A fraxilidade como potencia e os límites como motor. Os tempos lentos na construción poética da imaxe e o corpo colectivo como paisaxe. O silencio e a espera na procura, a repetición como salto ó descoñecido. Estas e outras premisas, características da miña pesquisa creativa, son as que guiarán as nosas sesións e darán lugar a múltiples e inesperados universos polos que pasear.
A docente
Creadora-coreógrafa, intérprete e docente en artes do movemento, é Licenciada en C.C. da Actividade Física e do Deporte e realiza o One Year Certificate in Contemporary Dance en The Place (Londres).
Dirixe a súa propia agrupación Pisando Ovos dende 2004 coa que recibe o primeiro premio do XXI Certamen Coreográfico de Madrid no 2007. A compañía conta con nove creacións coas que participa de forma habitual nas Redes de teatros autonómicas e nacionais, así como nalgúns dos festivais nacionais ou internacionais máis destacados do panorama actual das artes vivas.
En paralelo ó seu proxecto con Pisando Ovos colabora con outras compañías de teatro e danza na dirección e asesoramento de movemento como con Las Tricotouses, Chévere, Traspediante, Voadora, Paula Quintas, Masamadre, Marelas Teatro, Aire no Ar, Sarabela Teatro, Pista Catro, Matarile teatro, Entremans, Félix Fernández ou o Centro Dramático Galego; e tamén como intérprete con Matarile Teatro, Iker Gómez, Lipi Hernández ou Licenciada Sotelo.
Rut participou de diferentes proxectos audiovisuais como os video danza Danza na Terra (Vilaboy) e Katiuska (Antón Coucheiro), na curtametraxe de Toño Chouza Marcela e Elisa e no promocional do festival Propulsa da AGADIC.
Como docente dirixiu a Aula de danza Normal da UDC durante trece anos, e actualmente forma parte do Programa MUSE da Fundación Yehudi Menuhin. Ademais, é integrante do colectivo RPM e foi colaboradora habitual da sección de artes do movemento do Diario Cultura da Radio Galega durante dous anos.
No ano 2019 recibe o Premio da crítica de Galicia das artes escénicas en recoñecemento a súa labor na difusión e dignificación da danza contemporánea en Galicia e recentemente obtén o Premio Maria Casares á Mellor dirección de movemento (2023).
Datas e duración:
12, 13 e 14 de xuño, de 10h a 14h. 12 horas
Lugar:
Salón-Teatro de Santiago de Compostela. Rúa Nova 34.
https://goo.gl/maps/DPPXvZcyZKAa2cpY9
Prazas e selección do alumnado:
Este taller ten 20 prazas activas. A admisión realizarase por sorteo entre as persoas rexistradas en caso de haber máis solicitudes que prazas, constituíndo unha lista de espera de ser o caso.
Prezo:
Socixs AAAG e/ou AISGE: 50 euros
Se levas en paro 6 meses ou traballaches 10 días ou menos nese tempo, tes unha redución do 50% no prezo. Terás que presentar documentación que probe esta situación para acceder a este desconto, exclusivo para o corpo asociativo da AAAG
Non socixs: 90 euros
Inscrición:
Desde o 11 de maio, xoves, ata o 1 de xuño, xoves, ás 15h. a través do formulario que figura na parte superior desta páxina.
Se es membro da AAAG, só tes que iniciar a túa sesión na páxina e pulsar “inscribirme” no formulario. O taller aparecerá nas apartado “inscricións” do teu espazo privado.
Reserva de praza e forma de pago
Comunicarase a lista de admisión o venres 2 de xuño.
Na mesma comunicación de admisión indicarase a forma e datas de pago. No caso de que algunha das persoas admitidas non efectúe o pago nas datas indicadas, a súa praza será adxudicada á seguinte persoa na lista.
De non ter solicitudes suficientes, a organización poderá suspender a realización do taller.