Volver

A AAAG recoñece a Gonzalo Uriarte co premio de honra Marisa Soto 2010

Gonzalo Uriarte, actor de dilatada traxectoria no teatro e no audiovisual, recibirá o Premio de Honra Marisa Soto 2010 outorgado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). A decisión foi dada a coñecer pola Xunta Directiva da AAAG que deste xeito quere homenaxear ao que foi o seu primeiro presidente trala constitución desta entidade en 1985. Neste 25 aniversario a AAAG quere honrar así “na persoa de Gonzalo Uriarte non só a un excepcional actor cunha longa traxectoria nas artes escénicas senón tamén simbolizar nel o recoñecemento a todos os profesionais que fixeron posible a fundación da AAAG”, asegurou o presidente da Asociación, Vicente Montoto. O recoñecemento entregarase o vindeiro 24 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña, durante a gala dos Premios de Teatro María Casares 2010.

Nado na Coruña en 1952, Gonzalo Uriarte leva tras de si unha longa traxectoria que comezou como co fundador da compañía de teatro Troula en 1978, ano clave para a escena galega. Ese mesmo ano acadaría o seu primeiro recoñecemento co Premio da Crítica 1979 co espectáculo “O Velorio”. E é que Uriarte estaría moi presente nos difíciles inicios tanto no teatro como no audiovisual galego: en 1984, data de creación do Centro Dramático Galego, formou parte do reparto do primeiro espectáculo da compañía, “Woyzek”, mentres que no 89 forma parte de Continental, considerada un dos xérmolos do cinema galego actual.

Despois virían preto dunha trintena de montaxes, co Centro Dramático Galego, Produccións Noroeste, Teatro do aqui, Teatro do Morcego ou Talía Teatro e tamén os recoñecementos. Foi galardoado co Premio María Casares 1997 ao mellor actor protagonista por “A noite das Tríbades”, dirixida por Xulio Lago, e tamén obtivo o María Casares ao mellor actor secundario pola persoaxe de Horacio no espectáculo “Hamlet”, en 2007.

No audiovisual tamén lle chegaron os premios: Agapi 1998 á mellor interpretación masculina polo seu traballo en “A lingua das bolboretas”, de José L. Cuerda. A súa presenza en producións como “Mareas Vivas”, “Rías Baixas” ou “As leis de Celavella” non pasaría desapercibida aínda que foi a súa interpretación do papel de Cosme na serie “Libro de Familia” pola que acadaría a nominación na categoría de mellor actor secundario nos Premios Mestre Mateo 2006. “El Comisario” ou “Hospital Central” tamén lle deron a oportunidade de mostrar o seu talento no audiovisual español.

Con este premio, os actores e actrices de Galicia recoñecen un completo actor que tamén desenvolveu traballos na dobraxe poñéndolle voz, entre outros, a Dirk Bogarde en “Historia de dúas cidades”. Recentemente Uriarte sumaba un novo recoñecemento ao recibir o Maruxa Villanueva do Concello de Padrón á súa traxectoria actoral.