Día Internacional do Teatro. Premiados MELLOR MAQUILLAXE: Tanxarina por “Trogloditas” de Tanxarina MELLOR VESTIARIO: Carlos Alonso por “Trogloditas” de Tanxarina MELLOR ILUMINACIÓN: Suso Díaz por “O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca” de Sarabela Teatro MELLOR MÚSICA ORIXINAL: José Luis Prieto e Carlos Mosquera “Mos” por “Life is a Paripé” de Obras Públicas MELLOR ADAPTACIÓN-TRADUCIÓN: Avelino González por “Un Cranio Furado “ de Producións Teatráis Excéntricas MELLOR TEXTO ORIXINAL: Rubén Ruibal por “Limpeza de Sangue” de Espello Cóncavo MELLOR ESCENOGRAFÍA: Marcelino de Santiago “Kukas” por “Un Cranio Furado “ de Producións Teatráis Excéntricas MELLOR ACTRIZ SECUNDARIA: Marta Ríos por “Volpone” de Talía Teatro. MELLOR ACTOR SECUNDARIO: Santi Romay por “Un Cranio Furado “ de Producións Teatráis Excéntricas MELLOR ACTRIZ PROTAGONISTA: Iolanda Muiños por “Life is a Paripé” de Obras Públicas MELLOR ACTOR PROTAGONISTA: Evaristo Calvo por “Un Cranio Furado“ de Producións Teatráis Excéntricas MELLOR DIRECCIÓN: Marta Pazos por “Super8” de Voadora MELLOR ESPECTÁCULO: “Un Cranio Furado“ de Producións Teatráis Excéntricas