Presentación
Cando sentimos desconexión entre a PROFESIÓN (ao que nos gusta dedicarnos), a INDUSTRIA (a actividade económica e produtiva) e o noso BENESTAR PERSOAL, a motivación adoita baixar a mínimos. Isto impide que poidamos avanzar coa nosa carreira, ou que fagamos desde o sufrimento.
As últimas investigacións no ámbito do alto rendemento demostran que as carreiras artísticas máis brillantes están en gran parte determinadas por unha elevada percepción de autoeficacia, de sentimento de autoconfianza e de alta motivación.
Ata un 90% dos y das profesionais no ámbito artístico asegura ter sufrido malestar emocional nalgún momento da súa carreira.
Un 76% refire que este malestar repercutiu de maneira negativa no seu rendemento profesional.
Programa
SESIÓN 1: PROFESIÓN – INDUSTRIA – BENESTAR: encontrar o termo medio.
SESIÓN 2: Primeiros pasos: autocoñecemento e autoestima. Comunicación asertiva.
SESIÓN 3: A arte da calma: facer fronte á ansiedade.
SESIÓN 4: O punto de elección: por que quedas atrapado en pensamentos e adiccións que te arredan dos teus obxectivos artísticos.
Combinaranse explicacións teóricas e exercicios. Non se trata dun grupo terapéutico, senón dun taller psicoeducativo para o adestramento de técnicas psicolóxicas eficaces para facer fronte aos retos da profesión e previr problemas de saúde mental..
A docente, Carmen Acevedo
Son Carmen Acevedo, psicóloga especializada en intérpretes e creadores/as.
Apaixóname o comportamento humano. Levo traballando na atención directa á saúde mental desde que me licenciei no ano 2006, completando a miña formación cun Máster en Psicoloxía Clínica e da Saúde, ampliándoa con formación en Neuropsicoloxía, Terapias de Terceira Xeración, Enfermidade mental grave, Psicoloxía e Artes Escénicas, etc.
Ademais, son actriz. Xa o comentei antes: apaixóname o comportamento humano.
Como psicóloga e actriz, fun testemuña de moitas dificultades ás que se enfrontan os e as artistas ao longo da súa formación e da práctica da profesión. Isto foi o que me impulsou a investigar sobre os beneficios que achega a psicoloxía ao mundo da creación e da interpretación, e como aplicalo de maneira eficaz para axudar a intérpretes e creadores/as a gozar das súas carreiras.
Con ese obxecto fundei On The Stage, plataforma especializada en psicoloxía para intérpretes e creadoras/es, desde onde imparto formación especializada e realizo terapia e coaching individual e grupal a artistas de todo el mundo para impulsar as súas carreiras desde un lugar saudable y de crecemento.
Datas e duración:
4 sesións de 2 horas, de 12h a 14h, os xoves 3, 10 ,17 e 24 de outubro.
8 horas
Lugar:
Este taller realizarase en liña. O alumnado precisará dun dispositivo electrónico con conexión a internet e dispoñer de papel e bolígrafo para certos exercicios.
Prazas e selección do alumnado:
Este taller ten 16 prazas. De haber máis solicitudes que prazas a selección farase por sorteo entre as persoas inscritas.
Inscrición:
Dende o 5 de setembro, xoves, ata o 26 de setembro, xoves, mediante o formulario que figura na parte superior desta páxina.
Se es membro da AAAG, só tes que iniciar a túa sesión na páxina e premer “inscribirme” no formulario. O taller aparecerá no apartado “inscricións” do teu espazo privado.
Prezo:
Socixs AAAG e /ou AISGE: 60 euros
Se levas en paro 6 meses ou traballaches 10 días ou menos nese tempo, o prezo será de 40 euros. Terás que presentar documentación que xustifique a situación para acceder a este desconto, exclusivo para o corpo asociativo da AAAG
Non socixs: 90 euros
Reserva de praza e forma de pago
Comunicarase a lista de admisión o venres 27 de setembro. De rexistrarse máis solicitudes que prazas, constituirase unha lista de espera.
Na mesma comunicación de admisión indicarase a forma e data de pagamento.
De non acadar solicitudes suficientes, a organización poderá suspender a realización do taller.