
Concepto e obxectivos (por Alberto Velasco)
Como creador quero construír un espazo seguro onde _s participantes poidan vir xogar a un lugar en que se respecten estas regras básicas: A conciencia da beleza, o non xuízo, a ruptura do tempo e o goce. A partir destes ingredientes as sesións daranse cos materiais e propostas que _s participantes traian dun xeito fácil, cómodo e aberto, individual e colectivamente. Un espazo de encontro e posta en común das ferramentas que me axudan a conectar co meu “eu creador” e escena: poremos sobre a mesa e o estudio distintas dinámicas como a escritura automática, a percepción corporal e a procura activa da poética que activen os dispositivos creadores sen xuízo e abríndonos ao cansazo como resorte creativo.
Estaremos abert_s ao debate, borrador, re-escritura, a escoita, a transversalidade de signos escénicos, a aposta... Un tempo no que estaremos ao servizo da creación e a celebración escénica.
Metodoloxía
As sesións de traballo estarán divididas en tres partes:
1. Circulo de encontros no que manifestamos como nos sentimos con respecto ao traballo e constatamos achados que cremos nos poidan servir para o futuro. Momento de posta en común e de reflexión.
2. Quecemento físico - sensorial a través de múltiples exercicios individuais e colaborativos
3. Dinámicas de creación e mostra das pezas. Cada día crearase unha peza curta cos elementos que foran asignados na dinámica xa sexa individualmente ou en grupo, a peza pode ser escénica, textual, visual, performática, cinematográfica, danza, cociña… realmente aberta ao que se cree no momento. Sen xuízo. Iremos sumando pezas curtas cada día que nos darán un abano moi amplo de posibilidades de creacións futuras.
Defender a nosa identidade única como creadores
O xenuíno e a forza do imperfecto.
Transcender do corpo ao texto e viceversa
Descubrir o noso universo poético, defendelo e potencialo
Conexións do universo cotiá ao poético.
Narrativas que intervirán no relato
Signos escénicos presentes e fantasmas ao servizo da creación
A miña dramaturxia como un acto terrorista & un acto de amor.
O docente
Actor indispensable na escena española. Traballou con Marta Carrasco en obras como Dies Irae, con Hiroko Tanahasi & Alicia Soto en SuperGravityZeroGravity, Carlota Ferrer en Esto no es la casa de Bernarda Alba ou Los Nadadores Diurnos, polo que foi premiado pola Unión de Actores ao mellor actor de reparto de teatro 2023. Con Chevi Muraday en Juana, Cenizas ou En el desierto, peza que recibiu o premio Max das artes escénicas ao mellor espectáculo de danza 2015. Con Alberto Conejero traballou en Clift/Acantilado e con David Serrano en Billy Elliot. El Musical.
As montaxes que creou e dirixiu puideron verse en todo o mundo. Entre elas, cómpre destacar ¡Vaca!, La inopia, Escenas de caza ou Danzad Malditos, que recibiu o Premio Max das Artes Escénicas á mellor montaxe revelación 2015. A súa peza máis recente é Sweet Dreams, que levou os premios Godoff á mellor montaxe 2022 e o premio mellor actor de Teatro da Unión de Actores no mesmo ano. Tamén fai asesorías escénicas para producións doutros creadores como Manuel Liñán, cuxa obra Viva recibiu premios como o da crítica de Xerez en 2019 e o Max do público 2020.
No audiovisual participou tanto en series como en películas. Actuou así en series como Amar es para siempre, Vis a Vis, Señoras del (H)AMPA ou Madres. No cine participou en fitas como La mano invisible, De chica en chica, Una nueva vida ou La familia perfecta. Dirixe tamén curtas como Volcánica ou El Rey de las Flores, gañadora do galardón de mellor curtametraxe de Castela e León na Seminci, mellor autor novel en FICIE e mellor curtametraxe no Festival de Noia.
Datas e duración:
26 de xullo, venres, de 15:30h a 20:30h
27 de xullo, sábado, de 09:00h a 14:00h
10 horas
Lugar:
Casa da Cultura de Ribadavia. Rúa Celso Emilio Ferreiro 4. 32400, Ribadavia MAPA
Prazas e selección do alumnado:
Este taller ten 16 prazas activas. A admisión realizarase por sorteo entre as persoas inscritas no caso de haber máis solicitudes que prazas, constituíndo unha lista de agarda de ser o caso.
As persoas admitidas deberán asistir ao taller con roupa cómoda para o movemento (adaptable a todo tipo de diversidades físicas) así como papel e boli (prescindindo de formatos dixitais).
Prezo:
Socixs AAAG e/ou AISGE: 70 euros
Socixs AAAG no paro: 40 euros
Non socixs: 100 euros
Inscrición:
Dende o 27 de xuño, xoves, ata o 18 de xullo, xoves, ás 15h. a través do formulario que figura na parte superior desta páxina.
Se es membro da AAAG, só tes que iniciar a túa sesión na páxina e premer “inscribirme” no formulario. O taller aparecerá no apartado “inscricións” do teu espazo privado.
Reserva de praza e forma de pago
Comunicarase a lista de admisión o venres 19 de xullo. De rexistrarse máis solicitudes que prazas, constituirase unha lista de espera. Na mesma comunicación de admisión indicarase a forma e prazo de pagamento.
De non acadar solicitudes suficientes, a organización poderá suspender a realización do taller.